Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/04/2025 | Actualizada ás 14:52
A Consellería do Medio Rural prohibe a partir deste xoves, 10 de abril, as queimas de restos agrícolas e forestais realizadas por particulares en Galicia ata novo aviso debido á situación meteorolóxica. Nun comunicado, a Xunta explica que esta medida supón que non se darán máis permisos e os xa concedidos quedarán en suspenso a partir do xoves. Quedan fóra desta prohibición as queimas prescritas que executa o servizo antincendios e cos medios de extinción precisos. Así mesmo, a Consellería do Medio Rural pide a colaboración da cidadanía para que extreme as precaucións e denuncie calquera actividade delituosa incendiaria da que teña coñecemento. O número de teléfono gratuíto 085 serve para alertar de lumes.
INVESTIMENTO DE 50 MILLÓNS EN PREVENCIÓN
Por outra banda, a Consellería de Medio Rural destina este ano máis de 50 millóns de euros a financiar diferentes actuacións preventivas en materia de loita contra os incendios forestais. Así o destacou este martes a conselleira, María José Gómez, na visita a un punto de auga para carga de medios aéreos e terrestres situado no concello ourensán de Maceda. Gómez apunta que a comunidade conta actualmente con máis de 4.800 puntos de auga repartidos por todo o territorio, dos cales máis de 1.200 están en Ourense. Avanza a creación de varias infraestruturas deste tipo na provincia ourensá. Tamén en valor o convenio de colaboración asinado coa Deputación de Ourense e que inclúe actuacións conxuntas para manter e conservar as infraestruturas preventivas ou a adquisición de ata 12 tractores con rozadora, entre outras medidas
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.