Por Europa Press / Redacción | OURENSE | 21/07/2020 | Actualizada ás 13:24
Os resultados coñecidos das probas PCR practicadas ás 16 persoas, todas eles empregadas da mesma compañía e en contacto directo co home positivo en Covid-19 que se desprazou recentemente por motivos laborais desde Lleida ata A Pobra de Trives deron negativo, a falta de concluír estudos nalgún caso.
Segundo confirmaron as autoridades sanitarias, consultadas por Europa Press, espérase que ao longo deste martes se dispoñan xa dos resultados de todas as probas das 16 persoas que permanecen en illamento domiciliario de 14 días, todas elas "asintomáticas" e sometidas a "seguimento por Sanidade, mediante a monitorización do seu estado".
Dous destes contactos optaron por pasar a corentena na súa comunidade de orixe, unha decisión que "foi comunicada á institución autonómica responsable", segundo confirmou o Sergas, despois de que os alcaldes de San Xoan de Río, Manzaneda e A Pobra de Trives alertasen desta situación mediante un comunicado.
Os rexedores dos tres concellos tamén agradeceron que se atenda a súa demanda de realización de probas aos contactos, a pesar de que entendían "preferible o traslado á súa comarca dun equipo móbil, tal e como demandaron o pasado sábado, evitando o desprazamento dos traballadores ao hospital de Ourense co consecuente risco que puidese ocasionar".
Polo momento, o traballador que deu positivo continúa ingresado no Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO). Mentres, o Concello de Trives púxose en contacto coa empresa para esixirlle responsabilidades despois de "enviar a un traballador desde unha zona de alto risco con síntomas compatibles con COVID-19".
Ademais, unha empresa especializada encargouse "da desinfección dos lugares comúns dos edificios de Trives nos que conviven os compañeiros da persoa afectada" co fin de contribuír a "evitar riscos innecesarios para a poboación".
PECHE DE ESTABLECEMENTOS
Dous locais de hostalaría da comarca nos que comían ou durmían algúns dos compañeiros do operario que deu positivo ao COVID-19 decidiron pechar durante uns días "por precaución".
Tamén os alcaldes de Trives, Manzaneda e San Xoán de Río tamén optaron por tomar as medidas que "están na súa man" para previr que a situación non se converta nun brote. Por este motivo a comarca mantén a súa "blindaxe voluntaria" coa paralización de diversos servizos como piscinas, campamentos infantís ou visitas a residencias de anciáns.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.