Anxo Lorenzo recoñece o legado de Camilo José Cela e aposta por dar "máis proxección" á súa casa-museo

No 30 aniversario da concesión do Nóbel, Lorenzo recoñece o "esforzo" que se necesita para manter a difusión dos escritores.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/10/2019 | Actualizada ás 14:56

Comparte esta noticia

Hai xusto 30 anos, o 19 de outubro de 1989, a academia sueca facía pública a concesión do Premio Nóbel de Literatura a Camilo José Cela, o único autor galego con esta distinción e unha figura que conta cun "valiosísimo legado" que aínda pode crecer en aspectos como a difusión da súa casa-museo en Iria Flavia, á que a Xunta aposta por dar "máis proxección".

Así o asegurou, nunha entrevista concedida a Europa Press con motivo desta efeméride, o director xeral de Políticas Culturais, Anxo Lorenzo, que considera esa data "unha oportunidade" para dar a coñecer aínda máis a figura e a obra de Cela e para "seguir pondo en valor o seu legado".

Para iso, a Xunta, a través da Fundación Cela, desenvolverá ata decembro un calendario específico de celebracións, actuacións e iniciativas que lembren este 30 aniversario, que se centrarán "especificamente no ámbito literario" e se orientaran en boa medida a que os pequenos e mozos galegos coñezan tanto ao autor como a relevancia do Nóbel de Literatura, cuxa figura permite "achegarse a unha etapa central da historia de España".

Do mesmo xeito, a Xunta, a medio prazo, aposta por "pór en valor" casa-museo de Camilo José Cela, situada en Iria Flavia e que acolle o "valiosísimo legado" do autor. "Sempre se pode facer máis", recoñece o responsable autonómico en relación á difusión deste espazo, no que a Xunta centra boa parte do recoñecemento do autor padronés. "Ímolo desenvolver, pero dando pasos firmes", destaca.

Do mesmo xeito, Anxo Lorenzo incidiu nos lazos tendidos entre a Fundación Camilo José Cela e a de Rosalía de Castro, pondo en valor Padrón e a súa contorna como "un dos lugares cun substrato literario enorme para Galicia", e as iniciativas para establecer rutas literarias en base ás obras de Cela, como a que existe coa Deputación de Guadalajara.

A presentación da nova web da Fundación, a dixitalización de fondos que se atopa en marcha ou campañas nas redes sociais son algunhas das iniciativas que servirán para celebrar este aniversario, no que tamén haberá conferencias e, en novembro, o III Encontro de Escritores en Iria Flavia', que, baixo a dirección de Care Santos, volverá reunir a unha trintena de novos escritores aos que Cela axuntou por primeira vez en 1998, como Juan Manuel de Prada, Lorenzo Silva, Ángela Vallvey, Óscar Esquivias ou Blanca Riestra.

A pesar de que a súa significación se adscribe sempre á literatura en castelán, Anxo Lorenzo fixo fincapé na vinculación de Cela con Galicia, que "está moi reflectida nos seus textos". A maiores, eloxiou de forma particular a súa decisión de "legar a Galicia toda a súa correspondencia", unha documentación "valiosísima" que podería estar hoxe "nun fondo privado americano". "É algo moi importante, destacar que el quixo que quedase en Galicia en lugar de optar por outros camiños", apostilou.

UN ESFORZO POR MANTER A DIFUSIÓN

O director xeral de Políticas Culturais considera que a difusión actual da figura de Camilo José Cela, a 30 anos da concesión do Nóbel, é boa, aínda que admite que as administracións teñen que "facer un esforzo" continuo para "manter unha certa actualidade nos autores". "Hai moitos autores e é difícil manter a proxección co paso do tempo", destacou.

No caso de Cela, a súa casa-museo e a súa figura fai fronte, ademais, aos ecos deixados pola situación da súa fundación cando aínda era privada, antes de 2011, unha etapa marcada pola mala xestión económica e as polémicas, algo que desembocou na conversión desta entidade en pública.

Hoxe, coa Xunta á fronte, a situación está "normalizada" e trabállase nun marco "estable", destacou Lorenzo, desde que en 2016 se celebrou o centenario do autor. "Estes anos tivemos que facer fronte ás cuestións que quedaran desa etapa, pero a día de hoxe eses temas xa están solucionados a nivel xudicial", afirmou o director xeral.

Tamén desde 2016 marca Anxo Lorenzo o labor de reflexión que "levou á modernización do discurso museográfico" desta fundación en Padrón, o que deu paso á "posibilidade dunha visita moderna e actualizada dos fondos e do legado valiosísimo de Cela".

Camilo José Cela. FUNDACIÓN CELA
Camilo José Cela. FUNDACIÓN CELA | Fonte: EUROPA PRESS - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta