G.Caballero: "Feijóo recortou 2.000 millóns da sanidade e precarizou o traballo dos profesionais sanitarios"

Defende "apostar polos servizos públicos" tras 11 anos nos que Feijóo foi "unha máquina de recortes". Asegura que "se dan as condicións" para lograr un cambio e abrir unha "senda do progreso" en Galicia.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/06/2020 | Actualizada ás 13:09

Comparte esta noticia

O secretario xeral do PSdeG e candidato á Presidencia da Xunta, Gonzalo Caballero, considerou que "se dan todas as condicións" para que o próximo 12 de xullo haxa un cambio que permita "abrir unha senda de progreso e prosperidade en Galicia".

O xefe de filas dos socialistas galegos participou este luns na tribuna telemática de Nova Economía Fórum para presentar o proxecto que encabeza e que, segundo indicou, busca dar á Comunidade galega unha reconstrución con base na aposta polo Estado do Benestar, por unha política económica e industrial e pola vertebración do territorio.

Nun encontro telemático no que estivo acompañado polo ministro de Transportes, José Luis Ábalos, o presidente da Xunta de Estremadura, Guillermo Fernández Vara e o alcalde de Vigo, Abel Caballero; o aspirante socialista á Xunta mostrouse convencido de que o "cambio será imparable" se a "maioría progresista" que se mostrou nas distintas eleccións de 2019 acode ás urnas.

E é que, conforme sinalou, a cidadanía sabe que é necesario "corrixir" a senda de recortes nos servizos públicos e a falta dunha "verdadeira política económica" que se mostrou na última década. "Era algo evidente", sinalou, antes da aparición do coronavirus, que "agora se fai máis patente" á vista da crise social e económica derivada da pandemia.

"As nosas receitas son hoxe máis necesarias que nunca", reivindicou o máximo dirixente do PSdeG, que destacou que "a defensa do Estado do Benestar é fundamental". Así, ha modo de exemplo, puxo sobre a mesa que a sanidade pública non é só unha cuestión de xustiza social, senón tamén unha garantía colectiva, e lamentou que a COVID-19 atopase a Galicia cun sistema "debilitado".

De feito, denunciou que a etapa de Feijóo na Xunta supuxo o recorte de máis 2.000 millóns na sanidade pública galega, o peche dun milleiro de camas de hospitais e a precarización do emprego sanitario. "Nós temos un compromiso clarísimo cos servizos públicos" e coa "construción dun "escudo protector para a cidadanía máis vulnerable", destacou. Neste sentido, afirmou que as políticas "inclusivas" posta en marcha polo Goberno de España son "unha referencia" fronte á "máquina de recortes" que, segundo indicou, foi a Xunta con Feijóo.

No referido ao ámbito económico, apuntou que, antes da chegada do virus, destruíronse en Galicia 70.000 postos de traballo. Por iso, considerou necesaria unha nova política económica e industrial á vista de que "a gran medida" de Feijóo foi o anuncio dunha ducia de buques para Pemex que se concretou en "dous, un deles paralizado no estaleiro de Barreiras".

Para Gonzalo Caballero tamén é necesario un cambio en Galicia no relativo á cuestión territorial. "Falta apoio", indicou, á "Galicia interior" nun momento no que a comunidade galega presenta "os peores datos demográficos de España" e en que nos sectores non atopan respostas aos seus problemas.

FEIJÓO E A XESTIÓN DA PANDEMIA

Neste contexto, o candidato do PSdeG á Presidencia da Xunta asegurou que Feijóo "non quere que haxa campaña" para non ter que render contas da súa xestión ao longo de máis dunha década e tamén durante a crise da COVID-19, nun contexto no que o "o 60% dos galegos quere un cambio".

Entre outras cuestións, sinalou como os dous principais focos de contaxios en Galicia, unha comunidade na que o virus circulou pouco, rexistráronse en ámbitos competencia da Xunta, como son as residencias de maiores ou os traballadores da sanidade pública.

Por iso, o líder do PSdeG rexeitou o "relato" que tenta vender Feijóo de que soubo anticiparse á pandemia, tendo en conta que o confinamento foi decretado polo Goberno de España cando en Galicia había un número moi baixo de afectados, o que impediu que o virus se estendese".

Do mesmo xeito, sinalou que tampouco "a imaxe" de moderación que Feijóo busca ofrecer se co corresponde coa realidade. "Nun momento no que a dereita perdeu a responsabilidade que lle era esixible, Feijóo estivo totalmente involucrado nesta estratexia partidaria de acoso e deslealdade co Goberno de España", reprobou para lembrar que o día 3 de maio o presidente da Xunta xa pedía a retirada do Estado de Alarma.

O secretario xeral do PSdeG e candidato á Presidencia da Xunta, Gonzalo Caballlero, partiicpa no encontro telemático de Nova Economía Fórum. PSDEG
O secretario xeral do PSdeG e candidato á Presidencia da Xunta, Gonzalo Caballlero, partiicpa no encontro telemático de Nova Economía Fórum. PSDEG | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta