Por Galicia Confidencial | Compostela | 06/03/2020 | Actualizada ás 09:00
"Hay que mantener la dignidad de España, la segunda nación más antigua del mundo", dicía Feijóo nun acto político o pasado mércores. Unha frase que non é a primeira vez que repite, nin el, nin moitos dirixentes populares, aínda que, con frecuencia, soen dicir que é España a nación "máis antiga".
Fíxoo o ex presidente español Mariano Rajoy en varias ocasións, asegurando que España era a "nación más antigüa de Europa". Unha afirmación que foi corrixida por varios historiadores que lle lembraron que, cando menos, en Europa hai dúas nacións máis antigas, a inglesa e a francesa.
GC preguntoulle este xoves a Feijóo sobre esta cuestión quen chanceou con que non se imaxinaba que na habitual rolda de prensa dos xoves íaselle a expor "un exame de Historia". "A nación máis antiga é Francia, e despois España. Tamén hai comentarios de que a segunda é Francia e a primeira España. Polo si ou polo non non merecemos o ouro, quedo coa prata. Supoño que vostede sabía a resposta, non se se pretendía comprobar se o alumno sabíaa ou non", resolveu.
A cuestión é que, falando de todo o mundo, non son poucos os historiadores que teñen as súas diferencias, pero todos coinciden en que non é España, nin tan sequera Francia ou Inglaterra, e ollan cara Asia, China ou India, principalmente. Con todo, a diferencia está en saber se ao falar de nación se fala de nacionalidade como pertencente a un país ou etnia ou do concepto de nación-estado.
REINO
Menos dúbidas hai ao referirse ao reino "máis antigo de Europa". Nese caso Feijóo teríao máis doado porque o reino suevo, con sede na antigua Gallaecia, está considerado por moitos historiadores como o reino máis antigo do vello continente.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.