Recta final espectacular do 'XIV Outono Códax Festival'

Farao con tres concertos nos que participarán sete grupos, tres proxeccións das películas que conforman o ciclo "Blow up... A música no cinema", e a presentación do último libro do xornalista musical Xavier Valiño. Tamén serán os derradeiros días para ver a exposición de fotografías coloreadas "Calle 52-W. Los rostros del jazz 1945-1948" na sala Riquela Club.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 20/11/2024 | Actualizada ás 20:40

Comparte esta noticia

Chega ao seu remate a XIV edición do Outono Códax Festival e faino por todo o alto, e cun ritmo moi intenso no musical destacando tres grandes concertos nos que haberá grupos de primeiro nivel enriba do escenario.

The Jive Aces. Foto cedida pola organización do Outono Códax Festival.
The Jive Aces. Foto cedida pola organización do Outono Códax Festival.

O xoves 21, na sala Capitol, o Outono Códax recibe a unha das súas propostas máis agardadas: a banda californiana Shannon & The Clams, influenciada polo garaje rock, o soul dos sesenta, o doo wop e a primeira psicodelia, e apadriñada e producida por Dan Auerbach, vocalista e guitarrista de The Black Keys, grupo ao que acompañan nas súas xiras internacionais. Abrirán ese concerto Mambas Negras, quinteto formado por grandes músicos galegos cunha ampla traxectoria, como Óscar Avendaño (The Bo Derek's, Siniestro Total), Andrés Cunha (Siniestro Total) ou Toño López (The Soul Jacket), que interpretan un repertorio formado por cancións das bandas sonoras das películas de Quentin Tarantino.

O venres 22, tamén na Capitol, actuarán The Jive Aces, un septeto de irrefreable de swing, rat pack e rock and roll, que chega avalado por ser a primeira banda en vivo que alcanza a final de Britain's Got Talent, esgotar as entradas no Royal Albert Hall e encabezar festivais en 40 países. Abren a noite os tamén británicos The Fuzillis.

O sábado 23, xa con todas as entradas vendidas, será a noite de Fantastic Negrito, gañador de tres Grammys ao mellor álbum de blues contemporáneo e un dos músicos máis persoais e referenciais da nova escena do blues a nivel mundial. Tamén actuarán esa noite Madame Bird, o proxecto de Carla de Figueredo, a voz mais prominente da escena negra galega, e Lightspeed, un cuarteto belga de rock atmosférico.

CINEMA

De forma paralela á programación musical, esta fin de semana o Outono Códax tamén propón a segunda edición do ciclo Blow up… A música no cinema. Nesta ocasión proxectaranse tres películas e documentais: This Is a Film About the Black Keys (venres 22), Phantom of the Paradise (sábado 23) e Blue Giant (domingo 24). Todas as proxeccións serán nos cines Numax ás 17.30 hotas. O prezo das entradas para soci@s de Numax ou persoas que teñan o abono do Festival é de 4 €. O prezo para o público en xeral é de 5 €.

PRESENTACIÓN DE LIBRO

Tamén o venres 22, en A Reixa-Matrioska, ás 19.30 h, o xornalista musical e escritor Xavier Valiño presentará o seu último libro, Rumours. La tormenta emocional de Fleetwood Mac,  un libro no que Valiño aborda a transcendencia deste álbum, reparando ata no máis mínimo detalle e rememorando os seus antecedentes e as súas consecuencias, así como as once cancións que inclúe.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta