Coronavirus non se escribe con ‘M’ de Madrid

Este é un relato, análise e reflexión persoal de Alberto Quian, xornalista galego acollido na capital de España. Vídeos de Eduardo Souto Fraguas, cámara de televisión galego en Madrid.

Por Alberto Quian | Madrid | 10/04/2020 | Actualizada ás 21:56

Comparte esta noticia

Semella que foi hai un mes cando nos sumimos neste pesadelo. Un mal e longo soño colectivo no que se foi contaxiando a fantasía de que todo comezou en Madrid, de que a capital foi o lugar no que brotou a epidemia do coronavirus en España e de que “os madrileños” –xentilicio que os que non viven aquí acostuman usar cunha carga semántica negativa– son os culpables de que o SARS-CoV-2 viaxase por todas as provincias e infectase milleiros de persoas. Nada diso, por suposto, é verdade. As fantasías, fantasías son. Pero nunha sociedade de memoria fráxil e raquítica –moldeada e manipulada nas redes infecciosas de Internet (iso que a maioría chama redes sociais)–, as crenzas impóñense aos feitos e datos contrastados (o que os adoradores da posverdade chaman “feitos alternativos”). A esta “verdade alternativa” que fala de que os malvados e egoístas madrileños espallaron un virus por toda España tamén contribuíron os medios con titulares sensacionalistas e nesgados.

A Gran Vía de Madrid, baleira polo estado de alarma decretado pola epidemia de coronavirus
A Gran Vía de Madrid, baleira polo estado de alarma decretado pola epidemia de coronavirus | Fonte: Nemo - Wikimedia.

Miren vostedes, para falar de Madrid hai que coñecer Madrid. E quen coñece Madrid sabe que nesta cidade de acollida, multicultural e aberta, os “madrileños” son minoría. Aquí vivimos centos de miles de galegos, asturianos, vascos, cataláns, canarios, andaluces, estremeños, murcianos, leoneses, manchegos... Somos moitos máis os cans famélicos que viñemos alimentarnos de Madrid que os gatos (como se lles chama aos madrileños de pura cepa, cuxos pais e avós son naturais de aquí), difíciles de atopar. É esa unha das razóns polas que sempre me sentín como en casa, porque Madrid me lembra ao Vigo no que nacín e crecín, no que cada venres, no serán, os meus compañeiros de colexio marchaban cos seus pais e volvían os domingos pola noite cargados de patacas, grelos, polos… Dicían que ían á aldea, e eu non sabía que era iso, porque eramos de Vigo, de varias xeracións. Así que para min non é raro vivir nunha cidade na que os nativos son os estraños e os parias, os que ven como cada fin de semana a súa veciñanza se baleira.

Hai dous tipos de persoas que marchan de Madrid cada venres ou véspera de festivo: os que non somos de Madrid (a maioría) e a clase alta madrileña que goza de chalés na serra (unha minoría nunha área metropolitana de 6,5 millóns de habitantes). Os atascos nas vías de saída da capital son un clásico, un costume, unha tradición, un ritual, un xeito de vida. Milleiros de toledanos volven ás vilas e aldeas das que proceden; tamén segovianos, abulenses, guadalaxareños, conquenses, sorianos… Son os máis próximos ás súas residencias de orixe e non perden unha fin de semana ou unha ponte festiva en Madrid; marchan e volven os domingos á noitiña, cargados de subministros (como facían ourensáns e lugueses en Vigo). Son, tamén, os que fixeron crecer a área metropolitana, os que ocuparon o que chaman cidades dormitorio, un cinto de urbes que arrodean a capital e que hoxe debuxan unha paisaxe uniforme na que predomina o ocre ladrilloso onde até non hai moito había pequenas vilas case illadas: Móstoles, Fuenlabrada, Alcalá de Henares, Leganés, Getafe, Alcorcón, Torrejón de Ardoz, Parla, Alcobendas, Las Rozas, San Sebastián de los Reyes, Pozuelo de Alarcón, Coslada, Valdemoro, Majadahonda… Hoxe, algunhas destas urbes emerxentes –nas que se asenta principalmente a clase obreira– son case tan grandes como Vigo ou A Coruña e todas, tanto ou máis populosas que Santiago de Compostela, Ourense, Lugo, Pontevedra e Ferrol.

Logo están, como dicía, os privilexiados que teñen segundas residencias na serra madrileña. Tampouco fallan cada venres ao ritual de fuxida da cidade. Podemos abrir o abano e ampliar este grupo ao dos nativos madrileños que escapan, chegadas as pontes festivas e as vacacións, á costa, onde ocupan segundas residencias, casas e pisos vacacionais de aluguer, hoteis, cámpings, albergues… Son os que forman parte desa fauna exótica –para algúns, invasora– que cada Semana Santa e verán se despraza en procesión cara ás zonas de praia de Galicia, do Cantábrico, do Levante, Andalucía, Baleares e Canarias.

E por último, estamos os demais, a maioría social, os acollidos: galegos, andaluces, cataláns, vascos, estremeños, rioxanos, asturianos, cántabros, canarios… Nós non escapamos cada fin de semana; alternamos. As nosas familias e amigos da infancia están máis lonxe, non temos propiedades na serra e, para moitos, segue sendo máis difícil chegar desde Madrid ás súas cidades e vilas de orixe que a Londres, Roma, París ou Berlín. Así que pasamos moitas fins de semana aquí, nos Madriles, mantendo os negocios dos bares, e tentamos volver á terra nas pontes que nos agasalla o calendario de festivos. E nas vacacións, aproveitamos as moitas conexións que nos ofrece a capital para ver mundo.

Os que coñecemos Madrid e vivimos nela sabemos que os retratados nos seus coches en atascos nas vías de saída son, na súa maioría, os traballadores que cada día entran e saen da cidade para gañarse o pan, poñendo en risco a súa saúde nestes momentos

Pensará o lector a que vén esta descrición sociodemográfica de Madrid e que ten que ver isto coa pandemia do coronavirus... Pois todo. Porque nesta descrición queda, en parte, refutada a falsa idea de que “os madrileños irresponsables e insolidarios espallaron o virus por toda España”

Este mércores e xoves pasados, no comezo da Semana menos Santa e máis recollida das que vivimos, volveron aos medios os titulares nesgados e sensacionalistas que identifican reiteradamente, desde que comezou esta crise sanitaria, os “madrileños” como a pandemia: “Segovia se blinda ante los madrileños en Semana Santa”, “La invasión temeraria de los madrileños”, “Madrileños incívicos invaden las dos Castillas, que se desbordan”… O mantra segue estendéndose, tamén desde as redes infecciosas de Internet.

Porque en realidade, os que coñecemos Madrid e vivimos nela sabemos que os retratados nos seus coches en atascos nas vías de saída son, na súa maioría, os traballadores que cada día entran e saen da cidade para gañarse o pan, poñendo en risco a súa saúde nestes momentos –madrileños, pero tamén segovianos, toledanos, galegos, asturianos, andaluces…–, aos que se tenta estigmatizar; os chibos expiatorios para gañar clis fáciles nas novas dos medios en liña ou conseguir centos ou miles de retuits e likes en Twitter, Facebook ou Instagram. Basta unha imaxe dun atasco puntual nunha vía madrileña para que os “feitos alternativos” se espallen máis rápido que o propio coronavirus.

Non vale de nada que a propia Dirección Xeral de Tráfico, a Policía, a Garda Civil ou as autoridades gobernamentais expliquen que eses atascos non se deben a unha presunta fuxida masiva de “madrileños”, senón aos controis que frean o fluxo do escaso tráfico que hai nas estradas. Non vale de nada que estes atascos se produzan tamén noutros territorios. Tampouco vale de nada que se aporten datos oficiais que proban que o tráfico de vehículos en Madrid caeu nos últimos días un 91,5 % (medio punto por enriba da media estatal). Non vale sequera que alcaldes de vilas e paisanos de aldeas recoñezan que entre os pouquísimos que conseguiron trasladarse a segundas residencias por todo o Estado nas últimas semanas chegaron tamén xentes de Cataluña, Valencia ou Euskadi, non só de Madrid, ou que moitos deses desprazados non son madrileños, senón orixinarios desas vilas e aldeas que emigraron e manteñen alí vivendas que agora ocuparon clandestinamente, saltándose as advertencias das autoridades. Non vale de nada a verdade en tempos infecciosos. Os “madrileños” teñen a culpa do que acontece; os “madrileños” son o virus.

LEVARON OS MADRILEÑOS O VIRUS A GALICIA?

Tense espallado en Galicia a retorcida idea de que o virus levárono madrileños insensatos, de que Galicia nunca tería sufrido o golpe da Covid-19 de non ser polos da Meseta. Sinálase Madrid como orixe do brote e aos “madrileños” como causantes da propagación. Ben, antes de refutar isto, cabe preguntarse: culpamos á pobre xente de Wuhan (China) –onde se orixinou a epidemia– pola propagación mundial do coronavirus?, sinalamos e estigmatizamos a alemáns e italianos por ser os seus países a fonte dos primeiros casos importados en España? Nin o facemos nin sería xusto, todo o contrario, sería abominable.

Dito isto, nunha sociedade, como diciamos, de memoria fráxil e raquítica, é doado alterar a historia e reescribila. Por iso é necesario recuperar os feitos tal e como aconteceron, para que non se poida manipular a verdade.

Non é certo que Madrid fose o lugar onde brotou e desde onde se empezou a espallar o virus en España, como se pretende facer crer agora. O primeiro caso de coronavirus en España detectouse o 31 de xaneiro na illa da Gomera, nas Canarias. O infectado, alemán, contaxiárase no seu país (até agora todas as evidencias sinalan Alemaña como primeiro foco de contaxio en Europa).

E se nos cinguimos á España peninsular, tampouco Madrid foi o lugar onde se detectou o primeiro caso. Foi en Barcelona, o 25 de febreiro: unha muller que estivera de viaxe no norte de Italia, principal foco da epidemia naquel país. Antes xa foran identificados máis positivos insulares en Mallorca e Tenerife. Logo chegaría outra confirmación na Comunidade Valenciana e, finalmente, Madrid sumábase o 27 de febreiro á lista de positivos, catro semanas despois do primeiro caso detectado.

Todos os primeiros casos en España foron importados, isto é, contaxios producidos fóra do país. É así como se espallou por todo o mundo. E Galicia non ía ser unha excepción no planeta, por iso non se entende esa linguaxe belixerante que existe contra os chamados “casos importados” que se atribúen a madrileños.

Hai madrileños irresponsables e insolidarios? Por suposto! Pero son unha minoría insignificante, igual que os galegos, vascos, cataláns, andaluces, asturianos ou canarios que cada día se saltan, dun xeito ou doutro, o confinamento

Vaiamos ao primeiro caso detectado en Galicia. Sabemos que foi importado de Madrid. Pero en que circunstancias? O positivo deuse a coñecer nos medios o 4 de marzo, pero o paciente xa fora identificado dous días antes, ao acudir ao Complexo Hospitalario Universitario A Coruña (CHUAC). O home, de 49 anos, levaba dous días en Galicia. Non fora de vacacións nin escapando da epidemia; fontes achegadas a este home confirmáronme que viaxara á Coruña para unha entrevista de traballo en Inditex. Nada raro nin punible. O dereito a buscarse a vida.

Para contextualizar mellor isto é necesario lembrar que o 28 de febreiro os casos de coronavirus confirmados en Madrid eran tan só cinco e o 1 de marzo os positivos en toda España eran 83. Non había alerta vermella política nin social naquel momento. E o estado de alarma e o confinamento de toda a poboación non se vía como unha prioridade, nin sequera como unha posibilidade. De feito, poucos días despois celebráronse en todo o país as manifestacións do 8M, Día Internacional da Muller.

Os dous seguintes casos detectáronse no Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, nunha parella que viaxara a Madrid; non eran “madrileños” que trouxeran o virus, senón residentes en Moaña que contraeran o virus en Madrid e que llo transmitiron ao seu fillo de 15 anos, cuarto caso confirmado en Galicia.

Nos seguintes días foron confirmándose máis positivos. O primeiro en Ourense, o dunha profesora do centro dos Salesianos Colexio María Auxiliadora que se contaxiara nunha viaxe a Venecia; en Pontevedra, o dun nativo que viaxara a Madrid; en Santiago, o dunha estudante galega que regresara da capital de España…

Con todo, mantense o mantra de que os “madrileños” foron os que levaron o virus a Galicia, cando na maior parte dos primeiros casos foron galegos os que o importaron –e aos que ninguén razoable acusaría de levar o virus e propagalo (quen porta e onde leva o SARS-CoV-2 non debería ser tema de discusión e polémica para atacarnos os un aos outros, cando estamos ante un virus que non entende de fronteiras nin de identidades nacionais).

Hai madrileños irresponsables e insolidarios? Por suposto! Vimos algúns en televisión. Pero son unha anécdota, unha minoría insignificante, igual que os galegos, vascos, cataláns, andaluces, asturianos ou canarios que cada día se saltan, dun xeito ou doutro, o confinamento. Os datos son os que son: os que se saltan o estado de alarma son unha minoría nun país no que a inmensa maioría está cumprindo o confinamento, tamén aquí, en Madrid.

MADRID NON ME MATA

No barrio no que vivo, Chueca –un dos máis populares da cidade–, os únicos pisos baleiros hoxe son os que até agora se dedicaban para albergar turistas (os famosos pisos turísticos que proliferaron aquí e que rexeitamos con carteis nos balcóns cos que denunciamos como se está expulsando os veciños do barrio) e as vivendas dunha minoría entre os que somos de fóra e regresaron ás súas cidades e vilas de orixe antes de decretarse o estado de alarma. A inmensa maioría quedamos, madrileños e acollidos.

Tivemos a oportunidade de marchar antes da entrada en vigor do decreto de alarma, cando xa eramos conscientes de que a epidemia aquí estaba descontrolada e bares, restaurantes, rúas e comercios se baleiraban, ao tempo que empezaban a escasear alimentos, xeles, luvas e máscaras, mentres en Galicia e noutros puntos do Estado observabádesnos desde a normalidade e a unha distancia de seguridade que vos facía inmunes ao que en Madrid xa era unha traxedia. Aquí, o pesadelo comezou antes. E tamén a responsabilidade social. Millóns quedamos e decidimos autoconfinarnos antes de que fose unha obriga por real decreto. Non quixemos ser potenciais transportistas do virus e asumimos os maiores riscos que ten vivir hoxe en Madrid que en Galicia ou calqueroutro lugar de España. Mais nunca culparía nin sinalaría, por exemplo, aos meus alumnos de Xornalismo na Universidade Carlos III de Madrid –de toda España, tamén de Galicia– que volveron ás súas casas coas súas familias cando xa sabiamos aquí que o virus estaba desbocado.

Amola que se xeneralicen casos illados e que só se fale dos “madrileños” –que somos os que aquí vivimos– coma viláns e non coma heroes que decidimos non escapar, asumir os riscos e protexer a outros. Onde están os titulares para nós?

Por iso non entendemos e dóenos, moito, a campaña que se fixo contra os que habitamos Madrid. Porque un é de onde pace, non de onde nace. E amola que se xeneralicen casos illados e que só se fale dos “madrileños” –que somos os que aquí vivimos– coma viláns e non coma heroes que decidimos non escapar, asumir os riscos e protexer a outros. Quen fala deses millóns de madrileños autóctonos e de adopción? Onde están os titulares para nós?

Somos os máis golpeados polo coronavirus e tamén polo virus da xenreira política, coma se cada un dos que vivimos en Madrid fósemos responsables de que aquí radiquen a Zarzuela e a Moncloa, coma se só nós decidísemos quen e como se goberna España, coma se non houbese máis fachas que en Madrid, coma se a Guerra Civil, a ditadura franquista e as fondas feridas que deixaron, e aínda doen, fosen obra dos “madrileños”. Nin Madrid nin os madrileños son culpábeis de nada, como tampouco o somos os galegos por compartir identidade co ditador Francisco Franco ou por ter caído Galicia no golpe de Estado de 1936 tres anos antes que Madrid, unha das últimas cidades en renderse ás forzas fascistas. Cada vez que se usa o xentilicio “madrileños” cunha carga semántica negativa, estase insultando a cidadáns de todas as condicións e orixes; cada vez que alguén se vale da trampa da sinécdoque e identifica Madrid como “a España maligna”, atácase a galegos, vascos, cataláns, andaluces, canarios, asturianos e xentes humildes de todo o Estado que somos parte desta cidade. E cada vez que se mestura unha epidemia vírica con obstinacións ideolóxicas e leas políticas, facémonos máis febles ante o virus.

Deixen que lles conte agora como estamos a vivir aquí a crise. Cada día saio co meu can á rúa para –como se di agora, en tempos de estado de alarma– cubrir as súas necesidades fisiolóxicas. Desde o primeiro día, e vaias á hora que vaias, a Gran Vía de Madrid é unha arteria morta, sen sangue. Autobuses e taxis baleiros e algún coche das policías nacional e local son case o único rastro observable e audible que queda de vida humana no asfalto da céntrica vía madrileña. De cando en cando, tamén un turismo con algún traballador, os repartidores de Glovo ou Deliveroo en bicis e motos, e distribuidores de alimentos e produtos básicos parecen ter a intención de encher de novo de son e movemento esta mítica rúa. Pero o silencio e a quietude impóñense.

Pasear o can pola veciña Gran Vía –a uns 300 metros da miña casa– é a opción que tomei para tentar gardar as distancias de seguridade. En Chueca, as rúas son estreitas, demasiado como para evitar o roce cos que tamén pasean os seus cans ou cos que fan colas nos supermecados e farmacias do barrio. Gran Vía ten beirarrúas cun ancho inmenso tras a reforma do anterior Goberno, de Manuela Carmena. Nesa inmensidade, entre edificios impoñentes de arquitectura exquisita, o meu can –un labrador negro de 10 meses– e máis eu sentímosnos donos da nada, dun baleiro que acolloa tanto como o propio virus ou a presenza da Policía Nacional e Local. Baixar o can, contra o que pensan moitos, non é nada agradable nestes tempos.

Nas últimas dúas semanas non foron poucos os casos de abusos policiais que vivimos os donos de cans en Madrid. Multas e ameazas inxustificadas por parte dalgúns axentes téñennos atemorizados. Malia que no real decreto do estado de alarma non hai unha soa liña que regule os paseos cos cans, e aínda que o propio Goberno español dixo que non hai límite de espazo e tempo para baixar os nosos animais, máis aló do que se considera que é necesario para cubrir as súas necesidades fisiolóxicas –que non son só defecar e mexar–, algúns policías estanse a tomar a xustiza pola súa man. Hai uns días coñecía o caso dunha veciña que foi multada a escasos metros da súa casa por pasear o seu can nun traxecto que non era rectilíneo (absurdo); souben do seu caso o mesmo día que a miña parella –madrileña de pura cepa– fora advertida por unha axente da Policía Nacional na praza de Chueca –a só 100 metros da nosa casa– por ir co noso can, Banksy (si, o nome do famoso grafiteiro). O encontro foi, máis ou menos, como se relata a continuación:

— Hola. ¿Qué hace por aquí?

— Pasear con mi perro.

— Esa palabra está prohibida, no la use.

— ¿Qué palabra?

— Pasear...

— Perdón, estoy bajando a mi perro.

— ¿Usted no sabe que está poniendo en peligro la seguridad de todo el país?

— (Silencio).

— Deme su DNI.

— Tome, el DNI y la cartilla del perro.

— Vamos a tomar nota de sus datos y a enviarlos a comisaría. Esto puede ser motivo de sanción.

— Pero si no estoy haciendo nada. He bajado a mi perro y no me he acercado a nadie...

— Acérquese más...

— ¿Cómo? ¿Pero no hay que guardar una distancia de seguridad para evitar contagios?

— Le he dicho que se acerque más...

— (Silencio).

— Como le he dicho, vamos a proceder a tomar sus datos y la próxima vez que la veamos más allá del portal de su casa, la sancionaremos. Y la multa podrá ser de hasta 30.000 euros.

— ¿Qué?

— Y le informo de que a partir de la próxima semana su perro tendrá que hacer sus necesidades en la alfombra de su casa.

Bárbara, a miña parella, chegou a casa cun ataque de estrés. Causáronlle máis dano psicolóxico do que xa padecemos.

