Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/04/2020 | Actualizada ás 16:17
A Deputación de Pontevedra desenvolveu este venres o primeiro pleno telemático de toda a súa historia e nel aprobáronse por unanimidade medidas para combater a crise sanitaria do COVID-19.
A sesión plenaria arrincou cunha mensaxe da presidenta, Carmela Silva, que se dirixiu moi emocionada á Corporación para "lembrar a todas as persoas falecidas pola Covid19" e recoñecer a todos os cidadáns que garanten os servizos esenciais, "especialmente ao persoal sanitario". "Somos máis conscientes que nunca da necesidade dunha sanidade pública forte", asegurou. Os deputados gardaron un minuto de silencio en memoria das vítimas da pandemia.
A presidenta da Deputación de Pontevedra tamén fixo "un recoñecemento moi sentido aos gobernos locais, que garanten a atención das consecuencias da pandemia global con traballo duro, poucos recursos e toda a vontade". Segundo Carmela Silva, "a Deputación de Pontevedra débese sentir moi orgullosa dos 61 concellos, gobernos e oposicións". "Son tempos complicados, facemos fronte a cuestións inimaxinables con acertos e erros porque é algo descoñecido", dixo a mandataria provincial.
Especialmente celebrada foi a intervención do portavoz do grupo provincial do Partido Popular, Jorge Cubela, quen apostou por non engadir "nada máis", porque os populares se suman a "todas as palabras" de Silva. Ademais, brindou "unidade e respecto" e avogou por "exercer un principio de confianza" na Deputación.
"Non coincidiremos en todo, pero quero agradecer e destacar a súa altura de miras que me emociona", contestoulle Carmela Silva. No mesmo ton foron os discursos pronunciados polo vicepresidente da Deputación e portavoz do grupo provincial do BNG, César Mosquera e do deputado portavoz do grupo provincial do PSOE, Carlos López Font.
REUNIÓN CON ALCALDES
No transcurso do pleno, Carmela Silva anunciou a convocatoria dunha reunión telemática cos alcaldes da provincia para avaliar cos municipios a situación xerada polo coronavirus.
Na parte resolutiva, o pleno aprobou por unanimidade todos os puntos da orde do día, entre eles a posta en marcha do pago fraccionado dos tributos para familias e empresas daqueles concellos que teñan delegadas na Deputación as competencias do pago e recadación tributaria.
O pleno tamén aprobou a modificación das bases do Plan de Remodelación e Mellora da Seguridade dos Viarios Municipais (DepoRemse) pola que se prorroga en 11 meses o prazo para finalizar as 31 obras previstas nos concellos, cun montante total de 11 millóns de euros. Igualmente, deuse luz verde a unha modificación de crédito extraordinaria de 1,4 millóns de euros dos que o 85% son para "demandas inaprazables" dos municipios.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.