Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 06/12/2024 | Actualizada ás 22:00
Quen dixo que á xente nova non lle interesa a cultura ou o folclore galego? Aínda hai novos aos que si lles interesa, e moito, e que son quen de transmitir as súas inquedanzas aos seus iguais, facéndoo dun xeito ameno e con moito humor, na linguaxe que eles mellor coñecen: a das redes sociais. Este é o caso de Miguel Barbazán, integrante de 27 anos do grupo de folclore galego Cantigas e Agarimos que leva xa un tempo subindo contido á súa conta de Instagram (@miguelblesta) e de Tik Tok (@miguelblesta) explicando os diferentes tipos de muiñeiras que existen en Galicia, achegando as historias de sabiduría das nosas anciás e tocando diversos instrumentos. El mesmo se define como un 'recompilador de tradicions'. Hoxe o Galicia Confidencial conversa con el sobre esta forma de ocio que, sen dúbida, non deixa indiferente a ninguén, e que xa acadou moitos comentarios positivos e de apoio.
A inquedanza de Miguel pola tradición folclórica galega comezou cando el tiña 15 anos. "Metinme nun grupo de amas de casa de Urdilde (Rois)", cóntanos, algo, sen dúbida, nada frecuente para un mozo de tan curta idade. Pero o que aconteceu realmente foi que "a miña nai e as miñas avoas xa estaban tocando alí dende facía un tempo e mercaron para a casa un disco de Leilía, disco que eu poñía continuamente en bucle, ata que chegou un día que, de tanto oílo, díxose: jo, que guai o que fan, eu quero aprender a facer o mesmo ca elas". E dito e feito, alí foi Miguel apuntarse ao grupo no que estaban a súa nai e as súas avoas. Logo pasou a un grupo de pandereteiras de Brión e, despois, como chancea, "din o salto á gran cidade: vinme para Santiago e entrei en Cantigas e Agarimos". Neste grupo de gran soa na nosa terra (e tamén fóra dela) leva xa dende os 18 anos, cantando e bailando, e tendo en conta que ten 27 na actualidade, leva practicamente dez anos ininterrumpidamente nel.
No tema das redes sociais confesa que comezou "un pouco de broma", porque "nós dende Cantigas e Agarimos facemos a miúdo un traballo de recompilar cancións e bailes por toda Galicia dende fai uns nove anos, case dez". E para Miguel resultaba "unha mágoa que toda a cultura tradicional galega tivese que quedar reducida ás nosas memorias extraíbles, ao nosos ordenador", porque "antes había moita xente, agardo que xa menos, coa crenza de que todo estaba xa recopilado e de que xa non quedaba nada máis por almacenar, nin ninguén a quen poder preguntarlle sobre estas cousas como o folclore". Debullando esta historia, "doume moita rabia e díxenme: 'cago en toh', eu vou facer un vídeo para ensinarlle á xente que aínda quedan un feixe de cousas por descubrir e que hai moitísima máis variedade de músicas e bailes galegos da que pensamos". "Comecei de broma, un pouco coa idea de amosarllo aos meus amigos do Instagram, e logo xa vin que á xente lle gustaba, así que os seguín facendo", confesa.
"AO FINAL OS MÁIS MOZOS PASAMOS MOITAS HORAS DIANTE DOS TELÉFONOS, EU INCLUÍDO, VENDO Á XENTE BAILAR NO TIK TOK, E EU QUERÍA IR MÁIS ALÓ"
E é que para el, segundo puido comprobar, está claro que "hai moita xente nas cidades que non coñece esta cultura, nin estes bailes, nin estes instrumentos...". E, unha vez que viu que os vídeos funcionaban, Miguel foi perfeccionando a súa edición e estrutura: "Funos estruturando un pouquiño mellor e orientándoos xa cara temas que poden ser de interese para todo o público, que poden enganchar non só aos amantes do folclore", porque, como confesa, "eu tamén quero que a xente se entreteña". Este novo, aínda a pesar da súa curta idade e de formar parte dunha xeración que actualmente vive máis nas redes sociais que no mundo real, critica que "ao final os máis mozos pasamos moitas horas diante dos teléfonos, eu incluído, vendo á xente bailar no Tik Tok e vídeos de risa, sen máis trasfondo", de tal maneira que el optou por "facer tamén un contido entretido, pero co que puidese facer tamén algunha reivindicación da nosa cultura". Pois asegura que "a cultura galega sempre tende a asociarse coa muiñeira, o gaiteiro e a saia vermella, e os meus vídeos demostran que non só somos iso, senón que hai moitísimo máis".
Deste xeito, Miguel ensina a diversidade e variedade tan grande que existe dentro do folclore galego. A pregunta é: como chega el a coñecer tanta variedade? Porque o certo é que nos chegou con ver algunhas das súas publicacións para percatarnos de que non é doado que a xente coñeza semellantes historias. Así que, como nos explica, "en realidade vanme vindo ideas á cabeza que vou apuntando, de maneira espontánea, grazas ás cousas que me van contando ao longo de todos eses días que saímos 'a recoller' dende o grupo, como lle chamamos ao que facemos de recompilar historias pola xeografía galega". No caso concreto do vídeo no que fala sobre as variantes da muiñeira, apunta que "pareceume curioso poder contar isto, porque é algo que nin sequera eu, que son amante do folclore, coñecía, porque ao final temos esa crenza tan estendida de que a muiñeira só se basea en dous ritmos e xa, cando en verdade hai un abano moito máis amplo". Ademais, outra cousa moi interesante nos vídeos de Miguel é que sempre dá voz aos seus protagonistas: "Eu quero que sexan as propias persoas que me conta a min a historia a que lla conten aos meus seguidores", aínda que, por desgraza, lamenta que tamén "hai xente que é máis tímida e non quere saír, así que neses casos teño que poñerme eu diante da cámara".
"O QUE EU FAGO NON É NADA HABITUAL EN XENTE DA MIÑA IDADE, RECOÑEZO QUE SON UN POUCO 'BICHO RARO', PERO GÚSTAME SELO"
Cando comezou a súa andaina nas redes, Miguel non agardaba "nin de broma" que os seus vídeos acadasen tanta repercusión, pero considera que tamén gustan, porque "doulles o protagonismo a quen realmente o merecen", ademais de porque "sempre tento meterlles algunha cousa que chame moito a atención, para que tampouco a xente cando comece a velos pense que lle vou dar unha clase tediosa", senón que, pola contra, "vexan que van aprender grazas a algo divertido, aprender case sen darse conta". E foi así como este rapaz pasou de pensar que "só o ían ver catro frikis do folclore coma min e pouco máis, a ver que realmente me vía moita xente e que mesmo me compartían e recompartían, chegando a ter comentarios de xente de fóra de Galicia, doutros recunchos de España". De feito, conta a anécdota dun comentario que lle fixo moita graza, dunha persoa que lle dicía que odiaba as muiñeiras, pero que, sen embargo, encantábanlle os seus vídeos, algo que a el o encheu de orgullo, porque "penso que é moi guai poder enganchar co meu contido á que realmente non lle gusta o folclore en galego, é incrible".
Agora, Miguel atopou neste espazo a súa zona de confort, máis aló dos amigos que ten que comparten tamén a súa paixón, algo que, como confesa, "non é nada habitual en xente da miña idade". "Eu recoñezo que son un pouco 'bicho raro', pero gústame selo", chancea, asegurando que en verdade son tres ou catro compañeiros os que se atopan na mesma situación ca el, fóra do prototipo estándar de rapaz de vinte anos. Mentres que, cando vai á facultade e comenta as cousas que fai e os 'hobbies' que ten, asegura que os seus compañeiros dinlle a modo de broma: "Ou sexa, que persegues vellas"; ao que el resposta, con sorna: "Si, un pouquiño si, pero claro, aprendo delas tamén, así que 'mólame''". E, precisamente por comentarios así, lembra que o primeiro vídeo que publicou nas súas redes "foi precisamente explicando o que facemos dende o noso grupo en realidade, que non só se trata de falar con xente, senón de coñecer un feixe de lugares e de facer amigos e amigas de 90 anos por toda Galicia, algo que persoalmente me parece moi enriquecedor". Así, a través do humor e da naturalidade, Miguel transmite a paixón que el sente pola nosa cultura galega e trata de facerlla chegar á xente, e asegura que, "mentres me duren as ideas, así vou seguir".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.