Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/06/2020 | Actualizada ás 18:41
O candidato á presidencia da Xunta por A Marea Galeguista, Pancho Casal, instou este mércores a "superar" o actual modelo de residencias de maiores, caracterizado pola "privatización", e a aumentar o investimento público no campo da dependencia.
Casal reuniuse por videoconferencia con integrantes dos movementos sociais e asociacións que convocan este xoves as Marchas cívicas no sete cidades galegas, que lle trasladaron o ocorrido nas residencias galegas nos momentos de maior impacto da pandemia.
A Marea Galeguista esixiu o apoio a uns "servizos sociais públicos, universais, de calidade e de proximidade", que permitan "superar o modelo actual" das residencias de maiores, "marcado pola súa enorme privatización, prezos abusivos e mellorable calidade da atención pola precarización do persoal".
A candidatura encabezada por Pancho Casal sinalou que, neste momento, hai en Galicia "un total de 24.819 prazas en residencias, das que o 39,5% son propiedade de empresas privadas con ánimo de lucro, o 38,2% de empresas privadas sen ánimo de lucro, o 6,5% de titularidade pública e xestión privada e só o 15,7% de xestión plenamente pública".
Para o candidato á presidencia, estes números son "unha auténtica vergoña que ten responsables políticos", polo que instou a revertelo, ademais de ver "imperativo garantir a suficiente cobertura pública dos servizos de dependencia, ampliar o investimento público en atención á dependencia e establecer un calendario urxente de atención coa finalidade de reducir o número de persoas que se atopan en listas de espera".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.