Por Europa Press / Redacción | A CORUÑA | 03/12/2019 | Actualizada ás 19:03
A Asociación da Prensa da Coruña (APC) manifestou o seu malestar "polas críticas vertidas polo secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, ao xornalista da Radio Galega, Luis Ojea, ao que lle afeou a forma de enfocar unha entrevista",
Nun comunicado, a APC alude á emisión desta polémica entrevista o pasado domingo, na que Caballero e Ojea, editor da fin de semana da Radio Galega e colaborador do xornal conservador ABC, tiveron unha discusión bronca. Por iso, esixe da clase política en xeral "o maior dos respectos ao exercicio da liberdade de información por parte dos profesionais do xornalismo".
Respecto diso, asegura que esta liberdade de información "preside o traballo dos xornalistas, o que os faculta para propor as preguntas que estes desexen, sempre respectando os dereitos constitucionais que asisten a todos", engade.
Durante a discusión en directo, Caballero reprochoulle ao xornalista que insistira en preguntarlle varias veces polas diverxencias que supostamente existen no PSOE entre algúns dirixentes polo pacto con Podemos, e non polo mal que está a sanidade ou a educación con Feijóo, e acusouno de trasladar a un medio público as opinións que manifesta no ABC, medio que saíu na defensa do xornalista. De feito, as opinións de Ojea xeraron un "fondo malestar" no PSdeG.
Polo momento, o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG), o único órgano profesional que existe no país, non se pronunciou sobre este caso.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.