Científicos galegos iniciarán probas preclínicas en animais para unha vacina contra a Covid-19

O equipo está liderado polo profesor da Universidade de Santiago de Compostela José Martínez Costas e contará con financiamento da Comisión Europea.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 08/06/2020 | Actualizada ás 20:01

Comparte esta noticia

Un grupo liderado polo profesor da Universidade de Santiago de Compostela José Martínez Costas iniciará en breve unha nova fase da súa investigación para o desenvolvemento dunha vacina contra a Covid-19 con probas preclínicas en animais que serán financiadas pola Comisión Europea.

Mostra para facer un test de coronavirus
Mostra para facer un test de coronavirus | Fonte: © Miguel Núñez.

No caso de que os resultados obtidos por este equipo do Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CiQUS) sexan "satisfactorios" podería alcanzarse a fase clínica de ensaios en humanos.

A investigación realízase en colaboración co grupo de Javier Ortego no Centro de Investigación en Sanidad Animal do Instituto Nacional de Investigación y Tecnología Agraria y Alimentaria (CISA-INIA) co amparo do Instituto de Salud Carlos III de Madrid, que agora recibe o apoio da Comisión Europea.

"Un importante impulso ao noso traballo, sen dúbida, ao que se suma tamén o financiamento privado que obtivemos do Banco Santander e a asociación CRUE Universidades españolas, en colaboración tamén co grupo de Luís Enjuanes e Isabel Sola do Centro Nacional de Biotecnología (CNB-CSIC)", incidiu o profesor da USC.

Este equipo traballa desde o mes de abril no desenvolvemento da vacina para a Covid-19 desde unha nova metodoloxía creada e patentada pola USC que permite "resultados en marxes de tempo reducidos e a baixo custo".

"Facemos que células de calquera orixe fabriquen microesferas e introduzan dentro delas os antíxenos víricos", explicou Martínez Costas, que sinala que estas partículas "se purifcan moi facilmente e teñen capacidade intrínseca para estimular o sistema inmune, o que as converte en ideais como vacinas para o coronavirus, doenza que afecta principalmente a persoas de idade avanzada cuxo sistema inmune adoita estar debilitado".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta