Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/12/2019 | Actualizada ás 17:45
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, presentou este martes a nova campaña de promoción turística 'Este Nadal saborea Rías Baixas'. A iniciativa está enmarcada como a última acción do ano dentro da iniciativa 'Fame de experiencias' desenvolvida o longo de todo este 2019. Nas próximas semanas será presentada a nova acción promocional da Deputación para 2020 que será "creativa, moderna, especial", segundo avanzou Carmela Silva.
Nesta ocasión, pensando especialmente nos agasallos do Nadal, a Deputación de Pontevedra promove esta campaña con cinco propostas experienciais.
Así, 'Estrelas nos fogóns' anima a degustar unha gastronomía de fama internacional cos mellores xefes de cociña da provincia que teñen Estrela Michelin. 'De mercado en mercado', pola súa banda, suxire aos visitantes que proben os saborosos produtos das prazas de abastos tradicionais.
Mentres, 'O mundo do viño' e 'Escancia a mellor sidra' convidan a visitar as adegas da Ruta do Viño e os lagares de sidra, e 'Mariscadoras por unhas horas' quere que vivan en primeira persoa como as produtoras locais extraen do mar e a terra unha materia prima de excelencia.
Carmela Silva explicou que con esta iniciativa "preténdese que a cidadanía compre produtos de proximidade das Rías Baixas e que se regalen cousas diferentes, ligadas ás emocións e ás experiencias".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.