A Xunta permitirá a pesca privada só para empresas turísticas en encoros e lagoas

Así o recolle a nova lei de pesca continental de Galicia que permitirá que menores de 14 anos fagan pesca deportiva sen licenza e aumentará as multas ata os 2 millóns.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/12/2019 | Actualizada ás 14:59

Comparte esta noticia

O Goberno galego deu luz verde este xoves, para a súa remisión ao Parlamento, á futura lei de pesca continental que, entre outras novidades, crea unha nova figura, a da Pesca Privada. Esta modalidade de pesca estará só reservada a empresas turísticas para que os turistas poidan pescar ou aprender a pescar en lagoas e encoros durante todo o ano, tamén durante a veda.

A temporada de pesca fluvial abre en Galicia con máis de 40.000 novas licenzas
A temporada de pesca fluvial abre en Galicia con máis de 40.000 novas licenzas

O obxectivo desta nova modalidade de pesca será, segundo o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, "activar as economías das zonas rurais". Así, só terán licencia de pesca privada aquelas empresas debidamente acreditadas que poderán exercer este dereito con turistas en lagoas e encoros. Con todo, a Xunta tamén deixa aberta a porta a estender este tipo de pesca a outros tramos de ríos.

Actualmente, Galicia conta con 14.000 quilómetros de ríos nos que se pode exercer esta actividade, deles 11.758 de xeito libre e outros 1.112 se se pertence a un réxime especial, a través dun couto pesqueiro. A nova norma, que substitúe á actualmente en vigor do ano 1992, afectará a uns 40.000 pescadores.

AUMENTAN AS SANCIÓNS

A futura lexislación ampliará as sancións xa que as infraccións por pesca furtiva con aparellos prohibidos, sustancias químicas ou dinamita, por exemplo, poderán ser penalizadas con ata 2 millóns de euros.

Por outra banda, tamén se permitirá aos menores de 14 anos practicar pesca deportiva sen licenza, sempre que vaian acompañados dun adulto que si a teña. De feito, os menores de 18 anos e os maiores de 65 anos pescarán de forma gratuíta. Tamén se crearán 'escolas de río' para "implicar e educar aos máis novos na conservación dos ecosistemas acuáticos continentais.

Feijóo incidiu en que tamén se fomentará a pesca sen morte, que "vai gañando adeptos" en España. "O obxectivo é que aumente progresivamente a súa implantación e que se alcance un equilibrio entre esta modalidade e a tradicional extractiva", puntualizou o xefe do Executivo. Actualmente, en 340 quilómetros de río xa se pode practicar esta modalidade de pesca, aínda que só supón o 2,5% do total. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Moine

A seguir votando PP.