O arquivo bomba

Aínda hai pouco unha persoa preguntáballe en campaña a Feijoo que ía facer -se repetía goberno- coa investigación: “Nós investiremos en innovación” foi a lacónica resposta; cando o interlocutor recunca dicindo que non hai innovación sen investigación, Feijoo contraataca: “si, si, potenciaremos investigar en cousas de utilidade como a loita contra o cancro, e non en cousas que non lle interesan a ninguén como iso da memoria histórica”. Cousas dos bos e xenerosos.

Por Xurxo Ayán | Compostela | 29/10/2012

Comparte esta noticia
O trunfante emperador Feijoo alonxou as pantasmas da “damnatio memoriae” na súa primeira comparecencia nada máis gañar as eleccións. Nun discurso de corte historiográfico defendeu dúas teses esencialistas: a primeira que o Ser da dereita en Galicia é un ente colectivo encarnado primeiro en Albor, despois en Fraga e agora en el mesmo, e a segunda que o Partido Popular é o partido de Galicia, é Galicia, sempre. Este enfoque orgánico historicista é o que caracteriza de xeito sobranceiro a un movemento feixista (que non se alporice ninguén: os feixistas son os seguidores de Feixoo, non?)
 
En todo caso resulta curiosa esta querencia do Señor dos Peares pola historia recente, xa que contrasta vivamente coa súa xenreira ao que se deu en chamar “memoria histórica”. Non sei se sería un lapsus pero o que si é certo é a efectividade da política de esquencemento promovida por este Caracalla desmemoriado. Imos comprobalo cun exemplo.
 
Hai uns días unha pequena columna agochada nas páxinas de información local de La Voz de Galicia (17-X-2012) sorprendía ao leitor atento alertando do descobrimento de bombas da guerra civil no Arquivo da catedral de Tui. O texto é impagable. Resulta que o crego-arquiveiro (ese ser) removendo estanterías e vellos pergameos deu cunha vella caixa de cartón que contiña “tres granadas, presumiblemente italianas, un mortero y un obús”. O señoriño deu parte inmediatamente á garda civil e alá apareceu un equipo dos Tedax para desactivar o inédito enxoval bélico. O xornalista apunta na súa nova o desconcerto creado pola situación xa que encobrer armas non declaradas pode levar a unha condea de tres anos de cadea. Ninguén se explica como aquilo podía estar alí. Manda truco. Tui, última cidade galega en caír en maos dos golpistas o 28 de xullo do 36, despois de días e días de combate desigual. A batalla de Tui rematou cunha brutal represión, convertendo o Monte Aloia en escenario de asasinatos e fusilamentos, nunha aba pola que escoaba o sangue e o medo. O pai de Álvarez Blázquez foi unha das vítimas inocentes da vesania feixista, do maratón sanguinario para repoñer o bo nome da católica e española vila de Tui, berce do protomártir Calvo Sotelo. Nestes feitos está comprobado o apoio da igrexa local aos golpistas, pero claro, en 2012 ninguén entende nin comprende nada na catedral-fortaleza tudense.
 
Pero a noticia ten máis miga. Seica eses restos da guerra civil van ser destruídos despois de seren desactivados por mor de “su nulo valor patrimonial”. Isto é abraiante se temos en conta que en todo o Estado Español as administracións e asociacións están poñendo en valor e recuperando campos de batalla, campos de concentración, liñas de frente e camposantos vencellados ao conflicto bélico, están creando museos locais onde se recollen pezas exhumadas en escavacións arqueolóxicas ou cedidas por particulares. Por poñermos outro exemplo catedralicio, na catedral de Sigüenza (Guadalaxara), sitiada e tomada polos nacionais, reformas recentes permitiron recuperar pistolas e outros restos do conflicto e que agoran se exhiben en vitrinas do Museo ao carón doutros obxectos arqueolóxicos como puntas de lanza calcolíticas ou armas da Idade do Ferro.
 
En Galicia a obsoleta Lei de Patrimonio Cultural (1995) sanciona as teses de Feijoo, xa que aquí unha cousa ten que ter cen anos de antigüidade para ser considerada de valor histórico. Dicir que a cultura material xerada pola guerra e a represión franquista non ten valor patrimonial, negarlle a súa condición de Patrimonio (e polo tanto público) é borrar de sotaque a memoria colectiva deste país.
 
P.S.
Ultimamente en Galicia, cómpre ter coidado cos arquivos catedralicios “que los carga el diablo”.
 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA