Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 13/02/2025 | Actualizada ás 21:56
O narcotráfico en Galicia é algo que sempre estivo á orde do día, formando parte case indisoluble da nosa paisaxe. Son moitos os veciños de zonas costeiras que algunha noite viron o paso dunha narcolancha pola ría ou os que presenciaron unha descarga de droga sen querelo. Cando se fala de narcotráfico, sempre se tende a pensar nos grandes capos da droga e naqueles mitificados individuos que a transportan polo mar, ás veces percorrendo inxentes distancias e poñendo en perigo as súas vidas, case como unha visión romántica. Moita é a mercadoría que chega anualmente á nosa terra, da que moita logo partirá cara outros puntos de Europa, pero tamén é unha importante parte a que se queda en Galicia. E é que, se o narcotráfico existe, é porque ten demanda, unha demanda que, lonxe de decaer, vai en aumento. Ante esta realidade, non hai que esquecer que, unha vez que a droga entra nunha familia, aínda que só sexa a través da adicción dun dos seus membros, destrúea por completo. Por iso, dende o Galicia Confidencial, nun momento no que o narcotráfico está en horas altas, como demostran as últimas grandes operacións, vimos hoxe falar dos consumidores.
Máis en concreto, imos centrarnos nos consumidores de heroína. Aínda que vendo as cifras relativas ao narcotráfico resulta innegable dicir que a cocaína segue sendo a raíña das substancias que se introducen en Galicia, nos últimos anos volve ocupar un lugar destacado a heroína. Non hai que ir moi lonxe no tempo para atoparse cun grande operativo policial contra o tráfico de heroína: a operación Ceiba permitiu desarticular unha organización adicada ao tráfico desta substancia centrada na comarca do Salnés o pasado mes de outubro do ano 2024. Doce detidos e diversas ramificacións por cidades como A Coruña e Pontevedra poñían de manifesto a distribución de importantes cantidades desta droga polo territorio galego. As alertas volvían saltar. No 2017 xa se asestara o maior golpe da Historia recente ao tráfico de heroína, coa detención de 10 persoas, a maioría delas veciñas dos concellos de Vilagarcía e Vilanova de Arousa, e a incautación de 64 quilos da substancia nun almacén de Caldas de Reis.
"A SENSACIÓN A PÉ DE RÚA É QUE CADA VEZ SE CONSUME MÁIS HEROÍNA"
A heroína é unha droga que nos retrotrae á xeración perdida de finais dos anos 80 e comezos dos 90. Por aquel entón pouca xente na nosa terra escoitara falar desta droga que se estaba introducindo polas rías galegas e seducindo a unha importante parte da mocidade. As persoas que a consumían dicían sentir unha pracenteira sensación de euforia. Naquela época, a heroína consumíase inxectada, o cal derivaba na aparición de danos físicos moi reseñables. Fronte a iso, hoxe en día os mozos que rematan as festas con heroína non a inxectan, senón que a fuman, evitando esas secuelas visibles. Outras opcións, menos empregadas, tamén pasan pola súa inhalación ou aspiración. Ademais, moitos consumidores mestúrana con cocaína en pedra (crack), o que se coñece como speedballing ou 'bóla rápida', co obxectivo de que a droga chegue ao cerebro o máis rapidamente posible, xerando con iso unha alta adicción. Así mesmo, o seu menor custe fronte ao da cocaína pode supoñer tamén un incentivo: o gramo de heroína ronda entre os 40 e os 60 euros, mentres que o de cocaína está entre os 50 e os 60.
O doutor en Psicoloxía e experto en condutas aditivas Manuel Isorna, asegura ao Galicia Confidencial que, ao longo das numerosas charlas e cursos que imparte en diversos centros educativos, os profesores sempre lle trasladan o mesmo: "Cada vez hai máis consumidores de heroína". E conta casos puntuais de centros na zona de Ferrol nos que os docentes lle aseguraban que "preto do centro había nos anos 90 e 2000 heroinómanos, que logo desapareceran e que, agora, volvía habelos". Noutro curso en Madrid, esta vez na presenza de avogados, tamén lle alertaban de que "cada vez había máis casos de roubos e furtos relacionados co consumo de heroína". Así as cousas, Isorna confesa que "esa é un pouco a sensación que temos todos, e que se ve reforzada tamén polo feito de que actualmente se está incautando máis heroína que nunca, a pesar de que cando a policía chega a incautar un quilo de heroína seguramente é porque xa se teñen coado outros nove (adóitase dicir que se incauta o 10 % do que se trafica)".
"AS ENQUISAS DO PLAN NACIONAL SOBRE DROGAS NON O REFLEXAN"
Sen embargo, aínda que na rúa si semella que a heroína e o seu consumo vai en aumento, como apunta Isorna, "as enquisas do Plan Nacional sobre Drogas non o reflexan así, nin tampouco as demandas de tratamento". "Non se observa un pico nos datos", sinala. Isto é algo que para el resulta moi difícil de explicar, pois non sabería dicir se isto se debe a que os novos consumidores que se sumaron aos que xa había levan 2 ou 3 anos consumindo e, polo tanto, o dano que a droga lles causou polo de agora non é o suficiente como para demandar tratamento; se hai outros consumos que lles resultan máis problemáticos e nas enquisas marcan eses e non a heroína... "A verdade é que non sei que acontece, pero os datos que temos agora non coinciden coa sensación na rúa", apunta, resaltando de novo que "a percepción dunha parte da poboación si que é a de que agora hai máis xente consumidora de heroína", e que, "se hai 10 anos non había ningunha incautación de heroína e nos últimos 5 xa houbo varias, é innegable que se está pasando máis desta droga porque se consume".
En concreto, na última Enquisa sobre Uso de Drogas en Ensinanzas Secundarias en España (ESTUDES), correspondente ao ano 2023, os datos reflexaban que a porcentaxe de consumidores de heroína entre os estudantes de 14 a 18 anos se situaba por debaixo do 1 %, mentres que a idade media de comezo do consumo era de 14,1 anos, baixando lixeiramente con respecto ás enquisas dos anos previos. No tocante á percepción sobre o risco de consumir esta droga por parte do alumnado, o 96,2 % dos estudantes opinaban que o consumo habitual de heroína podía producir moitos ou bastantes problemas para a saúde. Por outra banda, 2 de cada 10 alumnos pensaban que lles sería doado conseguir esta substancia se así o desexasen, proporción que aumenta lixeiramente con respecto á enquisa do 2021 e que racha coa tendencia descendente que se viña rexistrando dende 2010 sobre a facilidade percibida para obter esta substancia.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.