Por Galicia Confidencial | SANTIAGO | 11/02/2025 | Actualizada ás 21:55
Luis Enrique Dueñas Fernández. A ollos da sociedade era ata fai ben pouco só un empresario español máis cunha traxectoria destacada no sector das telecomunicacións e a tecnoloxía que chegou a ocupar cargos en varias empresas, destacando principalmente como representante e administrador en múltiples sociedades. Sen embargo, o seu nome deuse a coñecer ao gran público vinculado á figura de José Luis Moreno, o recoñecido produtor, director e empresario español especialmente querido polo público por programas como 'La hora de José Luis Moreno' e 'Los Morancos', entre outros. Dueñas Fernández, segundo informes policiais, tería presuntamente colaborado con Moreno na obtención de financiamento a través de entidades bancarias e inversionistas privados, de tal maneira que asumiu o papel de 'salvagarda das propiedades de Moreno', para ostentar a titularidade de bens e evitar posibles embargos. Galicia Confidencial atopou referencias no informe elaborado sobre o caso El Correo Gallego pola Unidade de Delincuencia Económica e Fiscal (UDEF) da Policía Nacional, de que Dueñas Fernández presuntamente podería estar implicado na turbia operación contra José Manuel Rey Novoa, o por aqueles anos director de El Correo.
Máis en concreto, a relación de Luis Enrique Dueñas Fernández con José Luis Moreno descóbrese a raíz da coñecida como 'Operación Titella' ('Operación Títere', en castelán), comezada no ano 2018 e na que se viron implicadas varias persoas por unha presunta estafa a través dun entramado societario. José Luis Moreno é un dos principais imputados do caso, acusado de estafa, branqueo, asociación ilícita, falsificación de documentos, insolvencia punible e delitos contra a Facenda Pública. A investigación comezou tras as denuncias de varias entidades bancarias que alertaban sobre operacións fraudulentas. Unha das primeiras alertas chegou dunha estafa a Abanca por un montante total de 1,3 millóns de euros. A presunta rede criminal, supostamente liderada por José Luis Moreno, operaba mediante a creación dun entramado de máis de 700 sociedades que se utilizaban para estafar a empresarios e entidades bancarias, así como para branquear capitais procedentes do narcotráfico. Estas empresas ficticias empregábanse para obter financiamento fraudulento e para desviar fondos ilícitos.
Tal e como recolle o sumario da 'Operación Titella', Luis Enrique Dueñas Fernández era un profesional independente con amplos coñecementos económicos e financieiros encargado de xestionar operacións financieiras complexas. As investigacións revelaron que este presuntamente tería participado en manobras financieiras destinadas a protexer o patrimonio do produtor fronte a posibles embargos. Debido á súa presunta participación na trama investigada, Luis Enrique Dueñas Fernández foi citado a declarar ante o xuíz en outubro do ano 2021, xunto con outros imputados relacionados co caso. Ademais, no informe da UDEF ao que tivo acceso Galicia Confidencial sinálase a súa detención en xuño de 2021 por "defraudación, estafa, branqueo de capitais, organización criminal e falsidade documental". Polo de agora, aínda non se reportaron cargos formais na súa contra en relación con estas actividades, xa que as investigacións continúan en curso.
Pero, cando entra en xogo a figura de Luis Enrique Dueñas Fernández no entramado do grupo El Correo Gallego? Pois cando os investigadores da UDEF observan que, nunha das contas baixo a titularidade de Agrupación Deportiva El Correo Gallego --entidade vinculada ao xornal El Correo Gallego constituída no 2010 cuxa actividade sobre o papel estaría centrada na organización de eventos e na xestión de instalacións deportivas-- entran 100.000 euros procedentes dunha transferencia ordenada por Blecua Capital, baixo o concepto de 'préstamo'. Blecua Capital é unha empresa constituída no 2005 adicada ao desenvolvemento e explotación de formatos audiovisuais interactivos, servizos e contidos que requiren o uso de dispositivos de telecomunicacións cuxo socio e administrador único é precisamente Luis Enrique Dueñas Fernández.
VENDA DE ACCIÓNS DE EDITORIAL COMPOSTELA E THINK FIRST POR VALOR DE 1,2 MILLÓNS DE EUROS POLO PREZO DE 1 EURO A OPEN KNOWLEDGE CONSULTING
Pero o interese de Luis Enrique Dueñas Fernández non foi o único que espertou El Correo entre empresarios con presuntas contas pendentes coa xustiza. Así, o informe da UDEF ao que tivo acceso Galicia Confidencial sinala que, en xuño de 2021, José Manuel Rey Novoa (director de El Correo Gallego), aqueixado polas débedas que non deixaban de incrementarse e nun intento por recuperar a viabilidade do grupo, vende as súas accións en Editorial Compostela cun valor nominal de case 1,2 millóns de euros polo prezo simbólico de 1 euro á sociedade Open Knowledge Consulting --firma internacional de consultoría fundada no ano 2008 especializada na transformación dixital e social das empresas--, titulada por Arsenio Olmo Chaos --nomeado director xeral de organización de Suez Environnement en España, un dos maiores grupos mundiais na xestión de recursos hídricos que adquiriu no 2008 Viaqua, a xestora de servizos de abastecemento e auga potable e saneamento de varios concellos galegos--.
Nesa venda, como detalla a UDEF, "o comprador das accións comprometíase a realizar desembolsos por valor de máis de 4 millóns de euros, dos cales máis de 1,1 millóns irían a parar ao propio José Manuel Rey e máis de 400.000 euros a María Fátima O.B." (emparentada con Rey). Ao mesmo tempo, tamén se produce nesa data a venda das participacións de José Manuel Rey Novoa en Think First --empresa adicada á produción de programas e televisión e outras actividades inmobiliarias pertencente ao conglomerado de El Correo--, cun valor nominal de 3.000 euros, novamente polo prezo simbólico de 1 euro, co "compromiso por parte da compradora de levantar todos os avais outorgados a José Manuel Rey Novoa e a María Fátima O.B.", é dicir, co compromiso de cancelar ou liberar a garantía que se presentara como respaldo dun préstamo, dun contrato ou dunha débeda. Con todo, os investigadores puideron comprobar tras unha revisión exhaustiva das contas da empresa Open Knowledge Consulting que "esta non se atopaba en condicións de asumir as millonarias débedas tanto de Editorial Compostela como de Think First".
Así, no informe policial acredítase que, "dos 4 millóns de euros comprometidos, Arsenio Olmo Chaos tan só aporta 650.000 euros" en diferentes transferencias recibidas das sociedades Krone Consulting --empresa con sede en Eslovaquia especializada en Quality Assurance (QA) que ofrece servizos de probas de software e consultoría--; Finvir --empresa que servía de axente mediador en operacións de compravenda de bens mobles e inmobles adicada tamén á importación e exportación de materias primas para a produción e fabricación de produtos textiles--; e Centauro Tarjet --adicada á intermediación no comercio de diversos produtos: textiles, drogaría, alimentación, telefonía, ferretaría...--. Todas estas empresas estarían relacionadas con Olmo Chaos, quen tamén aparece identificado en varias dilixencias policiais e xudiciais como "cooperador de Soriano Medina", empresario con varias causas abertas en xulgados de Madrid e Alacante que estaba baixo vixilancia por parte das autoridades españolas. Con todo, finalmente, a venda das accións de José Manuel Rey Novoa foi revertida en decembro de 2021, precisamente porque os compradores só realizaron aportacións por importe de 650.000 euros e non polos 4 millóns acordados. Unha operación no que a cabeza visible do grupo El Correo estivo a piques de caer que rematou sendo denunciado ante as autoridades.
ROMUALDO SORIANO MEDINA PROMETÍA AOS ALTOS MANDOS DE EL CORREO CONSEGUIR O FINANCIAMENTO PRECISO PARA MANTER AS SÚAS EMPRESAS
Pero, como chegaron José Manuel Rey Novoa e a súa contorna a entrar en contacto con estas persoas sobre as que pesan diversas causas xudiciais? Os investigadores da UDEF sinalan no informe ao que tivo acceso Galicia Confidencial que "tería sido por medio de coñecidos que os damnificados chegaron a contactar co primeiro chanzo desta organización criminal que se denuncia". Unha especie de 'intermediarios ou captadores' foron os que presentaron a Romualdo Soriano Medina aos altos mandos de El Correo como "a persoa que lles podía conseguir o financiamento preciso para as súas empresas a través dos contactos que tiñan fóra de España, con inversionistas estranxeiros". É deste xeito que Romualdo, xunto coa súa empresa Centauro Tarjet e Krone Consulting --anteriormente mencionadas--, entra en acción. Compañías como Inversoluciones Antovimar, Global Wealth Management, Legal Mavens ou Finvir reciben nas súas contas as cantidades que os responsables desta presunta organización criminal lles solicitan aos membros de El Correo en conceptos diversos.
Con todo, como se detalla no informe da UDEF, "unha vez que os cartos están nas súas contas, obsérvase que os fondos son desviados a contas doutras empresas como Centauro Tarjet ou Green Investment Consulting, e así sucesivamente, ata chegar a diferentes contas da mesma compañía, nas que xa se observa gasto de diñeiro non para realizar unha actividade comercial ou empresarial, senón para realizar gastos persoais por parte dos administradores desas empresas". Chamou a atención dos investigadores que, neste chanzo da presunta organización criminal, non se atopase un ente ou unha empresa que fose a receptora dos fondos demandados a El Correo e que evidenciase unha apariencia relativa a sufragar esa suposta garantía ou outro concepto vinculado á operación. Nada máis lonxe da realidade, "os conceptos baixo os que se realizaron as transferencias arroxan diversas xustificacións e gastos que nada teñen que ver e que levan a concluír que todo se tratou dunha estafa cuxo fin único era lucrarse enganando aos denunciantes", é dicir, a José Manuel Rey Novoa e á súa contorna, tal e como sinalan os investigadores.
No tocante a Arsenio Olmo Chaos, administrador da mercantil Finvir, ocupando a figura de Paymaster, foi o que acudiu en persoa ante os funcionarios da UDEF de Madrid unha vez rotas as súas relacións comerciais con Romualdo Soriano Medina. Como se detalla no informe do caso, tendo observado Romualdo a valía de Arsenio nos negocios e a súa posición como recoñecido empresario con coñecementos sobre o funcionamento do entramado bancario, proponlle entrar no 'negocio', ao cal Arsenio, segundo contaría el mesmo ante a UDEF, accede. Así, as análises realizadas polos investigadores conclúen que a empresa Finvir --de Arsenio Olmo Chaos-- recibe ingresos de José Manuel Rey e achegados e diríxeos a contas dos investigados, ao tempo que tamén dirixe transferencias a outras contas tituladas pola súa persoa ou por empresas nas que se deposita a súa parte do suposto 'negocio'. Neste punto é preciso sinalar que a operación de compravenda de accións de Editorial Compostela tituladas por José Manuel Rey Novoa realízase transferindo os fondos a unha conta de Agrupación Deportiva El Correo Gallego, o que de novo, como xa vimos detallando ao longo de toda esta serie de reportaxes, constitúe un exemplo máis tanto da xestión en unidade de caixa como do uso de sociedades alleas á actividade do grupo de empresas que integraban El Correo Gallego para evitar as obrigas deudoras.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.