Mapa do baleiro industrial: Ence, a empresa da discordia

As opinións sobre a prórroga a Ence asinada por Mariano Rajoy, son encontradas. Desde quen defende a empresa como columna económica de toda a área de Pontevedra a quen considera que ese punto non é certo. A Audiencia Nacional está estudando o caso logo de tres recursos presentados. De momento, todo está no aire á espera do que digan os tribunais e, no medio, un enfrentamento que xa dura décadas.

Por Moncho Mariño | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/10/2019 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

A instalación da factoría de Ence en Pontevedra en 1957 abriu unha relación de amor e odio entre a cidadanía da comarca de Pontevedra e a compañía. Empresa Nacional de Celulosa, logo Grupo Ence cando saíu a bolsa en 1995, mantén hoxe en día unhas instalacións industriais cuxa ubicación depende dunha concesión do Estado por setenta e cinco anos que foi prorrogada polo goberno e funcións de Mariano Rajoy.

Celulosa de Ence en Pontevedra. Foto: sufercosmovision flickr
Celulosa de Ence en Pontevedra. Foto: sufercosmovision flickr

Á parte da situación desta planta, tamén están as emisións tanto aéreas como acuáticas de produtos procedentes das súas instalacións, froito do tratamento da madeira de eucalipto para a fabricación de pasta de papel. Os seus detractores critican os malos cheiros que envolven a cidade de Pontevedra e arredores, motivo de queixa desde os primeiros anos por parte da cidadanía. Pero Ence segue en Lourizán, segue producindo, hai postos de traballo e xunto a isto, hai sectores sociais que desexan o seu peche ou traslado a outro lugar. Nos últimos meses a fenda aberta entre partidarios e detractores chega a cotas de enfrontamento político.

O ESTADO DAS COUSAS

“O estado de ánimo entre os traballadores e traballadoras é de preocupación” di Ana Cedeira, presidenta do comité de empresa Ence-Oficinas. “Cando o 8 de marzo a avogacía do Estado dicía non, todos os traballadores recibímolo como un golpe moi duro”. Así, o cadro de persoal decide mobilizarse “para a defensa dos seus postos de traballo”. Mais o ánimos seguen expectantes ante o que poda dicir a Audiencia Nacional.

O Concello de Pontevedra presentara un recurso contra a prórroga. O Goberno central de Pedro Sánchez decidiu que a avogacía do Estado non defendese a prórroga. Agora todo está pendente de resolución. “Sentimos todo o apoio da cidadanía de Pontevedra e de toda Galicia, desde o día 8 de marzo cando a avogacía do Estado decidiu non actuar” estima Cedeira.

A APDR sóbese a un veleiro en contra de ENCE na ría. EUROPA PRESS - Arquivo
A APDR sóbese a un veleiro en contra de ENCE na ría. EUROPA PRESS - Arquivo

Non obstante, sobre a relación entre cidadanía e empresa, a Plataforma en Defensa da Ría de Pontevedra (PDR), non ve un apoio social grande cara a factoría. “Eu non o vexo un apoio como di o comité, en tal caso, se ven como sociedade aos colectivos que Ence paga, eses colectivos calan” di Antón Masa, da PDR. “Algúns colectivos reciben esmolas, porque son esmolas, mais nin sequera se manifestan a favor de Ence”. A Plataforma considera que “se agora se propuxese o traslado de Ence sen perder os postos de traballo, asinaría todo o mundo”.

Nós como comité de empresa temos que defender os postos de traballo” sinala Cedeira, “non somos políticos, só queremos manter os nosos postos en Lourizán e sobre o demais non entramos en valoracións e non queremos politizar este tema”. Os postos de traballo directos, segundo a presidenta do comité de empresa son 400 directos e logo, de maneira indirecta a 5.000 familias.

“Ence ten destruído postos de traballo directos dentro das súas instalacións, e postos indirectos, porque na ría traballaban 10.000 persoas e hoxe son 400, sobre todo por causa de Ence” sinala Masa, que tamén manifesta a falta de implantación de novas empresas pola mala fama da zona por causa da celulosa. “Cando empezou Ence eran seiscentos traballadores, hoxe son 230 na fábrica e 100 en oficinas, 330, por tanto, eliminou postos de traballo dentro”.

PRÓRROGA

Mariano Rajoy asinaba en xaneiro de 2016 a prórroga para a continuidade da factoría de Ence en Pontevedra. Ampliaba así o período de concesión outros sesenta anos, ata o 2073. As protestas non tardaron en chegar. As posturas a favor e en contra deixaron moi ben definidos os perfís de cada quen nesta cuestión. Hai que ve unha manobra política detrás con apoio de intereses económicos din uns, outros falan de quereren deixar sen futuro a comarca, de eliminar postos de traballo e de querer deixar sen futuro o rural.

“Cando os actuais donos de Ence mercaron a fábrica sabían que en 2018 caducaba a concesión, mercárona a prezo de saldo” sinala Antón Masa. A concesión extinguíase porque remataba o período establecido. En 1958, ano da conseción, pedíase que a empresa non causase molestias ou danos ou malos cheiros. “Sobre este punto está a condena  por delito ecolóxico do ano 2002, tamén está condenada por faltas sobre a saúde das persoas”. Se isto é así, a concesión tería que ter caducado hai tempo.

As verteduras á ría de fluídos que puideran causar dano ao ecosistema, estaban tamén recollidas na documentación para a instalación de Ence. “Non se podería sobrepasar das 20 partes por millón de Demanda Biolóxica de Osíxeno (BDO), os datos que publica Ence e ten a Xunta, podo asegurar que ata o 2006 ou 2008 estivo incumprindo ese parámetro” describe Antón Masa. Se isto era así, a caducidade por cuestións medioambientais non se cumpriu.

En 2013 modifícase a lei de Costas que ao seu tempo permitiría a permanencia de Ence en terreo marítimo-terrestre de dominio público. Dentro deses terreos poderían estar aquelas empresas vinculadas de maneira directa coa actividade mariña, como depuradoras de marisco ou outras instalacións semellantes. A mesma lei de costas modificada di que ningunha instalación poderá permanecer en terreo público marítimo-terrestre máis de 75 anos. Coa prórroga as instalacións poden estar ata 2073 e non ata 2043 que era cando finalizaba a primeira data de concesión.

A PDR reunírase en 2018 coa Dirección Xeral de Costas do Goberno central. O organismo público declarou que a cuestión de Ence estaba xudicializada. Ese mesmo ano, a avogacía do Estado, coa xurisprudencia existente, dáballes a razón á PDR, que había que anular a prórroga. Polo momento, está na Audiencia Nacional, aínda se espera a decisión.

A postura da avogacía do Estado en 2018, sobre a prórroga de permanencia en Lourizán da pasteira, é algo que deixou desconcertados aos traballadores, segundo Ana Cedeira. “Nós quixeramos saber por que, é algo inaudito, non entendemos ese cambio”.

MANIFESTACIÓN DE APOIO

O 26 de abril de 2019 unha manifestación percorreu a cidade de Pontevedra reclamando a continuidade da celulosa nos actuais terreos de dominio marítimo-terrestre. A esa manifestación acudiron entre outros, o presidente provincial do PP e vicepresidente da Xunta Alfonso Rueda. As críticas a esta presenza falaban de intereses políticos definidos detrás da manifestación.

“A esa manifestación asistiu todos os que quixeran, asistiu máis dun partido e fixérono para apoiar aos traballadores” lembra Ana Cedeira que tamén apunta o feito de acudiren “representantes da industria galega, autoridade portuaria e o sector forestal galego”.  “Sentimos todo o apoio da cidadanía de Pontevedra e de toda Galiza, desde o día 8 de marzo cando a avogacía do Estado decidiu non actuar” estima Cedeira. “Non só nos apoiaron empresas relacionadas coa madeira, senón doutros sectores”.

A PDR considera que aquela manifestación foi “bastante penosa, estaba Rueda, a alcaldesa de Marín e o candidato do PP para a alcaldía de Pontevedra” di Antón Masa. “Hai que ter en conta que o PP ten unha connivencia absoluta con Ence que leva a permitirlle o incumprimento da lexislación”.

Para Masa este último punto non é estaño que sexa así porque, como apunta, no consello de administración hai “un exconselleiro de Medio Ambiente, Carlos del Álamo, unha exministra do PP, Isabel Tocino, irmáns dalgúns exmnistros do PP, iso crea uns lazos”. Ademais disto, o membro da PDR sinala que hai menos dun ano “a muller do responsable de Ence Pontevedra era subdirectora xeral de Coordinación Medioambiental da Xunta”. Un posto desde onde se debe controlar os índices de contaminación das empresas.

MEDIOAMBIENTE

“As medidas medioambientais de Ence son importantes, temos conseguido un premio sobre medioambiente e cumprimos todos os parámetros” sinala Cedeira. “Nós consumimos a nosa propia enerxía, a través da biomasa, reciclamos a nosa biomasa para autoxerar a nosa enerxía en economía circular”. Ademais, a presidenta do comité indica que “as confrarías están apoiando, iso quere dicir que cando nos apoian é que estamos facendo algo ben”.

“Ence está incidindo negativamente no ciclo da auga porque usa cada día 40 mil metros cúbicos do Lérez, mentres que verte case outro tanto de auga contaminada á ría de Pontevedra” sinala Antón Masa. A polución desas augas é debida a materia orgánica, segundo a PDR, sólidos en suspensión e fósforo e nitróxeno. “Cando lles deron os valores que lles permitían verter en tempos do bipartito, eses valores eran superiores aos permitidos na lexislación”. Á parte indica a PDR que se están queimando aceites industriais usados para crear máis poder calorífico que non dá por si mesma a biomasa.

Economicamente as consecuencias dun peche de Ence en Pontevedra só se poderían analizar co tempo, non obstante desde o comité de empresa cre que “afectaría a toda unha comunidade autónoma”. Aínda así non entran a valorar cuantitativamente a incidencia do peche “o que si podemos dicir é que o sector da madeira e a industria veríase moi afectada, sería unha catástrofe para Galicia”.

“Ence non paga impostos en Galicia, faino en Madrid” di Masa mentes apunta que “o peche é inevitable se segue incumprindo a lexislación, mais se segue facendo o que quere poderá continuar”. Para a PDR, Ence non é o “motor económico de Pontevedra”, non obstante apuntan que “outras empresas teñen 1.000 traballadores mentes que eles teñen 230”. Ademais “din que o monte galego depende deles, iso non é certo, Ence merca o 50%  do eucalipto que se corta en Galicia, tanto Ence Pontevedra como Ence Navia” sinala Antón Masa.

CONTACTOS CON ENCE

Galicia Confidencial púxose en contacto con Ence que declinou facer declaracións. Por outra parte, ademais de CCOO, os sindicatos UGT e CIG tamén teñen representación na factoría, mais non responderon aos chamados deste medio.

A conclusión é que existen dúas partes, unha favorable e outra non, para a permanencia de Ence en Pontevedra. Os actuais donos teñen unha nova prórroga que agora mesmo está en cuestión e nos tribunais. Os e as traballadoras temen polos seus postos, mais hai sectores que apuntan que son utilizados polos intereses que hai na empresa como “excusa” para permanecer na ría. De momento, hai que esperar o que digan os tribunais.

ENCE desde a Ría de Pontevedra
ENCE desde a Ría de Pontevedra
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta