O PSdeG volve sacar na precampaña o "financiamento irregular" do PPdeG

"Feijóo ten que explicar cal é a sombra alongada da corrupción, que se xerou en Galicia e ata onde chega en España con efectos en Galicia", di Caballero.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/02/2020 | Actualizada ás 14:40

Comparte esta noticia

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, emprazou ao presidente da Xunta e líder do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, a explicar se "o financiamento irregular" do Partido Popular "favoreceu" as súas campañas electorais en Galicia.

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, comparece ante os medios con intengrantes da plataforma Galicia Baleira e cargos do PSdeG
O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, comparece ante os medios con intengrantes da plataforma Galicia Baleira e cargos do PSdeG | Fonte: Europa Press

Nunha rolda de prensa celebrada este mércores, o xefe de filas dos socialistas galegos fixo referencia á citación a declarar aos expresidentes do goberno José María Aznar e Mariano Rajoy como testemuñas no xuízo pola caixa b do PP.

Segundo indicou, ese "financiamento irregular" do Partido Popular en España "existía" cando Feijóo accedeu ao Goberno da Xunta nas eleccións de 2009 polo que considerou que o líder do PPdeG "ten que explicar tamén que ocorreu co financiamento irregular do PP España e que lle favoreceu a el" nas "campañas electorais que houbo en Galicia".

E é que, segundo indicou, había unha estrutura para "potenciar" unhas siglas dun partido político que "son as siglas" e "partido" co que Alberto Núñez Feijóo concorre ás eleccións autonómicas. "O PP ten que explicar cal é a sombra alongada da corrupción, que se xerou en Galicia e ata onde chega en España con efectos en Galicia", incidiu.

Gonzalo Caballero asegurou que a política "necesita dignidade e exemplaridade" polo que subliñou que "non se pode permitir ningún tipo de actividade irregular e corrupta que empobrezca a actividade pública".

Por último, lembrou que o PSOE puxo en marcha a moción de censura no Estado ante a negativa do PP a "asumir a sentenza da Gürtel" e sostivo que, "en todo este tempo" Feijóo "non abriu a boca para condenar a corrupción do PP".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta