A Recoleta

Boliga a xentiña do común na entrada ao mercado de Alacant. Un sudamericano acompaña un xubilado indíxena. Ambos os dous, parados nun intre eterno, semellan unha destas estatuas metálicas tan de moda nas capitais de provincia españolas. O vello cóntalle ao seu asistente como fóra o criminal bombardeo italiano o 25 de maio de 1938, que deixou alí 311 mortos civís. O feixismo iniciou daquela unha prática que despois trunfaría, dende a invasión alemá de Polonia até o sitio de Saraxevo nos 90. Ese mesmo feixismo, neste caso o falanxista, foi o artífice de parte do ensanche entre o mercado e o outeiro fortificado do Tossal.

Por Xurxo Ayán | Alacant | 24/12/2012

Comparte esta noticia
O escudo de FET y de las JONS preside a entrada a cada bloco de edificios: “Instituto Nacional de Vivienda. Esta casa está acogida a los beneficios de la Ley de 15 de julio de 1951”. O nacionalsindicalismo destrué, reprime e despois reconstrúe, botando man da mao de obra escrava roxa que non acadou fuxir a tempo en marzo de 1939 do porto alacantino. Nos balcóns comparten protagonismo o nacionalcatólico neno xesús e o festeiro papa nöel adubiado coa bandeira de Texas, que por algo grande parte da cidade vive dos “estudantes” ianquies que elixen Alacante como destino docente, indecente e doente. O acceso a un salón do Reino das Testemuñas Cristiás de Xehová está coroado por un póster coas faces dos divinos Puyol, Ramos, Torres e Xabi Alonso. Un chisco máis abaixo brancos, magebríes e africanos amoréanse na cola para recolleren alimentos nun local de Cáritas. Na mesma rúa unha inmobiliaria alemá fai negocio alugando e vendendo vivendas para adiñeirados xubilados nórdicos.
 
O derrubo dunha vella vivenda deixou vagantío para poder ver a parede lateral dunha casa decimonónica. Algún artista urbano pintou com agarimo os seguintes versos:
Dentro de mi pecho,
con ser tan pequeño,
hay un santuario.
Y en él, una
capilla para
cada una de las
provincias
españolas.
 
Non. Estes ripios non son do provincialista Baltar Sénior. Son dun poeta local chamado Francisco Figueras Pacheco. O excelentísimo concello de Alacante non ten cartos para pagar a eliminación dos numerosos graffities que inzan a cidade, polo que bota mao de graffiteiros multados que son obrigados a redimiren a súa pena formando parte de brigadas gratuítas para eliminar a súa obra. Doutra volta, técnicos de investigación da Universidade de Alacante están a sufrir de tal xeito as retalladas que comezan a cobrar nóminas nas que quedan a deber.
 
Volto á antedita praza do Mercado. Sento nunha bancada ocupada por outros parados, borrachos e tolos. Un home cuspidiño ao retrato canónico de Bakunin brinda ao sol acenándolle ao astro Rei co enésimo casco de Estrella Damm. Abro o xornal local e reparo en dúas novas secundarias: a primeira dínos que, dacordo coas retalladas, o presuposto da Comunitat Valenciana para 2013 toca a dous céntimos en investimento cultural. A segunda anuncia un benéfico partido de fútbol no pobo de Agost, entre o Equipo de Amigos do Cura e o Equipo de Amigos do Alcalde, para recabaren alimentos. 
 
Remato este andar miudiño polas ruelas do vello Alacant tomando un café en La Recoleta, un bar amplo, con terraza, ben situado, perto do vello porto. Recentemente o negocio pasou a mans dunha familia chinesa. En tres días que levou aquí é a primeira vez que sinto falar en valenciano. Tres xubilados coquetos e refinados conforman unha mítica cuadrilla que, tras demandar o seu vermouth de manual, guindan uns piropos con gracia á camareira. O dono chinés do bar está arranxando unha factura cun turista canadiano ao que atende en perfecto inglés. A súa muller demanda na cociña tapas de tortilla e boqueróns. Nestas, entra coma un furacán a filliña dos donos, contando aos catro ventos os aconteceres da escola. Fala en castelán, deseguida se pasa ao chinés e culmina a súa estadía despedíndose em valenciano dos yayos que dan boa conta dos seus Martinis. Un destes casos que lle encantarían ao Señor dos Peares para levar a cabo demenciais enquisas lingüísticas aos pais. Sobre a barra do bar repousan um exemplar de El País (60 páxinas) e un voluminoso xornal chinés (China Times) (100 páxinas) cunha fotografía e portada do ministro Montoro limpando o suor da fronte coa súa mao dereita. Eu non sei chinés, pero estou seguro que estes chineses saben bastante máis de economía, aínda que sexa a planificada. Quen nola dera!

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA