Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/12/2019 | Actualizada ás 22:30
A situación do naval en Galicia -cos asteleiros de Barreras e Navantia no foco- e Vox foron o eixo do enfrentamento verbal que tiveron este mércores no pleno o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo e o líder do PSdeG, Gonzalo Caballero. O socialista aproveitou a sesión de control para afear ao xefe do Executivo os recortes na sanidade galega.
"Cada día que pasa, vostede é un problema máis grande para os galegos. O seu Goberno é un lastre do que Galicia precisa desfacerse", arrancou Caballero na súa intervención. Proseguiu coa crise na sanidade galega e a "crise industrial máis o medio rural".
No ámbito industrial, aludiu ás dificultades de Barreras e afeou que o conselleiro de economía, Francisco Conde, "afirmase que non ten información nin coñece o alcance real" do estado do asteleiro. "Cando Pemex entrou en Barreras, vostede dicía que era un éxito da Xunta. Agora, o fracaso de Pemex en Barreras é o fracaso de Feijóo", declarou Caballero, antes de advertir que "só falta saber se vai a salir antes Pemex de Barreras que o de Os Peares da Xunta".
De fronte, o dirixente socialista instalou a Feijóo a "aplaudir" a un Goberno central, que dirixe Pedro Sánchez, o cal invertirá máis de 4.000 millons de euros para as fragatas de Navantia, o desembolso "máis grande despois do AVE" para a Comunidade galega.
"Deixe de mentir de forma continua", finalizou o socialista, quen lembrou a Feijóo que fai pouco tempo asegurou que se daría de baixa no PP se este pactase "cos extremistas". "Pos onte entraron na mesa do Congreso e ofreceron unha coalición das tres dereitas", indicou en alusión ao partido de extrema dereita Vox.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.