Por Galicia Confidencial | Brión | 17/06/2020 | Actualizada ás 18:14
Parte do arquivo municipal de Brión viuse afectado seriamente por un lume que comezou na tarde deste martes. A rápida intervención dos efectivos do Grupo de Emerxencias Supramunicipal de Brión permitiu minorar os danos, cuxa cuantificación está aínda pendente de peritación.
A pesar da desfeita causada, o lume non afectou nin a documentación histórica nin a procedementos en tramitación, “só a un estante con documentos entre os anos 1979 e 1981”, segundo suliñou o rexedor de Brión.
A falta de confirmación por parte dos peritos, todo apunta a que o lume se iniciou nunha toma eléctrica dun deshumidificador, descoñecéndose se foi por problema da instalación eléctrica ou do propio aparato. O lume produciuse pasadas as 14:30 horas de onte martes, polo que as dependencias municipais estaban xa baleiras de persoal. Unha das persoas que estaba cun horario diferente foi a que escoitou a alarma e deu o aviso, o que permitiu unha rápida actuación.
O incendio xerou unha importante fumareda que afectou a todo o edificio, polo que o Concello de Brión empregou na tarde de onte o canón de ozono adquirido recentemente para o GES para desinfectar e quitar os olores na zona. O concello aínda ten que decidir como afrontar a limpeza dos numerosos cadros, cedidos polos participantes nos Encontros da Arte, que resultaron afectados pola cinza e polo fume. O alcalde adiantou que o Concello vai proceder tamén a unha revisión do sistema de alarma.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.