Casos coma estes estanse repetindo por todo Madrid. “Algunos polis están muy subidos y andan muy chulos, ten cuidado”, díxome hai uns días un veciño que tamén tivo problemas por andar co seu can polo barrio.

Desde entón, no meu móbil levo o documento oficial publicado pola Vicepresidencia Segunda del Gobierno y Ministerio de Derechos Sociales y Agenda 2030, titulado ‘Preguntas frecuentes sobre las medidas sociales contra el coronavirus’, no que se di:

DERECHOS DE LOS ANIMALES

En esta situación de grave crisis el Gobierno y todas las administraciones públicas garantizan el bienestar de los animales. La Dirección General de Derechos de los animales en coordinación con el Ministerio de Sanidad y las administraciones locales han emitido recomendaciones para cumplir con la necesaria cuarentena y a la vez garantizar el bienestar animal.

  1. SACAR A PASEAR A PERROS

¿Se puede sacar a los perros? Se permite salir del domicilio con el fin de sacar a pasear a los perros. Para ello de forma segura es conveniente seguir l as siguientes medidas:

· Realizar paseos cortos, el tiempo necesario para cubrir las necesidades fisiológicas del animal.

· Evitar el contacto con otros animales y/o personas.

· Llevar botella de agua con detergente para limpiar la orina y bolsas para las heces.

· Priorizar horarios de menor afluencia.

Tamén levo comigo no teléfono, en pdf, unha guía do Ilustre Colegio de Abogados de Madrid sobre os dereitos que temos os donos de cans e dirixida “a todos aquellos organismos públicos que no están creando los protocolos y acuerdos necesarios, incumpliendo con ello las directrices que les envía el Gobierno y que además, desconociendo el alcance de sus competencias, están restringiendo derechos sin tener competencias para ello, lo cual va en contra de la normativa vigente”.

Entre outras cousas, este documento especifica: “Las necesidades fisiológicas de un animal no son exclusivamente orinar y defecar, sino las necesidades inherentes a sus respectivas razas. Por ello no se establece ningún máximo de tiempo para dichos paseos, sobret odo dado que las necesidades fisiológicas de todos los animales no son las mismas, siendo que un galgo necesitará un paseo de más tiempo y más distancia que un yorkshire y que de no hacerse los animales pueden entrar en estados de ansiedad que compliquen la convivencia en los domicilios, sobre todo si hay más animales, todo ello además teniendo en cuenta que pasear al animal en solitario y con las debidas medidas de seguridad no pone en riesgo a las personas, que es el objetivo de estas medidas. Sin embargo, se están imponiendo sanciones a personas que pasean a sus perros con el argumento de que se limita a 100 metros la distancia a su casa o a 10 minutos de paseo, lo cual no está establecido por el Real Decreto ni por la Instrucción que lo complementa, por lo cual tales argumentos no pueden aplicarse a la población, la cual está sujeta únicamente a las disposiciones que el gobierno establezca en el Real Decreto y sus instrucciones complementarias”.

A actitude desproporcionada dalgúns axentes non pode embazar o labor de todo o colectivo policial, do mesmo xeito que a irresponsabilidade duns poucos madrileños non pode dar lugar a críticas e ataques inxustos á poboación de Madrid 

Poida que aos que gustan de abusar da súa autoridade non lles importe o que digan o propio Goberno ou os avogados; poida que calquera día me deteñan ou me poñan unha multa por simplemente baixar o meu can, pero temos a obriga cívica, democrática e moral de protexernos e defendernos dos que abusan do Estado de Dereito.

A actitude desproporcionada dalgúns axentes non pode embazar o labor de todo o colectivo, do mesmo xeito que a irresponsabilidade duns poucos madrileños non pode dar lugar a críticas e ataques inxustos á poboación de Madrid. Teño aquí un amigo na Policía local que para min é un heroe. Foi destinado ao Palacio de Hielo, unha inmensa morgue improvisada onde se acumulan os féretros dos finados por coronavirus. Cada día, este amigo enfróntase ao peor e máis tráxico dos episodios desta crise: a morte. Temo polo impacto psicolóxico que terá nel. A súa dona, tamén. Pero tamén temos medo de que se contaxie pola exposición ao virus.

A máscara que leva agora tivo que comprala no mercado alternativo e especulativo que hai en Internet. Lévaa desde hai un par de semanas e ten que reusala todos os días. “Se me ha llegado a poner marrón”, comentoume un día.

A situación nos Corpos e Forzas de Seguridade é dramática. Á falla de material de protección súmase o aumento incesante de casos. Sei, por unha fonte da Garda Civil, que esta semana foi detectado un foco de contaxio nunha unidade da Benemérita aquí en Madrid. Hai cinco positivos asintomáticos confirmados, pero témese que a cifra se eleve a uns 85, segundo me contan.

Non son os únicos casos que coñezo de preto. No Hospital La Paz de Madrid, un coñecido que traballa na cociña deu tamén positivo. Ten muller e filla, pero a elas non lles van facer os tests, malia ter estado expostas ao coronavirus a través del.

Somos os máis golpeados polo virus e sabemos que seremos os últimos en España en volver á normalidade; somos millóns os que cada día saímos aquí ás fiestras e balcóns para aplaudir aos heroes, a defender a sanidade pública e a darnos alento entre nós; somos a proba de que Madrid tamén é solidario

Pasan os días e, lonxe de sentirnos máis tranquilos, aquí, en Madrid, vémonos cada vez máis arrodeados por un virus que nos golpea física e psicoloxicamente como en ningunha outra parte do Estado. Nin sequera sabemos se xa fomos infectados –esa é a esperanza que compartimos os que non fomos diagnosticados, soñando que somos asintomáticos ou que fomos casos leves– e se non foi así, asústanos que inevitablemente bata en nós nalgún momento o virus e tememos ser trasladados a un hospital desbordado ou a un almacén masivo de enfermos como o Ifema, separados dos nosos, co medo a morrer sen poder despedirnos.

Mentres agardamos polo virus, e conscientes de que seremos os últimos en España en volver á normalidade, volvemos saír ás fiestras e balcóns para aplaudir aos heroes, a defender a sanidade pública e a darnos alento entre nós. Somos millóns en Madrid os que o facemos cada día ás oito do serán. Somos a proba de que Madrid tamén é solidario.

Non nos culpen aos que vivimos aquí desta traxedia que nos golpea a todos. Nós non somos o inimigo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 20 comentarios

3 non o vexo¡¡

Hai que saber que Alemaña, tan denostada seguía o virus tanto políticamente como científicamente dende novembro de 2019 segundo se ten publicado, e nos falando de Cataluña e dos de podemos como se foran o diaño, así nos vai¡¡¡ Mentras se gastan decenas de miles de millóns de euros en manter un sistema que cando veñen algo( e digo algo somente) torcidas non saben qué facer .... mi madriña cando veñan moi mal torcidas.....¡¡¡aburiño.

2 non o vexo¡¡

Se Madrid (ou Sevilla, da igual o nome), é o epicentro con máis de 5000 mortos é porque a expansión alí é considerable e tes que tomar medidas coñecendo xa, e non a posteriori (como se di agora os que non saben asumir a realidade), o que pasou en China. Non lle boto a culpa a ningún goberno pero a realidade é que os que teñen a disposición a Intelixencia dun país deben obrar en consecuencia. O CNI non pode estar so para vixiar cataluña, ou facer de cloacas do estado ...

1 non o vexo¡¡

Non coincido na maioría do comentado. Eu coñezo Madrid tamén e calquera pode entender que é unha das cidades máis privilexiadas polo Estado, senon a qué maís (a excepción do Pais Vasco). Esto ata certo punto é consecuencia normal da súa capitalidade, comprensible, pero se tes uns enormes privilexios en forma de investimentos, internacionalidade, Congresos, centro económico e cultural ... e un longo etc, tes que ter unhas obrigas a altura e uns políticos a altura, tanto no goberno autonómico como central.

1 eu tampouco o vexo

Efectivamente é a comunidade e a cidade máis privilexiada de España. Se aglutina tantas sedes de empresas é porque alí tributan menos que noutras comunidades, e se grandes fortunas se empadroan alí é para despois non pagar imposto de sucesións. Iso é o que se chama Paraíso Fiscal, e vai abertamente en contra da solidariedade que piden os artigos 2 e 138 da constitución.