Por que non quere a Xunta informar conxuntamente de todas as mortes dos anciáns das residencias?

A cifra oficial este luns 6 de abril é de 52 mortos en hospitais. Os familiares aseguran que esa cifra pode ser o dobre e chegar a superar o 40% do total dos falecidos por coronavirus. Todos os grupos da oposición critican a ocultación de datos e piden “transparencia informativa” e a comparecencia de Feijóo na Cámara.

Por Xurxo Salgado | Santiago de Compostela | 06/04/2020 | Actualizada ás 22:44

Comparte esta noticia

Imposible saber o número de mortos, a día de hoxe, luns de 6 de abril, que procedente das residencias de maiores de Galicia, tanto os que morren nos propios centros como nos hospitais tras cambiar o sistema de reconto informativo a pasada semana. Ninguén na Xunta semella saber nada ou van pasando ao xornalista dun departamento a outro. O único dato fiable deuno o presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, este domingo a preguntas de Galicia Confidencial. Cifraba en 65 o número de falecidos, case o 36 % do total dese día.

Un infectado de coronavirus sendo trasladado en ambulancia ao hospital por persoal sanitario
Un infectado de coronavirus sendo trasladado en ambulancia ao hospital por persoal sanitario | Fonte: © Miguel Núñez

Este luns, ás 12.00 horas, Política Territorial informaba dos falecidos en residencias; 52, persoas, o que supón 18 persoas máis que o domingo. E a esas, habería que sumarlle as que morreron nos hospitais, que eran 34 o domingo.

Este luns, este medio tentou xa, despois de coñecer estes datos, saber a cifra de mortos de maiores de residencias, tanto nos propios centros, como nos hospitais. Non houbo xeito. Tras insistir varias veces en Sanidade e suliñar que ese dato non o computa esa consellería, decidimos poñernos en contacto directamente con Presidencia da Xunta.

Tras dúas horas informan que “están a seguir os protocolos de comunicación de información marcados polo ministerio e que seguen o resto de CCAA e que en ningún caso se ten facilitado a uns medios información que se lles negue a outros”. Refírese a unha información publicada por este medio na que se apunta que a Xunta prioriza a La Voz, ABC e a TVG nalgunhas informacións. Unha nova que causou un fondo malestar no Goberno galego e nos medios de comunicación citados.

PROTOCOLOS

Con todo, o propio Feijóo reclamaba na súa comparecencia do domingo ao Goberno central que unifique os protocolos para saber como actuar. “O que queremos é un protocolo único para todo o Estado. Persoas que falecen en residencias sen test para dar datos homoxéneos e comparables”, insistía.  “O Goberno de Madrid tamén ten que ter un papel nas residencias e non que cada autonomía decida”,engadía.

A falta de de saber como fai os recontos destes falecidos a Xunta, datos que, por outra banda, o presidente galego coñece perfectamente, GC púxose en contacto con Rede, a Federación Galega de Asociacións de Usuarios de Familiares de Residencias e na Dependencia, que o domingo acusaba á Xunta de “traficar cos datos dos mortos”. Paulino Campos, un dos seus representantes, apuntaba que as mortes de maiores de residencias é un “moi grave problema”.

DOBRE DE CIFRAS

En declaracións a GC anunciaba que nos vindeiros días haberá un “boom” de mortes de persoas procedentes de residencias, xa que tras os test rápidos realizados nestes centros, estase disparando o número de contaxiados, como aconteceu no centro de Ourense. “Non dan a información porque saben que teñen un problema moi serio e que lles vai estoupar nas mans”, destaca.

E para coñecer os datos exactos de mortes di que hai que acudir a cada unha das áreas sanitarias de Galicia. Por iso, aos datos de mortes en residencias este luns, 52, segundo Política Social, habería que engadirlle sete máis só en dúas redidencias, a de DomusVi Aldán e a DomusVi Barreiro, de Vigo. Na primeira, a Xunta computaba 11 mortos, na segunda, 10. Pero segundo esta entidade, son 9 os residentes mortos no centro e tres no hospital en Aldán e sete na residencia e nove nos hospital no caso de Vigo. Por iso, estima que os datos deste luns poden ser case o dobre que os do domingo, con preto dun cento de mortos.

CRÍTICAS DA OPOSICIÓN

Esta modificación da política informativa dos maiores de residencias mortos, levou a que todos os grupos da oposición --PSdeG, Grupo Común da Esquerda, BNG e En Marea-- solicitaron este luns que compareza o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, para "explicar a situación real" das residencias de maiores. Insisten na necesidade de "transparencia absoluta" sobre o que está a acontecer nas residencias galegas e esíxenlle a Feijóo que non oculte os datos das persoas das residencias que morren en hospitais.

Así, o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, pediu á Xunta de Galicia que facilite información "máis detallada e fiable" aos cidadáns e ao resto de forzas políticas sobre a situación dos contaxios por coronavirus nas residencias de maiores e de persoas con diversidade funcional.

Tamén a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, reclamoulle ao presidente da Xunta que se aclaren todos os datos de maiores falecidos en residencias ou hospitais, xa sexan procedentes destes centros ou das súas vivendas habituais. Para o BNG, a situación nas residencias públicas "é moi grave", o que "demostra falta de previsión e anticipación" por parte da Xunta.

O portavoz de Galicia en Común - Anova Mareas, Antón Gómez Reino, esixiu tamén ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, "transparencia". Así mesmo, instouno a "frear" o "trato inhumano" a usuarios e traballadores das residencias de maiores en Galicia. En Marea, que integra en exclusiva o Grupo Mixto, mostrouse tamén "preocupada" pola situación destes centros de maiores e diversidade. Así, o deputado Davide Rodríguez apelou a que "a día de hoxe os datos están separados por consellerías", as de Política Social e de Sanidade, e "son contraditorios", ante o que non hai "respostas" da Xunta que os clarifiquen.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 Cachirulo

Porque son responsabeis da privatizacion das mesmas

1 Gamela

Chalaneando mortos... coma sempre ! Os únicos datos fiables serán os das INCINERADORAS (?) Pero seguro que alí aplican a Lei de Protección de Datos !