Terceira renuncia na dirección de Podemos Galicia para sumarse a Carolina Bescansa en Más País

Ana Abella Galego presentou a súa dimisión na formación morada.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/10/2019 | Actualizada ás 16:11

Comparte esta noticia

Ana Abella Galego, afín a Carolina Bescansa e membro ata este luns do Consello Cidadán Autonómico de Podemos Galicia, presentou a súa dimisión do órgano de dirección do partido morado galego, polo que xa son tres as persoas que abandonan a formación tras confirmarse que Carolina Bescansa liderará o proxecto de Más País no territorio galego.

A deputada Carolina Bescansa xunto a 'As Marías' de Santiago. EUROPA PRESS - Arquivo
A deputada Carolina Bescansa xunto a 'As Marías' de Santiago. EUROPA PRESS - Arquivo | Fonte: Europa Press

Nun escrito de renuncia dirixido ao secretario xeral de Podemos Galicia, Antón Gómez-Reino, Abella Galego aduce motivos persoais e razóns radicadas no "clima político que se está vivindo" para abandonar a dirección da organización.

Esta renuncia súmase ás da exsecretaria de Organización, Natalia Prieto, e a de Rogelio Santos, irmán da exsecretaria xeral de Podemos Galicia e deputada de Común da Esquerda, Carmen Santos. Ambos presentaron a súa renuncia nos últimos días e formarán parte das listas electorais de Más País.

Trátase de dúas persoas próximas á que fora líder do partido en Galicia ata outubro de 2018 e quen aínda é deputada do Parlamento galego polo Grupo Común a Esquerda, no que comparten espazo Podemos, Esquerda Unida (EU) e Anova.

Rogelio Santos, Natalia Prieto e Ana Abella foron electos para o órgano de dirección de Podemos Galicia baixo a candidatura que Bescansa lideraba nas primarias celebradas hai un ano, nas que a socióloga santiaguesa saíu derrotada pola lista de Gómez-Reino, que gozaba do apoio da dirección estatal.

CANDIDATURA DE MÁS PAÍS EN GALICIA

O proxecto político do exnúmero dous de Podemos, Íñigo Errejón, en Galicia conta deste xeito con varios xa ex-integrantes da cúpula de Podemos Galicia. Ademais de Bescansa e Daniel Liceras como cabezas de lista pola Coruña e Pontevedra, respectivamente, aparecen nas listas ex-integrantes do Consello Cidadán como Natalia Prieto Fernández e Rogelio Santos Queiruga, que dimitiron esta mesma semana.

Así, a lista por Pontevedra ao Congreso, a falta de ratificación por parte dos inscritos, encabezaraa o xestor ambiental Daniel Liceras Pascual, seguido por Eduardo Alfonso Ortiz Prezado, Ruth Vallejo Vidal, Laura Villaverde Rodríguez e Sergio Míguez Bello. Nesta circunscrición non figura candidatura para o Senado.

Por parte da Coruña, tras Carolina Bescansa están Natalia Prieto, Bieito Cambeiro Porrua, Eduardo Martínez Nieto, José Manuel Romarís Cercós e Rogelio Santos Queiruga como candidatos á Cámara Baixa. Ao senado, Olga Dourado González, próxima a Bescansa, aparece como candidata única, con Manuel Iglesias e Fabiana Beatriz García Porto de suplentes.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta