Temas: MORCEGO ENDESA

Protección para sete especies de morcegos ameazadas de extinción que viven en instalacións de Endesa no Eume e Sil

A empresa puxo en marcha tarefas de conservación nas súas infraestruturas hidroeléctricas.

Por Europa Press / Redacción | A CORUÑA | 17/02/2020 | Actualizada ás 11:19

Comparte esta noticia

Endesa puxo en marcha tarefas de conservación de sete especies de morcegos ameazadas de extinción que foron localizadas noutras tantas infraestruturas hidroeléctricas da compañía situadas nos ríos Eume e Sil, grazas a un traballo de campo realizado por un equipo de científicos mobilizados por Endesa.

Morcego dunha especie ameazada atopado nas centrais da compañía Endesa
Morcego dunha especie ameazada atopado nas centrais da compañía Endesa | Fonte: Europa Press

Segundo explicou a compañía, os túneles, canles e edificios vinculados coa xeración eléctrica son claves para a protección a longo prazo desta fauna, por iso é polo que Endesa puxo en marcha o programa 'Endesabats'.

Un dos hábitats por excelencia dos morcegos son as galerías das centrais hidroeléctricas debido á súa combinación de escuridade, tranquilidade, humidade e temperaturas suaves no inverno e verán. Nas instalacións de Endesa localizáronse numerosas colonias de morcegos, especialmente en túneles laterais ou de acceso ás comportas das presas.

O proxecto Endesabats busca mellorar o coñecemento e a conservación dos morcegos cavernícolas, dos seus requirimentos ecolóxicos e da súa relación co funcionamento das centrais hidroeléctricas. Tamén pretende pór de relevo a importancia destas infraestruturas para os quirópteros ameazados, ademais de propor medidas para procurar a súa conservación e a súa presenza neste tipo de instalacións.

O citado plan iniciouse nos Pireneos en 2014, e en 2019 comezou a aplicarse en Galicia, onde o equipo científico de Endesa realizou un traballo de campo en instalacións dos ríos Eume (A Ribeira e Eume) e Sil (Campañana, Penarrubia, Bárcena, Cornatel e Quereño). Nestas centrais contabilizáronse un mínimo de quince especies de morcegos, que foron identificadas mediante capturas e por gravacións de ultrasóns.

A especie máis abundante detectada en Galicia é o morcego anano (Pipistrellus pipistrellus), seguida polo morcego ratoeiro ribeirego (M.daubentonii) e polo morcego de Cabrera (Pipistrellus pygmaeus). Os científicos tamén rexistraron abundantes contactos sonoros de morcegos grandes de ferradura (R. ferrumequinum), de morcego rabudo (Tadarida teniotis) e do nóctulo grande (Nyctalus lasiopterus).

No total das zonas estudadas, o equipo de Endesa localizou como mínimo sete especies ameazadas, que han de ser protexidas e tamén conservados os seus refuxios e as súas zonas de caza. Os científicos citan en concreto: Barbastella barbastellus, Miniopterus Schreibersii, Nyctalus lasiopterus, Rhinolophus ferrumequinum, Myotis crypticus, Myotis alcathoe, Myotis bechsteinii e Myotis myotis. Entre os lugares de maior interese, destacan as Fragas do Eume, onde se atopa a central de Eume, que acolle a maior diversidade de especies de gran interese.

Ademais de continuar cos estudos de campo e a recompilación de datos, Endesa está a executar algunhas actuacións para adecuar as instalacións hidráulicas e favorecer a conservación dos morcegos: entre outras, acondicionar as entradas aos túneles, colocar caixas-refuxio específicas e diminuír a luminosidade en determinados puntos críticos para os quirópteros.

Temas: MORCEGO ENDESA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta