Cales serán as ministras galegas de Pedro Sánchez?

PSdeG e Podemos están convencidos de que a "axenda galega" estará moi presente no Consello de Ministros. O resto de partidos galegos di que a presencia de ministros galegos "non garantizará" un mellor trato ao país.

Por Xurxo Salgado | Compostela | 16/12/2019 | Actualizada ás 21:46

Comparte esta noticia

Aínda que ninguén diga por agora os seus nomes comeza a ser un segredo a voces que no Consello de Ministros de Madrid --se hai goberno, claro--, haberá presenza galega. O líder dos socialistas galegos, Gonzalo Caballero, xa puxo nomes e apelidos. Desde Podemos e o grupo Común da Esquerda son máis prudentes pero tamén teñen unha candidata para acompañar a Pablo Iglesias. No que coinciden as dúas forzas é que a "axenda galega" estará nese Consello de Ministros.

O presidente do Goberno en funcións, Pedro Sánchez e o líder de Podemos, Pablo Igrexas, abrázanse no Congreso dos Deputados despois de asinar o principio de acordo para compartir un goberno de coalición tras as eleccións xerais do pa. Jesús Hellín - Europa Press
O presidente do Goberno en funcións, Pedro Sánchez e o líder de Podemos, Pablo Igrexas, abrázanse no Congreso dos Deputados despois de asinar o principio de acordo para compartir un goberno de coalición tras as eleccións xerais do pa. Jesús Hellín - Europa Press

E cales son esas candidatas?. O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, foi claro ao respecto. "Haberá unha ministra que xa tiña orixe galega, a ministra de Economía (Nadia Calviño) a quen o PSOE xa anunciou que vai promover para ocupar a Vicepresidencia Económica do Goberno e, a partir de aí, o que nos importa é que sexa un bo goberno para todos e para os galegos e galegas", manifestou este luns ao ser preguntado por GC no Parlamento.

E a súa función no Executivo de Sánchez segundo Caballero será "que os proxectos e contidos do goberno permitan alcanzar mellores niveis de vida no noso país e que manteña a axenda de políticas sociais, de subida das pensións, do salario mínimo interprofesional, de defensa do Estado do Benestar que permitiu precisamente que o PSOE gañase as eleccións en Galicia".

PODEMOS

Máis cauta se amosa a deputada de Común da Esquerda Luca Chao que, sen poñer nomes, suliñou que é "tremendamente positivo" que se baralle a posibilidade de que un galego ou unha galega ocupe unha carteira ministerial no goberno do Estado.

Así, e cuestionada sobre as quinielas para converterse en ministros, entre as que figura a deputada de EU e Galicia en Común, Yolanda Díaz. Neste sentido, augurou que "os problemas" de Galicia "terán un peso específico" no Consello de Ministros grazas á presenza da coalición galega que se integra no Grupo Confederal de Unidas Podemos.

CRÍTICAS

Pero esa suposta presenza de ministras galegas no gabinete de Sánchez non é garantía de "nada" para o resto dos grupos galegos. Nin o PPdeG, nin o BNG, nin en Marea cren que vaia aportar nada novo a Galicia.

"Se o goberno é como o que se está falando estes días creo que vai ser peor para Galicia", dixo Pedro Puy ao ser preguntado por este medio este luns. Así, lembrou que con Pedro Sánchez no Goberno creceu o paro en Galicia. "E isto non se vai solucionar da noite á mañá. E non creo que o resolva Podemos", indicou.

Tamén criticou a situación da industria galega, especialmente, a planta de Alcoa en San Cibrao e de Endesa nas Pontes. "E co estatuto de electrointensivas que van a aprobar non semella que estean defendendo os postos de traballo", afirmouu. "Por iso, teño poucas esperanzas en que o futuro goberno vaia resolver esta situación", engadíu.

BNG E EN MAREA

Pola súa banda, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, denunciou que Galicia estivo "discriminada" a pesar de que houbo ministros e presidentes galegos polo que considerou que o que necesitan os galegos son forzas "coas mans libres" para defender os seus intereses.

"Se os galegos querémonos facer valer, o que necesitamos son as mans libres para defender os nosos intereses", incidiu Pontón, que asegurou que coa presenza do BNG no Congreso Galicia recuperou a "voz propia" que serve para pór en marcha a defensa da "axenda galega" que acabe coa "discriminación e os malos tratos a Galicia". 

Nun sentido semellante tamén se pronunciou Luís Villares. "O nacemento non implica a galeguidade de ningunha política", asegurou ao lembrar que a orixe galega de Mariano Rajoy "non se notou nada nas políticas do PP" durante a etapa do pontevedrés na Moncloa.

"As políticas que se fagan, sexan boas ou malas para o país, son en función das políticas e non da orixe dos ministros", apuntou o maxistrado en excedencia, que remarcou que "os compromisos" deben plasmarse "negro sobre branco" nos orzamentos.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 Alienao

Coralia e Maruxa!

1 Gamela

Ningunha ministra galega... imos a toda velocidade cara ás terceiras eleccións !