Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/11/2019 | Actualizada ás 21:30
Unhas 200 persoas secundaron este venres en Ares (A Coruña) a convocatoria formulada pola plataforma 'Nunca Máis' para esixir "información pública, transparente e detallada" sobre a xestión de accidente do 'Blue Star', encallado na costa deste municipio desde hai unha semana e do que aínda non se extraeu o combustible.
Na protesta que arrincou ás 20,00 horas na praza situada ante o antigo Consistorio deste municipio coruñés, o biólogo Joan Luís Ferreiro foi o encargado de dar lectura a un manifesto a través do que os presentes reclamaron "diálogo permanente coas entidades do sector pesqueiro e marisqueiro eventualmente afectadas".
Ademais, esixiron que as decisións relativas "á protección do ecosistema mariño e da actividade produtiva pesqueira e marisqueira" sexan "públicas" e que non estean "vinculadas aos intereses privados de empresas de salvamento, da casa armadora, nin das aseguradoras". Por iso, subliñaron que "a xestión do 'Blue Star' non pode ser un negocio".
BARREIRAS ANTICONTAMINACIÓN
Nun momento no que o gasóleo e o fuel aínda están no interior do buque accidentado, os manifestantes esixiron a "adopción das medidas precisas para evitar o derrame das 105 toneladas de combustible".
Ademais, pediu que de forma cautelar que se instalen as "barreiras anticontaminación ao redor do buque", así como "skimmers e sistemas de bombeo desde o mar en caso de vertedura".
De cara ao futuro, a plataforma, que xurdiu co afundimento do Prestige fronte ás costas galegas hai 17 anos, solicitou "garantir a dotación de medios, sistemas e protocolos de control de calquera incidente marítimo que se poida producir no futuro" así como a transferencia a Galicia das "competencias en materia de salvamento marítimo e loita contra a contaminación mariña".
Así, mentres os presentes coreaban o 'Nunca Máis', o portavoz desta plataforma lamentou que "pese o tempo", cambian as formas, pero "permanece a esencia española". "Esa de secaño e alpargata que nin entende nin quere entender o mar e as zuecas", manifestou.
Neste sentido, acusou "aos da alpargata de decidir" polos galegos e lamentou que cada vez sexa "máis difícil poder vivir con dignidade do mar".
"O mar biolóxicamente mais privilexiado de Europa resultou ser o mais contaminado de todo o Estado español, xa que somos os únicos que aínda conservamos zonas catalogadas como C, as de maior contaminación microbiológica, por ser os últimos lugares do Estado onde se están aínda construíndo as depuradoras de augas residuais", criticou.
CORREDOR COSTEIRO
Ferreiro censurou que "a Xunta, no seu único papel de fiel executora das decisións de Madrid, invista máis en portos deportivos que en portos para mariñeiros".
"A nosa posición xeograficamente privilexiada tamén ten a súa parte negra, ter diante das nosas costas un dos corredores marítimos de maior tráfico do mundo, onde miles de barcos de todo tipo pasan a diario por diante da nosa costa, incrementando as posibilidades de sinistro", advertiu Ferreiro. "A maior posibilidade de accidentes, maior dotación de medios", esixiu.
Ademais, durante a súa intervención, o portavoz de 'Nunca Máis' lanzou varias preguntas aos asistentes con respecto ao accidente do 'Blue Star'. "Quen toma as decisións?, Quen di que o combustible non é preciso tocalo e ao día seguinte di que é imprescindible a súa extracción?, Por que ten que vir unha empresa holandesa a realizar un traballo que podería ser perfectamente realizado desde aquí cunha empresa pública?", preguntouse.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.