Por Europa Press / Redacción | A Coruña | 13/07/2020 | Actualizada ás 15:02
A Orquestra Sinfónica de Galicia (OSG) celebrará a súa tempada de concertos no Coliseo para "protexer os músicos e os espectadores". Así o anunciou a alcaldesa da Coruña e presidenta do Consorcio da Música, Inés Rey, que afirmou que será o ciclo "máis esixente presentado ata agora" porque, dixo, "adáptase ás necesidades actuais".
A OSG trasladarase do Palacio da Ópera ao recinto multiusos, o que, segundo o seu xerente, Andrés Lacasa, permitirá que acuda público "do resto de Galicia". Os 1.800 abonados da tempada pasada terán descontos nas entradas desta época, engadiu na rolda de prensa de presentación do ciclo celebrada no Concello.
O director da orquestra, Dima Slobodeniouk, explicou que a tempada terá tres eixos: a música vocal, a romántica e a do século XX e considera que o Coliseo non minguará a calidade das actuacións. "Haberá un resultado interesante e o máis importante é a seguridade para nós e para o público", defendeu.
Slobodeniouk afirmou que os meses de confinamento foron "moi difíciles" para todos os músicos e, aínda que recoñeceu que tocar e dirixir con máscara "non é fácil", mostrouse satisfeito da volta á actividade. "O importante é que estamos en pé, dando un paso adiante", apuntou.
MESTIZAXE
A tempada incluirá un ciclo novo "para todos os públicos" e Lacasa anunciou que a OSG traballa nun proxecto co músico coruñés Xoel López que, segundo expuxo, "dará moito que falar". O xerente avanzou que haberá "temas" do cantante e "algunha sorpresa" e mostrouse convencido de que será "unha boa mestizaxe".
O responsable da OSG afirmou que a orquestra "volverá virar" por Galicia e destacou a estrea da Cantata Torre de Hércules, que estivo "escondida moito tempo nun caixón" e que mantén a súa estrea para principios de novembro.
O repertorio sinfónico abrirase en outubro coa Sinfonía nº9 de Gustav Mahler e pecharase en xuño co Requiem de Mozart, nun concerto no que a agrupación orquestral compartirá escenario co seu coro e as súas orquestras infantís.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.