Educación destaca a "progresión e os resultados" da aprendizaxe de inglés en Galicia

Di que prepara un proxecto de inclusión cultural para facilitar a integración de alumnos estranxeiros

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/02/2025 | Actualizada ás 20:30

Comparte esta noticia

A Consellería de Educación está a deseñar un proxecto de inclusión cultural en centros educativos para facilitar a integración a todos os niveis dos alumnos chegados a Galicia desde o estranxeiro, tanto a nivel lingüístico como social e cultural. Con todo, destacou a "progresión e os resultados" acadados na aprendizaxe de inglés grazas as seccións bilingües.

Así o explicou este xoves a directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, que interveu no Parlamento para responder a unha pregunta formulada pola deputada nacionalista Mercedes Queixas sobre os recursos da Xunta para facilitar a aprendizaxe do galego entre os alumnos estranxeiros como método para mellorar a súa integración na Comunidade.

Na súa intervención, Queixas alertou do posible "risco de illamento lingüístico" que viven estes alumnos, mesmo os chegados de países castelánparlantes, e animou á Xunta a "asumir este reto" e "acoller tamén lingüisticamente a este alumnado para facilitar a súa integración", algo que terá efectos non só a nivel escolar, se non social.

Na súa resposta, a directora xeral considerou que, máis aló de "favorecer a aprendizaxe da lingua", o "primeiro" que se necesita é "favorecer unha integración global, máis aló da súa adaptación escolar". Por iso, avanzou que a consellería traballa nun proxecto de inclusión cultural a varios niveis para alumnado estranxeiro, con "a posta en marcha de actividades relacionadas coa lingua, a música, a danza, a gastronomía e as tradicións e valores da cultura galega e española en xeral".

OUTRAS MEDIDAS

Na súa intervención, Judith Fernández sacou a colación o Plan de Mellora Educativa de Galicia (Plan Mega), dentro do que se incorporou un programa específico para a atención ao alumnado estranxeiro, que polas súas circunstancias considérase de "necesidades educativas específicas". "Existen moitos alumnos que chegan con grandes carencias, non só de linguas, tamén curriculares, socioeconómicas, e afectivas e emocionais", dixo.

No últimos cinco anos, apuntou a directora xeral, Galicia "duplicou a porcentaxe de alumnado estranxeiro" nos centros educativos, chegando ao actual 7,54% de alumnos procedentes de 134 nacionalidades distintas que cursan formación en Galicia. Aínda que a taxa está "por baixo da media estatal" e Galicia é "das comunidades con menor porcentaxe de alumnado extrajero", Judith Fernández apuntou que foi "a que máis creceu no último curso".

Os máis de 28.000 alumnos estranxeiros que estudan en Galicia fano, principalmente, en FP, seguido de Educación primaria e Secundaria e unha "porcentaxe altísima" en secundaria para adultos.

Entre as medidas que inclúe o programa de acollida a alumnos estranxeiros, a directora xeral destacou os Grupos de Adquisición de Linguas, que a día de hoxe están conformados en máis de 40 centros educativos. Nesta liña, afirmou que "os centros teñen recursos para montalos" pero que son eles os que deciden "organizar os grupos que consideren que deben ter".

A maiores, existen grupos de adquisición de competencia curricular, matriculación de alumnos por baixo do curso e exención de galego e de segunda lingua estranxeira. No caso do galego, lembrou Judith Fernández, esta posibilidade non lles exime de estudalo, xa que "deben ir a clase", se non de examinarse "porque é un recentemente chegado". Finalmente, a directora xeral destacou o Proxecto Vetinén, de recreación 3D de situacións lingüísticas en inglés para FP, a oferta de cursos de galego nas escolas de adultos ou os cursos de galego e castelán para estranxeiros ofertados nas escolas oficiais de idiomas.

LINGUAS ESTRANXEIRAS

Así mesmo, Judith Fernández tamén respondeu no seo da Comisión 4ª a unha pregunta formulada pola deputada popular Cecilia Vázquez sobre a aprendizaxe en Galicia de linguas estranxeiras. En concreto, a directora xeral falou da Estratexia Plurilingüe de Galicia e da Estratexia de Linguas 2030, destacando a importancia "de contar cunha planificación" neste ámbito.

Máis en concreto, instou a "ver a progresión e os resultados" neste ámbito en cuestións como a cifra de centros con programas plurilingües, que arrincou hai 15 anos con 58 centros e son a día de hoxe 511. Galicia ten, ademais, máis de 5.000 seccións bilingües e unha taxa de auxiliares de conversación en centros educativos "altísima" en comparación con outras comunidades con máis poboación. O programa arrincou con 67, e son no curso actual 665 auxiliares de conversación.

Os programas de certificación e acreditación de lingua estranxeira para alumnos tamén pasou de 2.000 acreditacións no curso 2017/2018 ás 5.500 certificacións actuais, e no presente curso hai 33.650 certificacións que acreditan aos docentes por encima do nivel B2.

A directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, durante a súa comparecencia no Parlamento.. XUNTA
A directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, durante a súa comparecencia no Parlamento.. XUNTA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta