Por Luca Chao | Compostela | 03/01/2020
Tres semanas de escusas e improperios que foron dende o glorioso “un parto non é un infarto” ao “un paridoiro é unha comodidade” pasando polo menosprezo ao persoal sanitario do hospital comarcal coa acusación de “perda de pericia”; ata chegar a unha especie de rectificación, en diferido, en virtude da cal, Feijóo se compromete a reabrir o paridoiro en vinte e catro horas dende que se cubran as prazas de pediatría. Coma se isto non fora tamén responsabilidade súa, consecuencia da falla de planificación das necesidades do sistema sanitario e da precariedade á que condenan as súas traballadoras e traballadores que mesmo encadean centos de contratos dun só día.
Amoreásenlle os problemas na sanidade ao señor Feijóo. Tan acostumado está a ignorar as demandas das enfermeiras en loita, dos PACs en pé de guerra ou do persoal de atención primaria que fallou nos seus cálculos. Pecou de soberbia, incapaz de prever a maxistral resposta da cidadanía de Verín que semella estarlle abrindo fendas baixo os pes, e xerando fendas tamén no Partido Popular de Ourense.
Por iso as escusas foron basculando ata que pasou o esperado, un parto máis rápido do que permitían os cálculos do conselleiro e a conseguinte separación da nai e o seu bebé foron a gota que colmou o vaso. O esperpento foi tal que tralo parto a nai quedou en Verín, o recen nado foi nunha ambulancia a Ourense, a onde acabarían levando tamén á nai para tela recuperándose sentada nunha cadeira no corredor do hospital. A noticia saltou inmediatamente aos xornais e hai poucas dúbidas de que nese momento Feijóo xa soubo que tería que rectificar.
O asunto é ben serio, porque por culpa do peche, desa decisión política inxustificable, os dereitos da nai e o bebé foron asoballados, privándoos do primeiro contacto que as especialsistas cualifican de fundamental. Un exemplo claro de violencia obstétrica. Unha forma de violencia que hai tempo que o movemento feminista vén denunciando como a que sofren as mulleres no parto toda vez que son tratadas como suxeito pasivo sen capacidade de decisión algunha.
Unha quixera vivir nun país no que os responsables últimos deste tipo de cousas marcharan para a casa, non é así, o conselleiro de sanidade segue no seu posto e as desculpas do goberno aínda non chegaron.
O plan está claro, hai tempo que o Partido Popular decidiu ir desmantelando os nosos servizos. Primeiro precarizan o público, e logo, aseguran o negocio para unhas poucas mans privadas. Feijóo nisto é todo un profesional, non en van foi o vicepresidente e secretario xeral do SERGAS cando se levou a cabo o intento privatizador das fundacións que acabaron sendo rescatadas con diñeiro público. Labor que continúa como presidente, paralizando o plan de mellora da atención primaria, suprimindo as áreas sanitarias e recortando ano tras ano o orzamento sanitario. Esta precisamente é a mellor proba da devandita estratexia, pois é ben sabido que cando se ten o poder, a vontade política non se expresa a golpe de titular senón a través dos orzamentos.
E os orzamentos que este mesmo martes aprobou o Partido Popular, ignorando as demandas dos centos de persoas que se concentraban ás portas do Parlamento dicindo alto e claro Verín Non se Pecha, así como as emendas dos grupos da oposición nas que pedíamos a recuperación dos servizos suprimidos do hospital comarcal, consolidan a perda de 217 millóns de euros en termos reais respecto aos que tiñamos en 2009. 217 millóns de euros menos que se deixan sentir cada día na prestación asistencial, nas listaxes de espera demasiado longas, nos servizos de urxencias ateigados e nas constantes derivacións á privada. 217 millóns de euros menos que pesan, especialmente, sobre as mulleres, pois como vimos de comprobar, cando se trata de recortar, o primeiro, sempre somos nós.