A agonía do marisqueo a pé, o caso de Vilaxoán: "O marisco non medra, non dá o talle, nunca pasou algo así"

O GC continúa percorrendo a ría de Arousa para radiografiar a situación do marisqueo a pé. "Se seguimos así, igual temos que mirar de abrir un mercado na nosa casa para poder seguir vendendo", entre os baixos prezos, a falta de axudas e a escaseza do marisco, lamenta José Gómez Figueira, da agrupación de marisqueo a pé de Vilaxoán.

Por Ángela Precedo | PONTEVEDRA | 15/02/2025 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

A ría de Arousa está morrendo (ou estana asasinando). Do frutífero lugar de produción marisqueira que foi no pasado, queda xa só o recordo na mente das e dos poucos mariscadores a pé que aínda aguantan vendo como ano tras ano sementan e sementan sen recoller practicamente nada. O pouco marisco que hai en comparación con outros anos de bonanza que semella que nunca volverán, non medra, non chega a dar o talle, e iso supón un problema a nivel comercial, pois, o pouco que si chega ao talle mínimo, págase a moi pouco prezo. Que está acontecendo? Como é posible que en menos dunha década a situación mudase tanto? Cambio climático? Contaminación? Mala xestión por parte da Administración? Dende o Galicia Confidencial falamos con José Gómez Figueira, da agrupación de marisqueo a pé de Vilaxoán, que nos conta como está a situación na actualidade, nun 2025 que, despois dun desastroso 2024, xa nos adianta que podería ser peor aínda, vendo como comezou.

Vilaxoán de Arousa
Vilaxoán de Arousa | Fonte: Mancomunidade do Salnés - Arquivo

"Aínda que tamén estamos fastidiados, en Vilaxoán non podemos queixarnos tanto coma noutras partes da ría porque alo menos nós estivemos traballando todo o ano pasado e, como as outras zonas de marisqueo a pé estaban pechadas, vendemos o produto un pouco mellor", explica José. Con todo, asegura que "a cousa tampouco é para botar foguetes, a situación está fastidiada". E é que o principal problema que ve é que, "aínda que este ano marisco temos, non medra, non dá o talle comercial, que é de 38 milímetros". "Cada vez estamos sacando máis ameixa que, ou non o supera, ou o supera por pouco, polo que nos está custando moito chegar ao cupo, que xa é pequeno", lamenta o mariscador. Así as cousas, e aínda que as revoltas fan falta, "estamos agardando a que pase todo este mal tempo para ver se podemos aguantar co que vaiamos sacando de aquí ao verán e salvar a cousa polo menos en Semana Santa, se hai unha subida do prezo, porque os prezos tamén baixaron moito". "Non podemos facer outra cousa", compadécese.

"O MAL DA RÍA ESTÁ XA EN TODOS OS LUGARES, NON SÓ EN VILAXOÁN"

Os mariscadores a pé de Vilaxoán, ao igual que os dos demais puntos da ría de Arousa, xa non saben que facer, pois non está nas súas mans que o marisco medre ou non. Ao preguntarlle polos motivos que poden estar freando ese crecemento, José apunta a "moitas razóns: contaminación, falta de afloramento nas rías que reduce o alimento, carencia das nortadas que había antigamente e, por suposto, acción humana e cambio climático". "En Galicia choveu toda a vida, pero agora, cando chove, faino moi forte e en moi pouco tempo", expón, ao que engade que "neses intres os encoros, que carecen de protocolos para desaugar, baleiran a auga sempre coa marea baixa, causándonos graves problemas porque volven doce a auga". Nos últimos días, ademais, a todos estes factores veu sumarse outra circunstancia adversa e que non entraba nos plans: "Despois dos temporais, tivemos unha serie de problemas cuns sumidoiros que estiveron botando auga fóra, auga doce que estivo baixando en gran cantidade cara a ría". Este mariscador asegura que estivo traballando na zona nesta última semana de xaneiro e que "a auga estaba bastante doce, non había salinidade, de xeito que o marisco, ante a auga doce, se pode sotérrase e, se non pode, queda no camiño".

Deste xeito, zonas nas que antes se traballaba moi ben e había abundancia de marisco, actualmente atópanse practicamente baleiras. "Nós temos unha zona de traballo que vai dende a zona de Corón onde o Regato Aduana, ata os depósitos de hidrocarburos da empresa Foresa, onde a praia de Canelas", explica o mariscador a pé de Vilaxoán, que asegura que "praias como Canelas ou o Castelete sempre deron moi bo marisco, pero este ano, nada, moi escaso". O motivo? "Posiblemente por ser a parte que está máis preto da desembocadura do río pode ser a que se vexa máis afectada pola auga doce", plantexa José. Por outra banda, "na zona de Corón si temos marisco, pero non medra, é moi pequeno, de tal maneira que ti estás traballando alí e ves que hai puntos nos que che aparece moito marisco, pero non dá o talle". Pero, para este mariscador, o verdadeiro problema é que "isto non se trata dun tema puntual que nos afecte aquí en Vilaxoán, o mal da ría está acontecendo en todos os lugares, dende Carril á Illa de Arousa".

Mariscadoras traballando
Mariscadoras traballando | Fonte: Xunta de Galicia - Arquivo

"A NOSA CONFRARÍA O ANO PASADO TIVO UNHAS PERDAS DE 200.000 EUROS"

Para estes mariscadores resulta moi frustrante ver como, fagan o que fagan, todo son perdas, pois non hai que esquecer que aparte do pago á Seguridade Social que teñen que realizar como autónomos que son, teñen que poñer cartos dos seus propios petos para mercar semente de marisco. "Nós deixamos unha porcentaxe da confraría para investir en semente e, a maiores, poñemos 75 euros por cabeza cada ano e imos tratando de rañar algo do pouco que se digna a darnos a Xunta", explica José, que detalla que, en total, "estamos investindo cada ano unha media duns 7.500 euros en cría de ameixa". No presente 2025, conta que "temos unhas zonas sementadas, pero a min xa me están dando medo, porque son precisamente nas que caeu moita auga doce debido ao problema no sumidoiro e, aínda que polo de agora non se ve ningún marisco morto por enriba, estiven traballando preto dalí estes días e si que me saíu moita cuncha de ameixa, así que medo me dá". Agora os mariscadores de Vilaxoán están mirando de poder pedir unha axuda á Xunta para investir en nova semente, pero "aínda que nola concedan, que vaia arriba ou non dependerá moito do tempo, e tal e como está...".

Ano tras ano a desfeita é máis grande. "A confraría de Vilaxoán o ano pasado tivo unha perda de 200.000 euros", lamenta José, que explica que, ademais, "en Vilaxóan practicamente só se traballa o marisqueo a pé, porque a flote hai moi pouco, así que non hai outras vendas que non sexan as nosas". A nivel individual, aínda que confesa que el non botou contas, afirma que "unha compañeira da directiva comentoume que ela, no terceiro trimestre do ano, perdeu arredor de 1.000 e pico euros con respecto ao que adoitaba sacar en anos anteriores". Tal é a agonía do sector. "Non podemos sacar un cupo moi grande porque non temos marisco que dea o talle e o único que puidemos facer o ano pasado foi aproveitar que os prezos se mantiveron bastante estables", apunta José. Sen embargo, "este ano os prezos xa pegaron un baixón e están bastante por debaixo do que estiveron outros anos", xa que, "por exemplo, en xaneiro do ano pasado a cousa estivo bastante mellor que neste". E, aínda que tamén son moitos os factores que inflúen na baixada do prezo do marisco, José sinala a un moi evidente: "Está entrando moito marisco de fóra e ninguén ten interese en tomar medidas". "Se seguimos así, igual temos que mirar de abrir un mercado na nosa casa para poder seguir vendendo".

"SE ME PREGUNTAS HAI DOUS ANOS, ANIMARÍA A CALQUERA A FACERSE MARISCADOR; HOXE, EU NON LLE DIRÍA A UN FILLO MEU QUE SE METESE AQUÍ"

Como é posible sobrevivir así? José explica que "nós imos aguantando porque somos unha confraría pequena, pero a cousa está difícil, non o podemos negar". El leva como mariscador en Vilaxoán 6 anos, dende o 2018, e "dende que entrei non lembro que pasara algo semellante ao que está acontecendo agora nunca", pois "aínda que si que houbo épocas malas aló polos anos 2013 e 2014, segundo me ten contado unha compañeira, aquilo eran problemas puntuais, con mortes do marisco por mor das riadas ou dos temporais, pero o que estamos sufrindo na actualidade está sendo un problema moi grande, porque nos afecta a todos, non se salva ningunha zona". En concreto, noque vai de ano, "traballamos ata o día 2 de xaneiro, paramos, tivemos a anterior marea hai 15 días e, na que nos atopamos agora, a segunda do mes, acabarémola o 3 de febreiro".

Pero aguantar non significa subsistir no tempo e, de feito, os mariscadores a pé de Vilaxoán ven que non hai xente que queira sumarse ao oficio, algo que o propio José comprende: "Eu se me preguntas hai dous anos se animaría á xente a facerse mariscadora, diríache que si, porque eu traballei toda a vida como fontaneiro, ata os 52 anos, pero era fillo duns mariscadores de Rianxo e, cando pechou a empresa de fontanaría, busquei a forma de tirar para adiante e metinme aquí, porque sempre me gustou o mar". "Por aquel entón tiñamos moi boa calidade de vida, traballabamos unhas horas e sacabamos para manternos cada mes", lembra. Con todo, lonxe quedaron xa eses tempos, pois "agora mesmo, tal e como está isto, traballo custa cubrir gastos". Traballando no marisqueo a pé na zona, segundo se recolle no plan de explotación, teñen que ser 70 persoas. "Entre xente que se xubila e persoas que reciben a incapacidade precisamos agora meter a 8 persoas, as mesmas que tivemos que meter xa o ano pasado, e véxoo complicado, está difícil", lamenta, amosándose comprensivo con que non haxa persoas que queiran facerse mariscadores a pé hoxe en día, porque "eu tampouco lle diría a un fillo meu que se metese aquí".

"HAI UNS ANOS INTENTARON SACAR UNHA LEI DE ACUICULTURA QUE FOI ABAIXO; AGORA XA NON FAI FALTA QUE A SAQUEN, ISTO VAILLES QUEDAR EN BANDEXA"

Mentres tanto, ante o dramático da situación, José lamenta que "a Xunta semella non ter moito interese en botarnos unha man", senón que "o que teñen, máis ben, é interese en botarnos". E é que asegura que "a única axuda que nos deron dende a Administración foi a de xaneiro do ano pasado, os famosos 550 euros que en verdade eran unha maneira de mercar votos, dende o meu punto de vista". A partir de aí, "non tivemos ningún outro tipo de axuda". Axuda que este ano cre que si precisarán, e moito, porque "estou vendo que o 2025 vai ser moi, moi malo". "A Xunta non ten interese ningún en nós, e dígoo claramente, porque creo que o seu único interese é sacarnos de diante e deixarlle o camiño libre á acuicultura industrial", denuncia. "Hai uns anos intentaron sacar adiante unha lei de acuicultura que foi abaixo, pero, agora mesmo, xa non fai falta que saquen nada nin que se movan, porque isto vailles quedar en bandexa", lamenta. A isto suma que "en Vilaxoán hai depuradoras con moito interese en quedarse coas parcelas que temos, e cara aí imos encamiñados, porque non é normal que a Xunta non mire por nós". Así as cousas, José xa non quere nin pensar no que pode chegar a pasar se proxectos como o de Altri ou a mina de Touro continúan adiante: "Entón vai ser mellor pechar as portas".

Unha muller sostén nas mans crías de ameixa
Unha muller sostén nas mans crías de ameixa | Fonte: Adrián Irago - Arquivo
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta