Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/12/2019 | Actualizada ás 13:11
A Xunta de Galicia publicou no DOG a resolución das axudas para a creación de 15 novas casas niño no rural galego. Segundo lembra nun comunicado, esta é a cuarta liña de subvencións lanzada polo Goberno galego desde que se implantou este programa no ano 2016, que permitiu pór en marcha 60 recursos de conciliación deste tipo en municipios de menos de 5.000 habitantes.
As persoas beneficiarias disporán dun prazo de dous meses contados a partir da publicación desta resolución para achegar toda a documentación requirida no caso de que non fose achegada coa solicitude, así como para acreditar o acondicionamento do inmoble. Este prazo será de tres meses no caso das cooperativas de traballo asociado en proceso de constitución.
En concreto, as persoas beneficiarias destas axudas proxectan a apertura de casas niño en catro concellos da provincia da Coruña (Cerdido, As Somozas, Toques e Vilasantar); outro catro en municipios da provincia de Lugo (Baleira, Navia de Suarna, Ribas de Sil e Samos); seis en localidades pertencentes a provincia ourensá (Vilar de Barrio, Punxín, Rairiz de Veiga, Petín, Larouco e Montederramo); e unha na provincia de Pontevedra (Pazos de Borbén).
As casas niño son pequenas escolas infantís que atenden cada unha delas a un máximo de cinco nenos de 0 a 3 anos. Son totalmente gratuítas para as familias. O obxectivo da Xunta é que todos os concellos teñan a posibilidade de ter un recurso de conciliación ao final da lexislatura.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.