Galicia advirte de que "o atraso" na aprobación dos beneficios fiscais do Xacobeo 2027 "pon en risco" a súa proxección

A Xunta puxo 408 sancións en inspeccións durante 2024 a instalacións turísticas e anuncia un reforzo de profesionais, especialmente para VUT.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO | 08/04/2025 | Actualizada ás 20:01

Comparte esta noticia

O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, alertou este martes de que "o atraso" na aprobación dos beneficios fiscais para as empresas que queiran patrocinar o Xacobeo 2027, debido á falta de Orzamentos Xerais do Estado, "pon en risco a planificación e proxección internacional do evento". Segundo informa a Xunta, así o aseverou Merelles este martes durante a reunión do Consello de Turismo de Galicia, na que asegurou que a atracción de investimento privado mediante desgravacións tributarias "fortalece o tecido empresarial e xera emprego".

O director de Turismo destacado que, nas últimas catro celebracións do Xacobeo (1999, 2004, 2010 e 2021-2022), o apoio privado a esta celebración supuxo unha achega de 90,8 millóns. Esta colaboración permitiu organizar unha programación "diversificada" e "completa" que axudou a expandir a marca Camiño de Santiago e Galicia "a nivel global". Neste contexto, Merelles insistiu en que as empresas interesadas en ser patrocinadoras deben coñecer "canto antes" o marco fiscal aplicable e reivindicou que o Goberno autonómico xa deu pasos para que o Estado aprobe estes beneficios.

En concreto, en 2024, aprobouse na comisión executiva do Consello Xacobeo unha instancia de Galicia ao Ministerio de Cultura para que se incorporase esta desgracación nos Orzamentos Xerais do Estado. Tamén o Parlamento galego e o Senado --en ambas as cámaras, o PP ten maioría absoluta-- aprobaron resolucións neste sentido. "Estas peticións non están a ser atendidas pola incapacidade do Goberno de sacar adiante os Orzamentos Xerais do Estado", insistiu Merelles, antes de criticar as "trabas" postas no Congreso ao vetar a tramitación parlamentaria dunha proposición de lei do PP para recoñecer como acontecementos de excepcional interese público eventos como o Xacobeo 2027.

PLAN INSPECCIÓN

O Consello de Turismo de Galicia tamén analizou o plan de inspección de Turismo de 2025, despois de que durante 2024 se realizasen un total de 4.134 visitas a establecementos co fin de garantir que cumprían a legalidade. Deste total, abríronse 408 expedientes sancionadores que tiveron especial incidencia nas cafetarías e bares, e nas vivendas de uso turístico. Ademais, Merelles anunciou que o corpo de inspectores incrementarase con novos profesionais que reforzarán o servizo, especialmente no tocante ás vivendas de uso turístico.

O Camiño de Santiago foi outro asunto analizado nesta reunión, sobre todo o plan de seguridade viaria, no que se invisten 40 millóns de euros para a protección co horizonte posto en 2027. Segundo a Xunta, xa están en marcha todas as actuacións que contempla este plan e as máis avanzadas son as do Camiño Inglés, ao seu paso por Santiago e Abegondo. Do mesmo xeito, haberá actuacións no Camiño de Inverno e no Mozárabe-Vía da Prata, en concreto en 38 km en cada un dos itinerarios. Tamén se actuará en 25 quilómetros do Camiño Norte, en 20 do Francés e en case 15 do Camiño Primitivo. Os traballos comprenderán tamén preto de 7 quilómetro no Camiño Portugués e pola Costa, 4 quilómetros no Inglés e 2 no de Fisterra-Muxía.

Consello de Turismo de Galicia presidido polo director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles
Consello de Turismo de Galicia presidido polo director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles | Fonte: XUNTA

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta