Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 18/06/2020 | Actualizada ás 13:45
A Sala do Contencioso do Tribunal Supremo desestimou un recurso de Conservas Calvo —filial que forma parte do Grupo Calvo— contra unha sentenza da Audiencia Nacional de 2017 -—con base nunha resolución do Tribunal Económico-Administrativo Central (TEAC) de 2014— que fixa que a empresa debe abonar 6,5 millóns de euros como liquidación de intereses de demora sobre o IVE á importación de atún desde O Salvador durante 2008.
Nunha sentenza con data do 3 de xuño, o Supremo ratifica o fallo da Audiencia Nacional, aínda que considera que non procede declaración de pago de costas do recurso de casación "ao non apreciarse mala fe ou temeridade".
A sentenza recolle que en 2009 a Oficina Europea de Loita contra a Fraude (OLAF) realizou unha investigación na que detectou que as importacións de atún que realizou Calvo en 2008 do Salvador "non se podían beneficiar das reducións arancelarias" relativas ao coñecido como sistema de preferencias xeneralizadas da UE.
Tras iso, a administración aduaneira española procedeu a comprobacións que resultaron nesta liquidación de impostos que debe realizar Calvo.
Calvo defendía que o informe da Oficina Europea de Loita contra a Fraude (OLAF) era "nulo de pleno dereito" ao emitirse sen ter en conta o procedemento establecido e cun "cúmulo de irregularidades", do que as autoridades aduaneiras españolas partiron para efectuar as liquidacións.
Con todo, no fallo reflíctese, entre outras cuestións, que está acreditado que os buques "non cumprían o requisito de ter polo menos o 75% da tripulación a condición de cidadáns do Salvador ou dos estados membros esixidos".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.