Anova e Podemos afrouxan tensión pero seguen sen chegar a un acordo

Gómez-Reino e Martiño Noriega apuran os prazos para chegar a un consenso case imposible. Sectores de Anova non descartan unha alianza con En Marea que agarda contactos con este sector e avanza nunha gran candidatura galega co apoio das mareas municipalistas.

Por Xurxo Salgado | Compostela | 17/02/2020 | Actualizada ás 22:19

Comparte esta noticia

“É un quebracabezas de moi difícil composición”. Así describe un ex cargo público curtido en mil batallas políticas o que está acontecendo na esquerda rupturista e en parte do nacionalismo que deixou Amio no 2012. As decisións das direccións de Podemos e do BNG de facer valer o seu peso político están complicando a posibilidade de reeditar novas coalicións electorais. Iso é o que din desde as direccións de Anova e de En Marea.

Antón Gómez-Reino e Martiño Noriega
Antón Gómez-Reino e Martiño Noriega

Unha versión que é a oposta se se olla desde a outra posición. “O que non pode ser é que haxa imposicións, sobre todo, dun grupo que non foi nas Xerais e que perdeu as tres grandes alcaldías do cambio”, din desde Podemos. No Bloque, son máis contundentes. A súa líder, Ana Pontón, xa deixou claro que son unha forza “unida” e “en crecemento” e que, polo tanto, o que queira ir con eles terá que ser aceptado e ir baixo as siglas do BNG.

XUNTANZA GÓMEZ-REINO E MARTIÑO NORIEGA

Por iso, nos últimos días uns e outros apuran os prazos para tentar evitar unha desunión que poría case en bandexa a cuarta maioría absoluta a Núñez Feijóo. E, na tarde deste luns, Martiño Noriega e Antón Gómez-Reino quedaron en Santiago para tentar desconxelar unha tensa situación. A pesar das duras críticas que Martiño Noriega lle lanzou esta fin de semana a Podemos pola súa decisión de “pensar máis neles” e menos nun espazo de confluencia, as  negociacións entre Anova e Podemos continúan. 

Os líderes de Podemos e Anova acordaron volver falar, rebaixaron a tensión precedente, pero non chegaron a ningún consenso. O único gran acordo é “que se respeten os candidatos que saian do proceso de Primarias de Podemos”, din fontes consultadas deste partido . É dicir, que se Gómez-Reino, ou Luca Chao ou Marcos Cal, son elexidos para ocupar postos de saída ou relevantes na futura lista de confluencia  non serán vetados. Isto implica, na práctica, que Anova aceptaría que Gómez-Reino fora o candidato á Xunta.

A candidata galega de En Comun Unidas Podemos,Yolanda Diaz, o líder de Podemos, Pablo Iglesias, o alcalde de Ferrol, Jorge Suárez e o deputado de Galicia En Común, Antón Gómez-Reino, presentes no acto de Podemos en Ferrol
A candidata galega de En Comun Unidas Podemos,Yolanda Diaz, o líder de Podemos, Pablo Iglesias, o alcalde de Ferrol, Jorge Suárez e o deputado de Galicia En Común, Antón Gómez-Reino, presentes no acto de Podemos en Ferrol | Fonte: EP

“As bases de Podemos deciden sobre a porcentaxe de Podemos”, puntualizan desde Anova que tamén confirman que hai “mellor clima” que hai unha semana, pero que din que está moi difícil o acordo. Tanto Noriega como Gómez-Reino non dan por pechada esta posibilidade pero o encaixe dos candidatos e dos distintos partidos é moi complicado.

ONDE ESTÁN OS PROBLEMAS?

O problema principal das negociacións radica nos postos que cada partido levará nas listas. Así, para Podemos estaría reservado o primeiro posto en dúas provincias e para EU e Anova nas outras dúas. Isto, deixaría a Martiño Noriega, Antón Sánchez ou Xulio Ferreiro sen posibilidades de ir de cabezas de listana da Coruña, que estaría reservada para Gómez-Reino. Pontevedra, pola contra sería previsiblemente para EU, con Eva Solla como candidata, e a Anova ofrécenlle liderar a de Lugo ou Ourense. A restante sería para Podemos.

“O problema téñeno eles cos seus candidatos", din. De feito, a falla de mulleres "potentes" para ir nas listas sería un dos grandes problemas. E o certo é que os principais dirixentes de Anova e das mareas municipalistas poderían quedar relegados á terceira posición na Coruña e en Pontevedra, onde Oriana Ferrín, tamén tería que ir de terceira. A dificultade radica en que as últimas enquisas apuntan á dificultade de sacar un terceiro escano nestas dúas provincias. Deste xeito, Noriega, Antón Sánchez, Xulio Ferreiro ou Oriana Ferrín poderían quedar sen escano, a non ser que decidan presentarse como candidatos noutras provincias diferentes as súas, a pesar, tamén, das dificultades de obter escano en Lugo e Ourense.

NOVAS POSICIÓNS

Por iso, novas fontes de Anova non descartan pechar un acordo de carácter “soberanista” con En Marea e as súas mareas afín. “Non pechamos nada. A nosa primeira opción foi sempre reeditar o espírito de AGE –Alternativa Galega de Esquerdas--, pero se iso non sae non pechamos as portas a outra gran confluencia”, indican en alusión a En Marea.

Pero desde o sector de En Marea manteñen unha tensa espera e din que non hai avances con Anova cara a configuración dunha gran fronte galega. Ademais, critican as palabras de Martiño Noriega, moi morno á hora de decantarse por unha alianza de forzas galegas e municipalistas.

Precisamente, este luns unha trintena de mareas muncipalistas afíns á En Marea presentaban en Santiago un manifesto para chamar á configuración dunha candidadatura unitaria do soberanismo galego nas eleccións do próximo 5 de abril.

Unha chamado que ía dirixido ás grandes mareas municipalistas da Coruña, Compostela, Ferrol e Vigo, ademais de Anova e ao propio BNG. "Cando se fala das mareas refírense a dúas ou tres. O municipalismo é moito máis", asegura Antonio Araúxo (Manifesto Miñor), que dixo que o manifesto está apoiado por mareas municipalistas de "todas as comarcas de Galicia".

As organizacións por agora adheridas ao manifesto son Marea Pontevedra, Lugonovo, Marea de Ferrol, Manifesto Miñor, Somos Ribadumia, Movemento Oia, ACE Bueu, En Marea, A Guarda, En Marea Tui, Manifesto Miñor Nigrán, Manifesto Miñor Baiona, Manifesto Miñor Gondomar, Valga Viva, En Marea Ponteareas, Movemento Salceda, Sempre Corcubión, Somos Cabanas, Marea Veciñal de Touro, Xuntos Carballo, Marea veciñal de Culleredo, EM Mondoñedo, EM Ribadeo, Son Manzaneda, Xuntos por Chandrexa, Xuntos por Laza, Son de Trives, Ourense Mellor.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 18 comentarios

8 caxancran

Incompetentes todos. Gulag pra todos. Feijoo escarallase de risa con esta tanda de ineptos. Triste pra Galicia.

7 Nohaipan

Supoño que uns queren concerto económico e outros non, uns quererán a tarifa eléctrica galega e outros non, ou quererán priorizar o AVE e outros non. Non entendo se non en que andan a discutir para ir ou non xuntos, que se expliquen.

6 Xudea Mon Amour

Villares ainda non se decatou que é un cero a esquerda rupturista e partindo da base de que é imposible chegar a ningures ca UPG o meollo está si ANOVA e as mareas chegan algún tipo de acordo con UP. Hai ata o venres, espero un entendemento por que o contrario é terrible para as duas partes e ainda pior para Galicia.

5 Apiadádevos

Metede a Martiño home metédeo é certo que os resultados con el serán aínda peores sobre todo en Compostela pero así polo menos remata a turra insoportable que leva dando

4 Marea Baixa

¿Porqué temos que aguantar a estos tipos? Xa está ben de mangoneos e de egos máis grandes que o intelecto. Xa está ben de deixarlles organizar a unha xente que demostrou non dar o nivel. Debemos dar un paso adiante dende a sociedade civil para organizarnos máis e mellor.

1 Bernal Calvo Delaciga

Se non os queredes aguantar "a estos tipos" non entredes a vomitar bile en todas e cada unha das noticias sobre "estos tipos", Anova, Podemos, mareas... A ver se ides superando o trauma de Amio, que xa pasaron 8 anos!