Biólogos e pescadores colaboran para protexer as toniñas e arroaces en augas galegas

A CEMMA lidera un proxecto impulsado polo Ministerio para a Transición Ecolóxica para reducir as capturas accidentais de cetáceos.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 23/01/2020 | Actualizada ás 12:47

Comparte esta noticia

O proxecto "VIRADA: Bases para a reducción da mortalidade por captura accidental en artes de pesca da toniña (Phocoena phocoena) e o arroaz (Tursiops truncatus) en áreas Rede Natura 2000 de Galicia", acaba de poñerse en marcha. Trátase dunha importante iniciativa liderada pola Coordinadora para o Estudio dos Mamíferos Mariños-CEMMA, xunto coa Organización de Productores de Pesca Fresca do Porto de Vigo-OPPF-4, contando coa colaboración da Fundación Biodiversidad, do Ministerio para a Transición Ecolóxica, a través do Programa Pleamar, cofinanciado polo Fondo Europeo Marítimo e de Pesca-FEMP.

Toniña
Toniña | Fonte: CEMMA.

O proxecto conta cun orzamento total de 85.021,60 €, e obtivo a máxima valoración na resolución da Convocatoria Pleamar 2019, ocupando o primeiro posto dun total de 87 proxectos presentados. Está integrado no LIFE IP Intemares, o maior proxecto de conservación de fauna marina que se está a desenvolver nestes momentos en Europa.

O obxectivo principal do proxecto VIRADA é contribuir á protección da biodiversidade mariña e á sustentabilidade da pesca mediante a reducción das capturas accidentais de cetáceos, en colaboración co sector pesqueiro.

Como obxectivo secundario establécese coñecer a interacción cetáceos entre cetáceos e pesca e o esforzo pesqueiro que se aplica nas áreas Rede Natura 2000 das Rías Baixas, como primeira medida para poder avaliar os efectos negativos (capturas accidentais) da actividade pesqueira sobre o medio mariño.

Tamén se busca avaliar a magnitude do impacto da mortalidade por captura accidental en artes de pesca sobre a poboación de toniña e arroaz nas áreas Rede Natura 2000 das Rías Baixas, e potenciar o coñecemento do estatus poboacional da toniña e o arroaz nas principais zonas de pesca das áreas Rede Natura 2000 destas rías.

Arroaces en augas de Galicia
Arroaces en augas de Galicia | Fonte: CEMMA.

O prosecto levarase a cabo ao longo do ano 2020, e a zona de estudo serán as Rías Baixas, tendo como base de actuación os portos pesqueiros de Baiona, Vigo, Cangas, Bueu e O Grove, xunto con sete espazos mariños pertenecentes á Rede Natura 2000.

Levaranse a cabo diversas accións, entre as que destacan a realización de mostraxes a bordo de barcos de pesca e entrevistas aos mariñeiros.

Realizarase tamén unha campaña de monitorización de cetáceos, a bordo dun veleiro, que contará coa participación de voluntariado ambiental.

Por último, poranse en marcha diversas accións de educación e sensibilización.

UN PROBLEMA MUNDIAL

VIRADA xurde ante a grande necesidade que existe para poñer fin ao maior problema de conservación que presentan os cetáceos a nivel mundial: a mortalidade por captura accidental en artes de pesca.

Os datos recopilados pola CEMMA na costa de Galicia ao longo dos últimos 30 anos son demoledores: cada ano aparecen varados unha media de 285 cetáceos, a mitade deles mortos por captura accidental en artes de pesca.

O impacto desta mortalidade é especialmente preocupante no caso das dúas especies máis vulnerables e cun maior estatus de conservación: o arroaz (Tursiops truncatus) e a toniña (Phocoena phocoena).

No caso da toniña, a especie máis ameazada do litoral ibérico, extinguida no Mediterráneo, e que presenta o seu derradeiro núcleo poboacional nas augas do noroeste da península Ibérica, os últimos estudos realizados indican que desaparecerá para sempre das nosas augas nun prazo inferior a 20 anos. UN caso de desaparición similar ao da vaquita (Phocoena simus) no Golfo de México.

Por otra banda, VIRADA tamén vai dirixido ao sector pesqueiro, que presenta unha enorme importancia, tanto a nivel económico como social, en Galicia, donde está presente o 85% da flota pesqueira que faena nas augas do caladoiro Cantábrico Noroeste. Preténdese contribuir a que a actividade pesqueira sexa sostible dende o punto de vista ambiental, e compatible coa preservación da biodiversidade e do medio mariño.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta