O chan de Compostela, un dos mellores solos urbanos

Unha investigación destaca o “baixo grao de artificialización” do solo da capital, que o fai distinto do doutras cidades e "similar aos solos naturais e agrícolas de Galicia”.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 26/05/2020 | Actualizada ás 11:56

Comparte esta noticia

Pasear por Santiago de Compostela é camiñar por un dos mellores solos urbanos que un pode pisar. Cun “baixo grao de artificialización” humana, o solo da capital galega “non presenta as características típicas dos chans urbanos noutras cidades e é máis similar aos chans naturais e agrícolas de Galicia”. Así o constata un estudo asinado por Remigio Paradelo, Cecilia Herbón e María Teresa Barral, investigadores no CRETUS (agrupación multidisciplinar no campo das tecnoloxías ambientais da Universidade de Santiago de Compostela).

Chan e vexetación do parque Barcelona, en Santiago de Compostela
Chan e vexetación do parque Barcelona, en Santiago de Compostela | Fonte: Remigio Paradelo Núñez - The Conversation.

Para chegar a esta conclusión, analizaron as principais propiedades fisicoquímicas de mostras tomadas en 56 puntos da cidade con características e usos distintos.

"A conservación destes chans cun baixo grao de artificialización é esencial, porque poden proporcionar unha ampla gama de servizos ecosistémicos”

“En xeral, os chans non mostran varias das características comúns doutros solos urbanos, como alcalinidade, alta densidade aparente ou grandes cantidades de artefactos, e a súa composición é moi similar ás súas homólogas naturais na rexión”, describen os investigadores.

Isto fai que “a conservación destes chans cun baixo grao de artificialización sexa esencial, porque poden proporcionar unha ampla gama de servizos ecosistémicos”, subliñan.

Os investigadores atoparon que os chans de Compostela son “acedos, de textura grosa e ricos en materia orgánica, con diferenzas na composición do chan e as propiedades químicas debido á diversidade do material parental e o uso do chan”.

Con todo, din, a “diferenza máis obvia dos chans de Santiago de Compostela con outros solos urbanos é a súa acidez”, xa que na capital galega “non se observou o alto pH típico dos chans urbanos debido á presenza de morteiro [mestura de cemento ou cal con area], e outros materiais carbonatados”.

A outra diferenza sobre a que poñen o foco é que se normalmente os chans das cidades presentan “grandes cantidades de material groso e/ou artefactos [algo no chan recoñecible feito ou extraído da terra polos seres humanos]”, en Santiago estes “non son moi abundantes”.

“Aínda que os artefactos están presentes en todos os chans e, por tanto, permiten identificalos como inequivocamente urbanos, representan de media só un 0,6% da masa do chan. Isto sería indicativo dun baixo grao de artificialización”, comentan.

"A diferenza máis obvia dos chans de Santiago de Compostela con outros solos urbanos é a súa baixa acidez”

Por outro lado, case todos os chans urbanos de Compostela estudados neste traballo presentaron “altos contidos de carbono orgánico e nitróxeno, similares aos chans naturais e agrícolas na rexión”, engaden.

Isto, expoñen, “é o resultado dunha combinación de factores socioeconómicos que reduciron o impacto da urbanización con respecto a outras cidades”. É por isto que consideran que “a preservación destes chans ‘pseudo-naturais’ é esencial para a cidade debido á ampla gama de servizos  ecosistémicos que poden proporcionar, en comparación cos chans que foron máis afectados pola urbanización”.

VANTAXES

As características do solo de Compostela permiten que, “de maneira similar aos chans naturais ou agrícolas”, estes proporcionen “unha gama máis ampla de servizos ecosistémicos que os chans severamente impactados, en particular con respecto aos servizos de aprovisionamento (produción de alimentos e apoio para a vexetación, entre outros) e servizos de regulación tales como como almacenamento de auga ou  escorrentía e control de inundacións”, describen.

Neste sentido, consideran que a existencia destes chans na cidade “é moi positiva” e insisten na importancia da súa conservación, “esencial para os ecosistemas urbanos”.

“O noso traballo mostra que os chans de Santiago de Compostela preserváronse ben dos impactos que a miúdo veñen coa urbanización, a pesar da longa historia da influencia antrópica [humana] nesta cidade, que se remonta á Idade Media. Isto apunta a unha baixa presión que é o resultado dunha combinación de factores locais e rexionais”, proseguen.

A inclusión da cidade na lista do Patrimonio Mundial “xogou, sen dúbida, un papel indirecto pero moi importante na limitación dos impactos da urbanización nos chans"

Así, apuntan primeiro a que a cidade “nunca foi destruída por unha guerra (como é o caso en moitas cidades europeas) ou por desastres naturais, polo que non foi obxecto de grandes proxectos de reconstrucción”.

E en segundo lugar, sinalan que “as transformacións sociais que conduciron á intensificación da urbanización foron lentas e pouco intensas en Galicia”, a diferenza do “importante crecemento urbano que ocorreu noutras rexións europeas durante o século XIX” e que “non se produciu en Galicia ata a década de 1970”.

Ademais, destacan que “o baixo desenvolvemento industrial de Santiago, que evolucionou como un centro administrativo, político, educativo e relixioso en lugar de como unha cidade industrial, produciu un atraso adicional na expansión urbana en comparación con outras cidades de Galicia”.

Por último, cren que a inclusión da cidade na lista do Patrimonio Mundial da Unesco en 1985, “xogou, sen dúbida, un papel indirecto pero moi importante na limitación dos impactos da urbanización nos chans, ao estimular o mantemento do tecido urbano compacto de Santiago contra a expansión urbana incontrolada”.

En opinión de Remigio Paradelo, “o estudo dos chans urbanos proporcionaranos ferramentas para racionalizar a xestión dos espazos nas cidades”. Así, por exemplo, “resulta útil á hora de seleccionar a zona máis adecuada para establecer unha zona verde, para localizar infraestruturas que impliquen o selado do chan ou para situar unha instalación industrial”.

En definitiva, considera que “os chans urbanos deberían ser considerados un elemento e recurso esencial do ecosistema urbano, ser estudados e tidos en conta na planificación urbana”, o cal “contribuirá a responder de maneira máis eficaz aos complexos retos ambientais asociados á urbanización e a avanzar cara á construción de cidades sostibles”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta