Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/05/2020 | Actualizada ás 19:28
A vida e obra de Carvalho Calero vén de ser recollida na páxina web carvalho2020.gal, que ademais presenta recursos didácticos sobre a súa figura, audiovisuais e eventos ao redor do Día das Letras Galegas. Esta plataforma, a máis completa sobre o autor ferrolán homenaxeado este 17 de maio, foi impulsada pola Associaçom Galega da Língua (AGAL), coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística do goberno galego e da Deputación da Coruña.
O sitio, que está dispoñible tanto na grafía do galego internacional que defende a Associaçom, como en galego oficial, quere ser unha "ferramenta atractiva e útil para achegarse a unha figura de tantas faces como é o propio Carvalho”, en palabras de Miguel Penas, integrante do Consello da AGAL. Na coordinación deste proxecto estivo tamén o presidente da asociación, Eduardo Maragoto.
TODAS AS FACES DO AUTOR
Entre os contidos destacan os dedicados á vida e obra do homenaxeado, cun texto biográfico da autoría de Martinho Montero Santalha e unha sección coas fichas de todas as monografías do autor, compiladas por Marcos Saavedra. Esta sección, ademais, será ampliada proximamente coa inclusión de traballos menores e artigos do autor. Na parte dedicada aos recursos tamén se poden consultar varias unidades didácticas adaptadas aos diferentes niveis do ensino, realizadas polos docentes Laura García Díaz, Marisa Moreda Leirado e Bernardo Penabade, e mesmo un monográfico dedicado á novela Scórpio e outro á sua lectura en chave feminista, da autoría de Teresa Crisanta e Susana Sanches Arins, respectivamente.
Outro dos espazos máis atraentes do site carvalho2020.gal será Eventos, onde estará aloxada a exposición “A voz presente” promovida pola Agal en colaboración co goberno galego e producida por Ouvirmos. A mostra, que xirará por diferentes localidades galegas, "pretende difundir a dimensión artística, humana e lingüística de Ricardo Carvalho Calero e pór en valor e resituar a súa figura e o seu legado".
O "ESPAZO DE REFERENCIA NA REDE" SOBRE CALERO
Ao mesmo tempo, recóllese información sobre diferentes actividades que neste momento se encontran adiadas por causa da crise sanitaria, pero sobre as que se poderá obter información “Dentro de pouco”, como se informa no propio sitio web. Audiovisuais (entre eles o documental “De Carballo a Carvalho” producido pola AGAL este ano), citas e outros contidos variados completan a páxina que na AGAL pretenden que sexa, desde xa, “o espazo de referencia na rede sobre Carvalho Calero, non só para este ano senón tamén para os próximos, nos que con certeza o mestre reintegracionista aínda dará moito que falar” concluíu Penas para presentar o site.
O proxecto foi implementado pola empresa Sen Líos, que, alén de todo o desenvolvemento web, tamén integrou a imaxe do Ano Carvalho Calero 2020 do deseñador Pancho Lapeña.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.