Por Ángela Precedo | A CORUÑA | 28/03/2025 | Actualizada ás 20:50
Durante séculos, os portos galegos foron grandes escaparates do comercio atlántico no noroeste peninsular. A súa privilexiada situación xeográfica, porta entre Europa e América, converteunos nun enclave estratéxico para as rutas mercantís da Idade Moderna. Sen embargo, entre os produtos que entraban e saían dos seus pantaláns --téxtiles, metais, augardente, zucre-- tamén se ocultaba unha realidade máis escura: a súa implicación, directa ou indirecta, no tráfico de escravos. Aínda que a historiografía tendeu a centrar o foco en portos como Cádiz, Sevilla ou Lisboa, diversos documentos revelan que A Coruña e Pontevedra tamén formaron parte desa rede de intereses económicos que se beneficiaron do comercio negreiro, xa fora fretando barcos, proporcionando produtos para o intercambio ou acollendo comerciantes ligados a este negocio. Nese sistema, miles de mulleres escravizadas sufriron unha violencia específica, marcada pola explotación sexual, a maternidade forzada e a rutura constante dos lazos familiares. Explorar este pasado silenciado é fundamental para comprender o papel que xogaron as elites galegas e as asentadas en Galicia nun sistema de explotación global que marcou fondamente a historia de tres continentes. O historiador Xosé María Leal dá conta desta dura realidade ao Galicia Confidencial.
"A Coruña e Pontevedra foron importantes centros de venda de escravos negros nos séculos XVII, XVIII e XIX, fundamentalmente de mulleres negras, que eran comerciadas como escravas e que chegaban a estas cidades galegas apresadas en barcos tras ser capturadas nos seus países de orixe", asegura Leal. "En concreto, os holandeses e os franceses vendían moita mercancía no Mediterráneo e aproveitaban as súas viaxes para mercar mulleres negras ou apresaban barcos que levaban escravos que logo viñan vender a portos como o da Coruña e o de Pontevedra", sinala. "Cando a partir de 1808 os ingleses aboliron a escravitude, o lugar que eles deixaron na trata de negras, ocupámolo nós, os galegos", resalta. E, máis en concreto, por citar un dos galegos adicados a ese negocio, apunta a Barrié --de orixe francés, era o propietario dunha das fábricas de sombreiros máis importantes da época e foi organizador dun total de 13 expedicións--. Foi a partir de aí cando o porto da Coruña se convertiría en porto negreiro por excelencia de Galicia. "Dende el facíase o coñecido como comercio triangular: saían barcos armados por comerciantes, os cales moitos deles non eran galegos, pero si estaban instalados en Galicia a pesar de ter outras nacionalidades; baixaban a por persoas negras a África; e, de África, volvían con escravos a Galicia para comerciar con eles".
"A TRIPULACIÓN DOS BUQUES NEGREIROS TIÑA INSTRUCIÓNS DEE NON TOCAR ÁS MULLERES, PORQUE UNHA EMBARAZADA COMÍA MÁIS E TRABALLABA MENOS"
Neste contexto, como explica Leal, "a tripulación destes buques tiña instrucións máis que precisas dos armadores de que, unha vez que se recollese o lote de escravos negros, ás mulleres non debían nin achegarse". O por que? Lonxe de ser por un feminismo desinteresado que lles nacese xa naqueles tempos da Idade Moderna, o certo é que se trataba dunha cuestión económica. "Unha muller embarazada ía comer máis, porque tiña dúas bocas que alimentar, e traballar menos", sinala o historiador. Isto facía que "moitos propietarios de plantacións de Cuba --moitos deles españois e mesmo galegos--, a onde principalmente se dirixían estes escravos para servir de man de obra barata, non quixesen mulleres negras embarazadas, porque lles consumían moito e traballaban pouco". A pesar diso, "gran parte de tripulación negreira saltábase as instrucións que lles deran os seus armadores sen importarlle nada, porque aínda que as violasen e as deixasen en cinta, cando o barco chegaba á Habana no curso dun mes, a eles xa lles importaba bastante pouco o que pasara con esas mulleres unha vez vendidas". Despois dos séculos XVII e XVIII chegaría a trata organizada, a comezos do XIX, que estaría operando en auxe ata a abolición definitiva da escravitude en España, no ano 1870.
A prohibición da escravitude en Inglaterra en 1808 relanzou o tráfico dende o porto coruñés. Entre 1816 e 1820 e, a pesar dos intentos do Trienio Libera por rematar coa trata escrava, dende A Coruña saíron 25 expedicións negreiras, que levaron a Cuba a 6.854 persoas --estímase en 110.000 as que se transportaron dende España neses anos--. O máis activo comerciante --foron del a metade das expedicións-- foi Juan Francisco Barrié D'Abadie, bisavó de Pedro Barrié, conde de Fenosa. Outros nomes son Bartolomé de las Casas, José Blanco, Marcial Francisco del Adalid --avó do músico do mesmo nome e apelido--, José Arias, Francisco Romeu, José Mens, Manuel Sierra, Jaime Dalmau, González del Valle, Antonio Santiago de Llano, Martín de Torres Moreno... Moitos deles presentes aínda no ruario da cidade da Coruña. Con posterioridade a eses anos, o maior emprendedor do ramo sería Juan Menéndez Fuertes, levando escravos a Cuba e traendo dalá zucre. Herdaría o seu negocio --tras casar coa súa viúva, Modesta Goicuría-- Eusebio de A Guarda, que tamén fixo transportes a grandes traficantes como Antonio López, Marqués de Comillas.
UNHA DAS HISTORIAS QUE CHEGOU ATA NÓS: OS DOUS ESCRAVOS DO CAPITÁN PEDRO DEL BARCO, DA PRIMEIRA EXPEDICIÓN FILANTRÓPICA DA VACINA
As historias que deixou este comercio de escravos en Galicia foron moitas, como dan testemuño os escritos e actas notariais que se conservan relativos á venda destas persoas de raza negra. O capitán Pedro del Barco, da nave 'María Pita', a que levou ata América ao equipo médico da Real Expedición Filantrópica da Vacina --a primeira campaña transcontinental de sanidade na historia da Medicina--, tiña entre a súa tripulación a Francisco, un dos dous escravos negros á súa disposición. Ía de segundo cociñeiro e o seu salario era de 160 reais mensuais, retribución que, tratándoo como un ben moble, pararía nas arcas do propietario do "obxecto", neste caso, da persoa arrendadora. Francisco recibira a súa confirmación no catolicismo en 1774, na igrexa parroquial de Santiago, de mans do arcebispo de Compostela, na mesma cerimonia na que tamén foron confirmados os propios fillos de Pedro del Barco, o que remarca a vida conxunta e a normalización dos escravos na vida cotiá daquelas grandes familias.
Da mesma idade que o escravo Francisco era o segundo escravo de Pedro del Barco, Joseph Laureano, que fora comprado, con 30 anos, en 1789, por Francisco Antonio Avello, capitán dos Reais Correos Marítimos, en Montevideo, por 6.000 reais. En febreiro de 1793, despois de catro anos, "nos que lle serviu ben e humildemente", o capitán Avello "dállo en venda real perpetua, a Pedro del Barco, que compra para si mesmo, a súa muller e os seus, ao mulato escravo Joseph Laureano, na cantidade de 2.600 reais". A escritura notarial introduce unha matización "humanitaria" da que ata se podía deducir que os posibles ingresos salariais de Joseph Laureano irían ao seu propio peto ou a unha carta de aforros que lle custodiaría o dono, con vistas a ir facendo caixa para poder mercar a súa propia liberdade. No documento faise constar a merma de 3.400 reais entre a compra orixinal e a venda a Pedro del Barco "é a favor do motivado escravo, atendendo aos bos servizos que o vendedor recibira do referido escravo".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.