A corentena evidencia a existencia da 'brecha tecnolóxica' entre rural e cidade

"Hai 50 anos, a electricidade chegou á última casa custase o que custase, porque así se lexislou; pero agora, iso non se está facendo con Internet", denuncia o alcalde de San Xoán de Rí.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/03/2020 | Actualizada ás 12:00

Comparte esta noticia

O confinamento ditado á poboación para combater a expansión do COVID-19 evidencia a existencia da 'brecha tecnolóxica' que existe entre a contorna urbana e o rural de Galicia, que se ve "penalizado" ao ter peores conexións.

Así o defende o Colexio oficial de Telecomunicacións (Coettga) nun comunicado no que afirma que esta situación, que se pon de manifesto co aumento da demanda de medios telemáticos e de telecomunicacións froito do confinamento da poboación, leva sendo denunciada "durante anos" por veciños e institucións do rural galego.

"A pesar de que houbo un gran avance en moitas zonas, aínda quedan moitos puntos escuros no rural galego", sinalou o decano do colexio, José M. Martínez, que lembra que os sistemas de telecomunicacións permiten que o país siga adiante.

Neste sentido, o colexio destaca a posiblidad de levar a cabo teletraballo en determinadas empresas, o que evita a "paralización por completo" do Estado e a consecuente destrución de emprego. Tamén no ámbito educativo coa formación a distancia, as redes demostraron o seu carácter "fundamental", inciden os enxeñeiros en telecomunicacións.

"A miña empresa, grazas a que permite o teletraballo en gran medida a case todo o mundo, desde fai máis dunha semana puido evitar contaxios no seu persoal, xa que promove o traballo desde casa a preto do 80% dos traballadores. Grazas a ter unha boa planificación, estamos a traballar con normalidade, mesmo máis que en semanas pasadas", relatou o enxeñeiro David Saavedra, que traballa para unha empresa de software desde a súa casa no rural galego.

Con todo, o Colexio de Enxeñeiros en Telecomunicacións advirte de que existe "unha cara b" pois, segundo datos do Ministerio de Economía, máis de 3,2 millóns de habitantes teñen unha conexión a Internet deficiente cunha velocidade menor a 10MB.  En días de reclusión nas súas casas nos que, como apuntan, manter contacto social con familiares e achegados "faise máis importante", denuncian que existen "familias, fogares e pobos" que carecen dunha conexión a Internet que permita, non xa traballar a distancia, se non comunicarse, ben por cuestións loxísticas ou por incapacidade económica.

Teclado dun ordenador
Teclado dun ordenador

CAMBIO DE LEXISLACIÓN

"A principal brecha rural que hai agora é a lexislación. Porque vai moi por detrás da tecnoloxía. Hai 50 anos, a electricidade chegou á última casa custase o que custase, porque así se lexislou; pero agora, iso non se está facendo", afirmou o alcalde de San Xoán de Río (Ourense) e vogal do Coettga, Xosé M. Blécua.

Neste sentido, sinalou que "o único" ao que "se obriga" por lei hoxe en día é a contar con telefonía fixa por cable e velocidade de 1MB por segundo, algo que o rexedor ourensán considera insufienciente: "Todos sabemos que a telefonía fixa está a desaparecer. E tamén sabemos que unha suficiente decente son de 30MB".

En defintiva, Blécua cre que, como noutras cuestións, o rural vai por detrás dos avances que se producen no ámbito urbano e considera que o camiño é blindar por lei que se equiparen os servizos. "O 5G no rural non o imos a ver mentres non se lexisle, porque non sae rendible. No noso concello temos 59 núcleos de poboación, dos que só un supera o 30MB", apostilou.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta