O sector das orquestras carga contra os concellos e reclama un plan de rescate ante un verán "difícil"

Reprochan aos consistorios a suspensión de festas e estes inciden na falta de "medios" para controlar os aforamentos.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 28/06/2020 | Actualizada ás 11:25

Comparte esta noticia

O sector das orquestras galegas reclama un plan de "rescate" ante un verán "difícil" polas dificultades que ven para que se celebren verbenas. "É antisocial", asegura o presidente da Asociación Galega de Orquestras, Manuel Fariña, que admite o difícil panorama que se presenta para o sector, a pesar da decisión da Xunta de permitir a súa celebración a partir do 1 de xullo.

Verbena en Galicia co Combo Dominicano.
Verbena en Galicia co Combo Dominicano.

Segundo o avanzado polo Executivo galego, deberán celebrarse en espazos acoutados que permitan controlar os aforamentos e estes serán, nos recintos máis grandes, dun máximo de 2.000 persoas, que deberán usar máscara e respectar a distancia de seguridade de tres metros cadrados por individuo. O protocolo, elaborado por expertos en colaboración co sector, será "gradual", en función da evolución da pandemia, sen descartar a posibilidade de ampliar aforamentos.

"Os concellos párano, aínda que as comisións de festas queiran facelas", afirma Manuel Fariña, que subliña que as orquestras están nestes momentos sen posibilidade de actuar".

"Algún músico non estaba dado de alta --sinala sobre o seu sistema de cotización fixo/discotinuo--, a algunhas orquestras o ERTE denegóuselles", cita como exemplos sobre as repercusións que na súa actividade tivo a pandemia.

"Pillounos cando se empeza a ensaiar e con músicos apalabrados para empezar en abril", explica. "No inverno vívese do cultivado durante a tempada alta", anticipa tamén ante o que lles espera despois do verán.

Lembra que hai orquestras como Panorama que xa anunciaron que non actuarán este ano, pero a iso engade a situación doutras moito máis pequenas. Ao fío disto, incide en que hai "festas de todo tipo". "De cen a 300 persoas e poderíase facer festa de nove da noite ata o tres e media, non se necesitan festas ata as seis da mañá", defendendo a posibilidade de que os concellos abran a porta á celebración de verbenas.

EN XOGO 3.000 EMPREGOS

Neste sentido, lamenta ter "case todos os concellos en contra". "O argumento é moi fácil, gastar pouco e quedar ben, pero non compartimos esa opinión, necesitamos traballar", insiste reclamando ese apoio por parte dos municipios.

Só en Galicia lembra que hai "3.000 postos de traballo en xogo". Por todo iso, demandan da Xunta un plan de axudas e, aínda que admite que "hai cousas como os ERTE que non son competencia autonómica", incide na necesidade dun "rescate" deste sector e coa implicación de todas as administracións.

Con este obxectivo, sinala que se mobilizarán o 8 de xullo en Madrid. "Necesitamos unha saída, sen rescate non podemos vivir", engade. "Se eu tocaba en 70 datas no verán e só o vou facer en 30, só me queda rebaixar as prestacións e non lles daría para vivir", apostila sobre os profesionais que traballan neste sector.

PROTOCOLOS "ASUMIBLES"

Pola súa banda, o presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e alcalde de Vilagarcía de Arousa, Alberto Varela, manifestou que os concellos solicitaron "protocolos claros" para quen decida celebrar festas ou en caso de autorizar as que se soliciten.

"E que sexan asumibles e xestionables por parte dos concellos", asegura Alberto Varela, quen admite que é "moi difícil que moitas administracións se vaian animar a celebrar eventos".

"Os concellos non teñen medios para vixiar e controlar". "Hai cousas que ata onte --sinala sobre o inicio da pandemia e as consecuencias que tivo no día a día dos municipios-- coa Lei de Espectáculos non teriamos que controlar".

"Sabemos o importante do sector e quereriamos celebrar festas, pero se non se fan é porque non hai as condicións para controlalo", insiste ante o temor de que se produzan contagios por COVID-19.

A SEGURIDADE

En similares termos, pronúncianse desde algúns concellos consultados como os de Viveiro (Lugo) ou Culleredo (A Coruña), no que cada ano se reúnen en xullo miles de persoas para celebrar as festas do Santiago Apóstolo ou noutros como Moraña (Pontevedra).

Neste último, afirman que analizarán o caso "se algunha parroquia o pide e se se cumpren as condicións". "Hai que mirar", afirman fontes municipais. En Viveiro, a súa alcaldesa, María Loureiro, asegura que están suspendidas todas as festas patronais que organiza o concello no verán. "Aquelas festas que nos pidan a solicitude e vexamos que non se cumpren as medidas que nos esixen, loxicamente non a imos a autorizar", asevera.

En Culleredo, desde o Concello precisaron que se falou coas comisións de festas e que "en todas o ánimo era de non celebralas". "Non haberá festas, o primeiro é a seguridade e nunhas verbenas como as de Culleredo non se pode garantir", apuntan fontes municipais.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta