Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 24/04/2020 | Actualizada ás 20:35
A Associaçom José Afonso – Galiza (AJA-Galiza) deseñou unha programación especial en conmemoración da Revolución dos Cravos. Por iso contará con diversas voces para achegar aquel movemento histórico en Portugal. Entre as actuacións previstas figuran músicos como Jasper e Tiago Fernandes, que interpretarán cancións de José Afonso, o músico que popularizou a canción emblemática da Revolución dos Cravos, “Grândola”. Ademais disto, os artistas sumaranse á interpretación colectiva de dito tema desde as xanelas do día 25 de abril ás 16:00.
Esta programación responde á adaptación que AJA-Galiza fixo da programación para emitir en redes sociais, debido á pandemia do coronavirus. Todas as actuacións poderanse seguir entre os días 24 e 25 de abril en Facebook e no Twitter desta asociación, onde se pretenden dar a coñecer algunhas referencias deste feito histórico e tamén a súa vinculación con Galicia.
A programación comeza o venres 24 de abril ás 18:00 cun fío sobre a exposición “25 de Abril Sempre”. Poderanse ver os carteis conmemorativos elaborados por artistas que cada ano se editan en Portugal desde a Revolución dos Cravos. O sábado 25 está prevista a emisión de “Grândola, Vila Morena” que marcou o inicio da revolución para as 16:00 h. (15:00 h. en Portugal) cun chamado a saír ás xanelas para cantar e subir fotos e vídeos co #25deAbril e #25deAbrilGZ nas redes sociais.
Máis de 20 colectivos, entidades e centros sociais promoven esta iniciativa en Galicia, coa colaboración tamén da Rede da Galilusofonía. A AJA de Portugal enviou un saúdo para Galicia de Mario Correia, con referencias á boa acollida que tivo de José Afonso neste país, nun vídeo que se emitirá ás 17:00 h. Isto dará paso ao cantante Jasper que interpretará ás 18:00 h. a canción “Canta, camarada” nun videoclip con Olalla Maneiro.
A catedrática de Comunicación Audiovisual Margarita Ledo achegará “Unha visión galega do Portugal revolucionario” que servirá para dar luz a aquel contexto de 1974 onde ela estaba exiliada no Porto. A seguir, o artista portugués Tiago Fernandes cantará “Traz outro amigo tambén” que servirá de peche a esta programación virtual.
As actividades programadas por AJA-Galiza que estaban previstas para estas datas, organizadas xunto coa Gentalha Do Pichel e coa colaboración da Deputación da Coruña, fican adiadas, mais non canceladas.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.