Rueda lembra o Grândola e a súa vitoria electoral para defender Altri: "O pobo é quen máis ordena"

Nova rifa por Altri no pleno: Rueda acusa de "coaccionar" funcionarios ao BNG, que lle afea "franquismo industrial".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/02/2025 | Actualizada ás 11:46

Comparte esta noticia

O proxecto de Altri para Palas de Rei, no foco nos últimos meses debido á contestación que xerou, foi centro dunha nova rifa verbal entre o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e a líder do BNG, Ana Pontón, no Parlamento. Se o mandatario devolveu ao tellado do Bloque as acusacións de "coaccionar" funcionarios, a nacionalista afeoulle "resucitar o franquismo industrial". A xefa de filas do BNG, formación que atribúe á Xunta "ocultar" documentos sobre o proxecto, arrincou a súa intervención cunha pregunta que, afirmou, "fanse moitos galegos e galegas". "Se ese proxecto de macrocelulosa é tan fantástico, por que non o queren en Portugal, señor Rueda?, preguntouse, antes de aseverar que a resposta é "moi fácil": "Porque é unha bomba ambiental".

Ao seu xuízo, ao "apostar" polo plan de Altri, o que demostra Rueda é que os populares "non teñen ningún proxecto industrial de futuro para este país". "O seu proxecto é volvernos ao pasado. O que nos está ofrecendo é recuperar o franquismo industrial das celulosas", censurou. "En 1963 impúñannos unha celulosa neste país por parte do franquismo (en referencia a Ence en Pontevedra) e ese é o modelo que vostedes recuperan en 2025, impornos unha macrocelulosa", recriminou ao presidente galego, antes de recalcar: "o franquismo industrial é o que vostedes ofrecen á xente deste país 60 anos despois, con outra celulosa". Fíxoo, antes de instarlle a "rectificar" cunha apelación: "Non hipoteque o futuro das nosas fillas e fillos", apelou."Non hipoteque o futuro das nosas fillas e fillos", apelou.

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, no hemiciclo.. Xunta de Galicia
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, no hemiciclo.. Xunta de Galicia | Fonte: Europa Press

"HOUBO COACCIÓN: DE VOSTEDES, SEÑORA PONTÓN"

En ton irónico, Rueda tirou de exemplos de empresas ligadas a outros países que producen en Galicia como Stellantis ou Alcoa. "Por que Stellantis non se vai a París? Ou Alcoa, por que non a quere Trump? Esa é a miopía do nacionalismo", esgrimiu. Fíxoo antes de redobrar a aposta verbal e devolver ao Bloque unha acusación que os seus dirixentes dirixiron aos responsables da Xunta nas últimas semanas: supostas "presións" sobre funcionarios para lograr a autorización de Altri.

"Vostedes falaron de coacción aos funcionarios. É verdade. Hóuboa. Sabe de quen? De vostedes, señora Pontón. Unha coacción inxusta, irresponsable, continuada, covarde e indocumentada", sentenciou Rueda, quen insistiu en que, como Pontón "non puido inaugurar" Altri en Pas tras a súa vitoria electoral do ano pasado, agora "dá a batalla" contra o proxecto da compañía. "Pero é o que hai. O pobo é quen ordena", continuou o tamén líder do PPdeG, quen suxeriu a Pontón que, se quere "gañarse a confianza" dos galegos, debería "ter un mínimo de humildade e gallardía" e "pedir perdón a todos os técnicos que vostedes pon en dúbida sen coñecelos nin ter idea da materia, arrogándose uns coñecementos que non ten nin terá na vida".

"MENOS MACHISMO E PATERNALISMO, E MÁIS HUMILDADE"

Na súa réplica, Pontón reivindicouse como líder da oposición apoiada por "case medio millón de galegos e galegas" antes de advertir que, nin neste papel nin como muller vaille a tolerar que cuestione a súa "capacidade de comprensión" nin as súas propostas. "Menos paternalismo, menos machismo e un pouco máis de humildade. A min non me van a calar", advertiu. "Non se me faga a ofendida. Iso, se cadra, a primeira vez, a segunda, a terceira, a cuarta... Pero é que xa 20 veces. Eu fálolle a unha deputada que lle está faltando ao respecto a tantas funcionarias e enxeñeiras con traxectoria dicindo que sabe o que non ten nin idea. Ou non son mulleres?", replicou Rueda, quen por erro (que autocorrixiu de inmediato) chamou "presidenta" a Pontón. Os populares aplaudiron con intensidade.

"SÓ LLE GUSTAN OS INFORMES QUE LLE DAN A RAZÓN"

"Están vostedes máis preto de Trump do que pensabamos, deixen de mentir aos galegos e ás galegas", advertiu Pontón, quen censurou que Rueda se oculte " detrás dos técnicos". "Pero se os únicos informes que lle gustan son os que lle dan a razón", ironizou a nacionalista, antes de exemplificar cos últimos que se fixeron públicos sobre o galego. Pola súa banda, Rueda insistiu no "cambio de postura" do BNG sobre Altri, que vincula con motivos políticos e co feito de non lograr gobernar. Así, suxeriu que á líder do BNG, con "25 anos na poltrona" do Parlamento, non lle importa velar polo futuro e o emprego na comunidade. En fronte, mostrouse convencido de que a poboación quere un goberno que actúe con "firmeza" e que, "se a lexislación se cumpre", os proxectos industriais permanezan "en Galicia".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta