Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/04/2025 | Actualizada ás 10:32
A Real Academia Galega (RAG) celebra este venres o pleno extraordinario de elección da nova presidencia, coa do académico Henrique Monteagudo como única candidatura formalizada. O candidato comparecerá este venres en rolda de prensa ás 19.00 horas, no Salón Real do Pazo de María Pita, na Coruña.
Henrique Monteagudo (Muros, 1959) é catedrático de Filoloxía Galega na Universidade de Santiago de Compostela e conta cun amplo currículo académico internacional, en universidades europeas e americanas.
Membro de número da RAG desde 2012, é o coordinador do Seminario de Sociolingüística da institución e exerceu como secretario entre 2013 e 2021, cando asumiu a vicesecretaría, posto que substentou ata agora.
Doutor pola USC coa tese 'Ideas e debates sobre a lingua (1916-1936). Afonso D. R. Castelao e a tradición galeguista' (distinguida ademais co premio extraordinario de doutoramento), a sociolingüística e os estudos sobre a normalización do galego ocuparon gran parte do seu labor desde principios dos anos 80.
Outro punto importante da súa carreira foi o estudo de Alfonso Castelao, con edicións da oratoria e dos textos sobre o ideario lingüístico do intelectual rianxeiro, así como a biografía divulgativa 'Castelao. A forxa dun mito (2021)'. É ademais o director da Cátedra Castelao da USC, constituída en 2024.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.