Autogoberno, soberanía nacional e República galega, os obxectivos do BNG que non son "palabras ocas"

O relatorio político que o BNG aprobará na súa Asemblea Nacional apela á formación a continuar acumulando forzas e a prepararse para asumir o liderado político e institucional do país, conscientes da "gran corrente de ilusión e simpatía" xerada ao redor da organización. "O nacionalismo non ten teito", recolle.

Por Xurxo Salgado | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/11/2024 | Actualizada ás 14:20

Comparte esta noticia

Autogoberno, soberanía nacional e República galega. O BNG deixa claro no documento político da súa vindeira asemblea cales seguen sendo os seus principais obxectivos na súa acción política en Galicia.  Para iso, a organización frontista ten que continuar acumulando forzas e a prepararse para asumir o liderado político e institucional do país, conscientes da "gran corrente de ilusión e simpatía" xerada ao redor do Bloque nas pasadas eleccións galegas.

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, no arranque da XVII Asemblea Nacional. M. DYLAN
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, no arranque da XVII Asemblea Nacional. M. DYLAN | Fonte: EUROPA PRESS

Así aparece recollido no relatorio político que a organización frontista discutirá na súa XVIII Asemble Nacional que se celebrará en Santiago. Un congreso no que se presentan tres listas, a encabezada pola portavoz nacional, Ana Pontón; a presentada pola parlamentaria Noa Presas, e a do colectivo 'Alicerce' e que sitúa no número uno a Gustavo Barcia, voceiro municipal en Mos. 

O documento político incide na necesidade de que "camiñar cara a unha Galicia plenamente soberana, con capacidade para decidir sobre todos os ámbitos que afectan" á vida dos galegos "non son palabras ocas, senón a única vía posible para garantir os dereitos nacionais e sociais e unhas condicións de vida dignas para o pobo galego".

O BNG incide en que as eleccións de febreiro de 2024 foron determinantes para evidenciar que o seu ascenso electoral "non é froito dun día", senón o resultado de "un traballo político acertado". Ademais, apunta que o seu proxecto e alternativa "sumou á súa ao redor a máis persoas, unha tarefa que debe continuar".

ROMPER O MARCO DE DEPENDENCIA CO ESTADO

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, na XVII Asemblea Nacional do BNG, no Coliseum da Coruña, a 6 de novembro de 2021, na Coruña, Galicia, (España).. M. Dylan - Europa Press
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, na XVII Asemblea Nacional do BNG, no Coliseum da Coruña, a 6 de novembro de 2021, na Coruña, Galicia, (España).. M. Dylan - Europa Press

"Unha Galiza orgullosa e dona de si, que rompa o marco de dependencia que nos impón o

actual encadramento no Estado español e na Unión Europea, cun novo status político e un

modelo de concerto económico, que permitan o desenvolvemento efectivo do

autogoberno con rumo á plena soberanía nacional e a construción da República da Galiza", recolle o documento.

E, para iso, insistese na necesidade de "seguir avanzando na consolidación do crecente apoio e simpatía social cara ao nacionalismo". E como?, pois facendo do BNG unha forza referente nos comicios municipais do 2027, "como un novo chanzo para fortalecermos o BNG como alternativa de Goberno e lograrmos liderar o País e disputar a hexemonía política e social".

"É por iso que o nacionalismo galego sempre sinalou a necesidade de gobernar a Xunta da

Galiza para reverter esta situación, pondo o poder autonómico galego ao servizo dos

intereses da Galiza e das maiorías sociais do noso país, mais tamén resulta imprescindíbel, e por iso reiteramos hoxe, a necesidade de superarmos o actual marco político para dotar Galiza das ferramentas necesarias con que pór fin ás consecuencias desta dependencia", sinala a ponencia política.

 

"Camiñar cara á unha Galiza plenamente soberana, con capacidade para decidir sobre todos os ámbitos que afectan ás nosas vidas non son palabras ocas senón a única vía posíbel para garantir os nosos dereitos nacionais e sociais e unhas condicións de vida dignas para o pobo galego", engade.  Neste sentido, reivindícanse como a "única alternativa real aos problemas do país" e indicide na necesidade de medidas como un modelo de financiamento baseado no sistema de concerto" que da Galicia a "chave do seu diñeiro", volven apostar pola creación dunha banca pública galega e dunha tarifa eléctrica propia que permita aos galegos pór os "aforros e a riqueza do país ao servizo do seu desenvolvemento social".

O documento denuncia a "depredación" que sofren os recursos económicos e industriais de Galicia, os problemas da vivenda e, especialmente, a situación da lingua galega que mesmo ten un apartado propio no documento. 

ESTRATEXIA E PAUTAS DE ACTUACIÓN

Nun apartado no que inciden na necesidade do BNG como dinamizador da sociedade galega, considera que o traballo de articulación e organización social, así como de mobilización popular é "decisivo", polo que deben de estar á altura para xerar as respostas colectivas de "autodefensa nacional".

A este respecto, ven esencial seguir varias pautas de actuación, entre chamadas a seguir sendo a referencia inequívoca do "xustificado descontento social desde unha perspectiva galega", reforzar a defensa do galego e a identificación da sociedade cos símbolos nacionais, así como o traballo coa mocidade como futuro do nacionalismo, con referencia en Galiza Nova.

POLÍTICA INTERNACIONAL

En canto a política internacional, o BNG é moi duro coa política "imperialista" dos Estados Unidos que utiliza á UE e á OTAN para os seus intereses. Fronte a ese poder, destaca a crecente hexemonía de China, dos movementos anti estadonidenses e dos BRICs. Tamén é moi crítico co "xenocidio" de Israel en Palestina, pero non critica a guerra de ocupación de Rusia en Ucrania.

 

"Na nova reconfiguración xeopolítica mundial, a UE está convertida nun actor subalterno,entregada á estratexia dos EUA e da OTAN, sen autonomía estratéxica no  ámbito de seguridade ou militar, mais tampouco no comercial, tecnolóxico ou enerxético, como

quedou en evidencia dun xeito claro na guerra de Ucraína ou co xenocidio que Israel e os

EUA están cometendo contra os pobos palestino e libanés", recolle.

 

INFORME CONSELLO NACIONAL

Na cita, ademais do relatorio e o regulamento, someterase á militancia o informe político e de xestión do Consello Nacional, un documento ao que tivo acceso Europa Press e que pon en valor a "senda de avance e consolidación" do Bloque desde a XVII Asemblea Nacional de novembro de 2021.

En canto ao funcionamento interno da organización, o documento pon en valor a "entrada constante de nova militancia, con 1.230 compañeiros e compañeiras máis desde novembro de 2021". Con todo, chama a fortalecer a organización naquelas comarcas nas que "arrastra evidentes debilidades".

En canto ao contexto político, entre outras cuestións, o Consello Nacional alerta do "agravamento do espolio colonial" que sofre Galicia, do que pon como exemplo o proxecto de Altri-Greenfiber na Ulloa, a reapertura da mina de Touro-O Pino, as prospeccións mineiras proxectadas nas chamadas "terras rara", así como a mina de San Fix.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta