A crueldade inútil

O sábado 10 participamos en Teo na Homenaxe ás vítimas do franquismo, actividade organizada pola Asociación Irmáns Liste Forján. A nosa intervención na sesión Instrumentos de represión tomou prestado o título dun libro de memorias escrito por Xerardo Díaz Fernández, republicano que estivo os anos da guerra na cadea de Compostela e no cárcere de A Coruña. A crueldade inútil foi publicado nos anos 80 na serie Documentos de Edicións do Castro, o verdadeiro disco duro da memoria colectiva do noso país.

Por Xurxo Ayán | Compostela | 20/11/2012

Comparte esta noticia
A antropóloga da Universidade de Berkeley, Rachel Ceasar, especialista no fenómeno das exhumacións en España, comentaba na súa conferencia de despedida hai pouco no CSIC que o que máis lle chamaba a atención do caso galego é o tremendo medo que segue a domear o noso rural, en comparanza con outras áreas peninsulares. A instigación do medo como ferramenta de represión foi a arma preferida para remamtar coa guerrilla antifranquista, por exemplo. A crueldade inútil foi o medio para eliminar os presos políticos en cárceres e campos de concentración. Ler a obra de Xerardo Díaz abonda para comprender o que era a cadea franquista nos anos 1938-1940: torturas, fame, humillación e morte. Tamén conta con lances que se achegan ao realismo máxico. Como aquel preso que foi nomeado bibliotecario dunha biblioteca da prisión... sen libros. Ou o labor da censura, como aquela carta enviada pola familia a un preso asturiano chamado Elio; o censor subliñou o nome Elio e escribiu debaixo como nota aclaratoria: Están terminantemente prohibidos los nombres exóticos.
 
Hoxendía o cárcere vello de A Coruña remanece silandeiro sen oficio nin beneficio, grazas a unha corporación municipal que non quere facer nada con el. Por algo será. Pero hai casos piores de desleixo cara ao Patrimonio que remite aos tempos de Atila en Galicia, como a destrución do cárcere vello de Monforte de Lemos para erguer unha pista de tenis, a destrución de estacións de tren como a Pobra do Brollón, a destrución do edificio que albergaba o campo de concentración de Rianxo, solar no que se ergue a urbanización O Castelo (Tu punto de amarre, é o lema da publicidade da inmobiliaria), o abandono de cuarteis da Guarda Civil, etc... A paisaxe presente do franquismo na que fomos aculturados xeracións e xeracións, mesmo en democracia, está a desaparecer grazas á amnesia tecnócrata da clase política deste país. Semella que existe un interes porque desaparezan os vestixios materiais da crueldade inútil. Os documentos poden ser falsificados, a memoria da xente falla ou desaparece, pero a arquitectura totalitaria adoita remanecer. Por esta razón os nazis fixeron o posible por eliminaren calquer resto dos seus campos de concentración. Se isto acontece coa paisaxe totalitaria que non pasará coa paisaxe ausente da resistencia antifeixista en Galicia.
 
En Teo falamos de instrumentos de represión pero tamén reivindicamos o papel dos humanistas e dos científicos sociais como instrumentos para a recuperación da memoria histórica, para demostrar que aquí se fomentou a crueldade e que, doutra volta, resultou inútil. Minusvalorar o papel da Historia trae funestas consencuencias.
 
A comezos da batalla de Guadalajara, os mandos republicanos interceptaron unha mensaxe do xeneral franquista Moscardó; este home que viña de ser proclamado heroe no Alcázar de Toledo, ía sobradísimo, convencido da superioridade do glorioso Exército Nacional. No telegrama, Moscardó apuntaba o seguinte sobre o inimigo: Idea del enemigo. Bastará decir que el enemigo está mandado por un doctor en Derecho y miembro del Cuerpo de Archivos, Bibliotecas y Museos. Certo: José Ignacio Mantecón era comisario político dunha das unidades que infrinxiron ao feixismo a súa meirande derrota en España.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA