Por Galicia Confidencial | Otawa, Canadá | 20/02/2020 | Actualizada ás 12:00
O Programa Integrado de Aprendizaxe de Linguas Extranxeiras , da Consellería de Educación, (PIALE) permitiunos coñecer o OCDSB (Ottawa-Carleton District School Board), o distrito escolar mais grande do este de Ontario. Comprende mais de 140 centros entre primaria e secundaria, e é unha das 13 School Board ou xurisdiccións dependentes do ministerio de educación nas que este delega os ámbitos organizativo, curricular, de contratación de persoal, etc.
A inmersión lingüística é total, xa que nos destinan a un solo profesor en cada centro. Chego ao meu destino, o Sir Willfried Laurier Secondary School, un luns a primeira hora. É grande, con máis de 1000 alumnos e alumnas, cuns corredores e instalacións moi amplas, e comunicado interiormente co complexo deportivo Ray Friel. Recíbeme Mr Fazakas, o vicedirector, e preséntame a Rich Varden, o xefe do departamento de EF. Tras unha visita guiada polo recinto, descubro aulas materia de todo tipo, como o taller de ebanistería ou o laboratorio de fotografía.
A vida escolar comeza ás 08:30, aos acordes de Oh, Canadá, o himno nacional ante o cal se detén actividade no centro e todo o mundo escoita de pé respetuosamente. Logo, a emisión matinal de 5´de televisión escolar en directo, coas novas do día, levada a cabo polo alunado desde a emisora do centro, única no distrito de Ottawa.
O currículo escolar é mais reducido en materias que o noso, con menos obrigatoriedade e maior opcionalidade e tempo por sesión. O alunado cursa catro materias por cuadrimestre, de xeito que ten catro clases diarias de 75 minutos ao longo da mañán, interrumpidas polo “lunch”, de 11 a 12:00. Para graduarse o alumnado debe obter un total de 30 créditos escolares e xustificar 40 horas en servicios de voluntariado.
Cada profesor imparte un total de tres sesións diarias, e a cuarta, chamada “Preparatory” ou “Prep”, adícase á elaboración de materiais didácticos ou xestións de departamento e burocráticas. O acceso á docencia en Ontario implica licenciarse e obter un máster, entrar en listas de substitucións e agardar a que un director os convoque a unha entrevista. O salario depende da antiguidade e vai desde os 30.000 euros anuais iniciais aos 50.000, con máis de quince anos de experiencia, aproximadamente.
O sistema educativo canadiense atópase entre os mellores do mundo, alomenos en relación ao informe PISA. As materias nel avaliadas, matemáticas, habilidade lectora e ciencias, segundo corroborou a directora do Sir Will, son a xoia da corona e ás que se adican maiores esforzos. Logo, a variedade de optativas, dependente de cada centro, é moi ampla, non en van un dos principais obxectivos do sistema educativo canadiense é a diversidade académica. Nos catro anos que dura o secundario, o equivalente canadiense ao antigo BUP e COU, o alunado do Sir Will pode desde tocar nunha banda de jazz a aprender a cociñar, pasando pola creación fotográfica, a construcción de casas en madeira, ou a aprendizaxe de técnicas de liderazgo. Os medios materiais e instalacións dos centros canadienses son privilexiados a ollos dun galego, xa que o estado inviste en educación aproximadamente o triple que no noso país, e ronda o 12% do gasto público.
No meu departamento de destino, o de educación física, teño a posibilidade de asistir a clases de loita libre, de curling, de hoquei (xeo, por suposto,...) ademais de outras actividades menos inhabituais no noso currículum, como a impartida pola bibliotecaria, Trizia Leduc, ao alumnado de “Law”, de 12º ano, sobre o proceso de xuizo do xenocidio de Ruanda, país no que ela tivo a ocasión de ir como observadora con outros profesores canadienses.
As actividades no centro continúan pola tardes, en forma de voluntariado, tanto para alunado como para profesorado, o cal os convirte auténticos dinamizadores da vida comunitaria. Debemos decatarnos de que o clima e as enormes distancias condicionan o xeito de relacionarse e participar en actividades dos adolescentes canadienses, que de non facelo no centro non dispoñerían doutra oportunidade.
A pesares de este panorama aparentemente idílico, todo sistema ten os seus claros e escuros, segundo podo comprobar con Christine Gagné, a xefa do departamento de orientación, e os problemas de ansiedade e depresión entre o alunado son bastante comúns, dándose incluso varios casos tódolos anos de intentos de suicidio, ou chamadas de atención dos adolescentes, debido, segundo ela, e entre diversas razóns, ao isolamento, e á presión dos pais e nais polo resultados para acceder á universidade ou á formación técnica dos colleges, que teñen prazas limitadas e unhas matrículas que oscilan entre os 3 e 6 mil euros anuais, ou incluso mais.
En vindeiras entregas falaremos da vida en Ottawa.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.