Traerá inestabilidade a irrupción de Más País no grupo Común da Esquerda?

A maior parte dos candidatos da formación de Errejón en Galicia son militantes de Podemos e, entre eles, algúns moi vinculados á ex secretaria xeral da formación en Galicia, Carmen Santos. Hai quen cre que se pode repetir o que xa aconteceu con AGE, algo que descartan desde a dirección de Podemos e do grupo parlamentario.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 07/10/2019 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

“O grupo traballa con absoluta normalidade e ningún dos dez deputados que o forman están nunha lista electoral”. Así de contundente respostaba este luns a portavoz de Común da Esquerda e membro da dirección de Podemos-Galicia, Luca Chao, tras as dimisións que houbo neste partido nos últimos días para pasarse a Más País, entre os que se atopan inscritos afíns á que foi secretaria xeral de Podemos en Galicia e actual deputada deste grupo, Carmen Santos.

A parlamentaria do Grupo Común da Esquerda, Luca Chao, en rolda de prensa
A parlamentaria do Grupo Común da Esquerda, Luca Chao, en rolda de prensa | Fonte: Grupo Común da Esquerda

"Estamos comprometidas coa defensa do ben común e non cabe dúbida de que imos seguir comprometidas ata terminar co Goberno de Feijóo", manifestaba Chao. Con todo, distintas fontes consultadas por GC confirman que a irrupción de Errejón no panorama galego e, sobre todo, que sexa Carolina Bescansa a elixida para liderar a lista na Coruña, engade moita inestabilidade á precaria situación que vive xa o grupo parlamentario de Común da Esquerda.

Entre as persoas que dimitiron e que concorrerán no proxecto cuxa lista pola Coruña ao Congreso encabezará Carolina Bescansa está Rogelio Santos, irmán de Carmen Santos e Natalia Prieto, ex secretaria de Organización da formación morada. Tamén Ana Abella Galego, membro ata este luns do Consello Cidadán Autonómico de Podemos Galicia. Os tres foron electos para o órgano de dirección de Podemos Galicia baixo a candidatura que Bescansa lideraba nas primarias celebradas hai un ano, nas que a socióloga santiaguesa saíu derrotada pola lista de Gómez-Reino, que gozaba do apoio da dirección estatal. 

EFECTO AGE

Estes tres dirixentes de Podemos son tamén moi próximas a Carmen Santos –un deles é o seu irmán-- e Julia Torregrosa, tamén deputada, que apoiaron firmemente a lista de Bescansa. Por iso, nos últimos días saltaron as alarmas no grupo Común da Esquerda, onde están, agora, Anova, Podemos e EU. Temen que se repita unha nova división do grupo logo da traumática marcha do ex voceiro Luís Villares e tres deputados máis de En Marea ao Grupo Mixto.

Natalia Prieto, Julia Torregrosa e Carmen Santos
Natalia Prieto, Julia Torregrosa e Carmen Santos

E é que de acontecer unha nova división se repetiría o bochornoso espectáculo vivido en Alternativa Galega de Esquerdas (AGE), o grupo que sacou 9 deputados nos comicios de 2012, e que rematou con dúas das súas deputadas no Grupo Mixto. 

Polo momento, ninguén quere mover ficha. Torregrosa e Carmen Santos, que publicou nas súas redes sociais mensaxes de apoio a Íñigo Errejón, manteñen oficialmente silencio sobre o novo partido de Errejón e tamén sobre o seu futuro no grupo, aínda que as fontes consultadas apuntan que Santos tería comentado a posibilidade de seguir como deputada de Común da Esquerda, pero defendendo a marca de Más País, algo que neste grupo din que é inviable.

Por iso, e ante os numerosos ruxe-ruxe, a voceira deste grupo, Luca Chao saía este luns a cortar as especulacións en seco ao suliñar que hai “normalidade” e ningún dos dez deputados que o forman “están nunha lista electoral”

PODEMOS, CANTEIRA DE MÁS PAÍS

Con todo, en Galicia os dous cabezas de lista na Coruña e Pontevedra proceden da dirección de Podemos; Carolina Bescansa, co fundadodra de Podemos pola Coruña, e Daniel Liceras, ex responsable de medio ambiente de Podemos Galicia, por Pontevedra.

Na lista tamén hai numerosos militantes da formación morada. Así, pola Coruña, vai en segundo lugar pola exsecretaria de Organización da formación morada galega, Natalia Prieto. Tamén figuran na candidatura Bieito Cambeiro Porrua, Eduardo Martínez Neto, José Manuel Romarís Cercós e Rogelio Santos Queiruga. Para o Senado a elixida é Olga Dourado González, e como suplentes Manuel Iglesias Dorda e Fabiana Beatriz García Porto.

En Pontevedra, os candidatos ao Congreso son Daniel Liceras Pascual, Eduardo Alfonso Ortiz Preciado, Ruth Vallejo Vidal,Laura Villaverde Rodríguez e Sergio Míguez Belo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 3 comentarios

3 Moine

É umha vergonha que no País tenhamos disputas madrileñas. Di do colonizados que estamos.

2 no me fio

Humilde opinión! Eu con tanto cambio que fan de partidos, siglas e chorradas varias.....pois que queres que che diga....."no me fio" "no me fio" de votalos, e que dentro de 3 meses sexan a saber o qué. Un pouco de coherencia! Se teñen a mesma ideoloxía, pensan igual....e aspiran ó mesmo.....non sei pq carallo se dividen......simplemente que se non se saben enterder entre eles....imaxínate nun goberno con responsabilidades.

1 Gamela

o efecto AGE xa se deu coa ruptura de En Marea! (non foi Villares quen marchou, aínda que o pareza!) O Grupo Común da Esquerda é dende hai tempo unha franquicia de EsquerdaUnida!