Aumentan a 444 os infectados por coronavirus en Galicia, que rexistra cinco mortes

O Sergas di que a última persoa falecida, un home de 75 anos, xa tiña patoloxías previas.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/03/2020 | Actualizada ás 11:49

Comparte esta noticia

A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informou este xoves de que o número de casos de coronavirus activos en Galicia ascende a 444, 111 máis que no último informe. Ademais, producíronse cinco mortes e catro altas.

O último falecido foi un home de 75 anos, con patoloxías crónicas previas, que estaba ingresado no Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC). Tratábase dun traballador xubilado de Alcoa e exsecretario xeral de CCOO na Coruña, José Luís Paz Pena. Así o confirmou este xoves o sindicato Comisións Obreiras, quen trasladou o seu pesar pola morte de Paz Pena, quen desempeñou diferentes responsabilidades no sindicato. "Infatigable compañeiro, non faltaba a unha mobilización, nin sequera desde que estaba xubilado", sinala o sindicato.

Cirurxía no CHUAC.
Cirurxía no CHUAC.

A CORUÑA, ÁREA MÁIS AFECTADA

Segundo a información da Xunta, a área máis afectada polo coronavirus é a da Coruña, onde están 136 dos afectados, mentres que 68 están na área de Santiago, 84 na de Vigo e 59 na de Pontevedra. Así mesmo, a área de Ourense rexistra 46 casos, a de Lugo 36 infectados e a de Ferrol 15.

Do total de pacientes positivos, o departamento autonómico detallou que 15 permanecen na UCI, 99 están en unidades de hospitalización e 330 no domicilio.

A Xunta destaca que continúa traballando desde a "máxima coordinación interdepartamental" e co Ministerio de Sanidade, tamén mantendo o contacto con todos os axentes socioeconómicos de Galicia. Neste sentido, reitera que segue alerta, actualizando todas as medidas e recomendacións e en vixilancia permanente.

Sanidade apelou á cidadanía a empregar o número 061 só para emerxencias ou casos graves e aconsella utilizar o número gratuíto do 900 400 116 para consultar dúbidas ou síntomas leves de coronavirus.

Ademais, lembrou que o Servizo Galego de Saúde (Sergas) ten a disposición da cidadanía unha páxina web (https://coronavirus.sergas.gal), na que se pode consultar información dirixida á poboación, aos profesionais sanitarios e a outros colectivos.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta