A Xunta subvenciona con 150.000 euros a creación de videoxogos "made in Galicia"

Puntuará o interese cultural de cada videoxogo, a súa temática, a súa promoción do idioma galego, a súa capacidade para xerar emprego

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/12/2024 | Actualizada ás 13:06

Comparte esta noticia

O Diario Oficial de Galicia publica este martes as bases para optar á nova orde de axudas destinadas á creación de videoxogos galegos e dotada, para dúas anualidades, con 150.000 euros. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes. En total, estas axudas, que a Xunta convoca por primeira vez con fondos propios, contarán con 150.000 euros para os próximos dous anos e cada proxecto poderá recibir un máximo de 25.000 euros, ata o tope do 75% do orzamento subvencionable.

A convocatoria de 2025 será en réxime de concorrencia competitiva, é dicir, valoraranse uns criterios automáticos e técnicos. Máis en concreto, puntuará o interese cultural de cada videoxogo, a súa temática, a súa promoción do idioma galego, a súa capacidade para xerar emprego --con especial atención á incorporación de mulleres aos equipos-- e a diversidade do público ao que se dirixe.

Os beneficiarios son empresas e persoas traballadoras autónomas do sector dos videoxogos que conten cunha oficina ou sucursal permanente na Comunidade Autónoma de Galicia ou nun Estado membro da UE ou que forme parte do acordo que establece a área Económica Europea e que desenvolvan a súa actividade habitual en Galicia, polo menos cun ano previo a esta convocatoria.

Os gastos admisibles serán os que fosen realizados e pagos entre a data de presentación da solicitude de axuda e o 30 de xuño de 2026. O período de execución subvencionable, por tanto, abarca desde o día seguinte ao da presentación da solicitude ata o 30 de xuño de 2026.

Terán a consideración de proxectos subvencionables aqueles proxectos dirixidos ao desenvolvemento dun videoxogo en todo o seu proceso de creación, deseño e programación, comercialización, distribución e difusión, na súa fase de prototipo, sempre que non estea vinculado á promoción ou publicidade dunha marca empresarial e non sexa un videoxogo xa publicado.

Videoxogo de fútbol
Videoxogo de fútbol | Fonte: Commons

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta